O neno de lume de Ledicia Costas acadou o premio Merlín 2021, agora aparece ilustrado por Iván R
En palabras do xurado: "O neno de lume conta a fascinante historia de Morgan, un neno
peculiar que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta diante da
casa da señora Culpepper xunto cunha enigmática nota que dicía: «Lévenme
máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son O
Neno de Lume». Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha
pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar.
Un día, a cidade aparece cuberta por unha mesta néboa con sabor a sopa
que non levanta co paso dos días. Sen rastro do sol, Morgan sente como
Luminaria se vai apagando. A señora Culpepper lembra a nota que traía
Morgan na cesta, e o neno prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da
néboa. Cren que Luminaria só poderá sobrevivir se atopan a casa das tres
irmás. O que non imaxinan é quen son en realidade esas mulleres.
O neno de lume sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil
pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola
orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios.
Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra
mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no
didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do
valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder
da amizade. (…)"
Certo, este neno de lume lembra as historias clásicas de nenos desgraciados (ao estilo Dickens) pero sempre salvados por mulleres que andan soas (ao estilo Ledicia). Este neno de lume trae a lembranza de A nena de auga e o príncipe de lume de Docampo, quero pensar nunha homenaxe a ese creador de historias...
Sempre, sempre, pode o optimismo, a bondade, o caloriño da amizade, as tortas doces que levan o afecto á boca, o coidado dos demais, a esperanza nun futuro que nos conduce a Dahl. Un estilo moi propio na forma e no contido. Unha vez máis, Ledicia, fai que sexa doado querer os seus libros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario