Criaturiña de Antonio M. Fraga está ilustrado por Santi Gutiérrez e publicado na colección Merlín de Xerais.
Da presentación editorial: "Ulises, un neno que adora a rutina e soña cunha vida tranquila, recibe un estraño ovo da súa tía Artemisa. Por outra parte, Francisco Bestilleiro, coñecido como o Efebeí, aspira a ser o mellor policía da vila, aínda que as súas misións sempre acaban en desastre total. Cando, na Noiteboa, do ovo sae unha criaturiña tan doce como perigosa, todo se complica: vampiros, cans desaparecidos, persecucións de Papá Noel e trufas de bacallau que poden cambiar o destino das persoas. Entre cartas, malentendidos e moito humor, Ulises e o Efebeí, xunto coa resabida Sabina, deberán resolver un misterio que mestura o absurdo co extraordinario. Unha aventura trepidante para rir a esgalla."
Dúas historias que son unha: a contada en primeira persoa por Efebeí e dirixida ao seu admirado Chuck Norrias e a do neno Ulises dirixida á súa tía.
A mesma historia contada dende dous puntos de vista. Por un lado un toleirón con pouca cabeza que accede ao Corpo de Policía Municipal do seu pobo por unha recomendación do mozo de súa nai e non fai máis que barbaridades buscando destacar no que el entende por cumprir co deber. Por outro, un rapaciño (que se apelida Cabal de primeiro e Ventureira de segundo), que se define como mortalmente aburrido e serio como seu pai pero que se ve involucrado nunha aventura tremenda despois de que a súa tía (a meirande representante da aventura) lle envía o ovo dunha criatura de especie extinguida. É Nadal, o neno e o policía, o ovo e a criatura quer nace del, a nena que acompaña ao neno, os pais ao seu el cociñando despois de volver do traballo de rexistrador da propiedade e ela atendendo a libraría Soños de papel que rexenta e grazas á que pode vivir todas as aventuras grazas ao libros. Dúas familias tan distinta que o rapaz está desconcertado. O humor moi presente, dende as situacións desatinadas as conversas de xordos nas que a nai do policía, xorda, entende todo como cadra e crea momentos dunha comicidade extrema. Unha criaturiña que pode medrar de forma desorbitada, que pode facer cousas inverosímiles pero que como estamos nun mundo de fantasía se poden amañar con boa intención.
Para finalizar, están as cartas de resposta de Artemisa Ventureira ao seu sobriño e a da secretaria de Chuck Norris a Efebeí. Si, tal como agardades!


