martes, 8 de marzo de 2016

8 DE MULLERES

Unha imaxe. Unha Fundación, a Rosalía de Castro. Un libro, sempre un libro: válenos un clásico, Rapazas de Agustín Fernández Paz.
Unha colección de relatos arredor das rapazas, tocando todos os ámbitos nos que a discriminación da muller é visible. Cinco contos protagonizados por rapazas nesa idade de fronteira. "Visitante das estrelas" para ver o universo das mulleres desde dentro e desde lonxe porque será ese visitante chegado das estrelas quen nos conte. "Unha pedra na area", un talismán para darse ánimos cando se precisan. "Un curso con Ana" será unha marabillosa experiencia que deixa pegada, porque ela é unha muller que sabe o que sucede e está disposta a denuncialo palabra a palabra. "A primeira meta" para ver qué sucede coas mulleres no mundo do deporte (e seguir facéndoo agora cando mulleres como Vero Boquete están a dar bos exemplos). E para rematar "Dúas rosas murchas" con presenzas especiais e o misterio campando polas liñas. Relatos e Historia, porque un día coma hoxe temos que alegrarnos porque Marilar Aleixandre vai ocupar unha das cadeiras da RAG (Real Academia Galega), unha muller de ciencias e galego, de literatura infantoxuvenil e muller, a muller sempre na vangarda da súa escritura. Parabéns!

Ningún comentario:

Publicar un comentario