A colección Petos de Triqueta editora presenta Puntiño e Borrón de Anna Taraska, ilustrado por Daria Solk traducido por Víctor Mascato.
Da presentación editorial: "A nena Puntiño vive nun caderno con liñas. De maior gustaríalle converterse no punto do «i», pero de momento o que máis lle gusta é xogar, rubir polas liñas superiores e quedar con Borrón, o seu novo amigo que apareceu un bo día pola páxina do seu caderno. Cando Borrón desaparece sen deixar rastro, a Puntiño vénselle o mundo enriba. Onde se perdería o seu querido amigo? Para atopalo deberá emprender unha gran viaxe por outros cadernos: un libro de solfexo, outro caderno infantil e mesmo polos apuntes dunha poeta. Será quen de atopalo?"
De todo se pode facer un conto, para demostralo este libro. Unhas ilustracións realmente interesantes, imaxinativas, cun estilo propio e unha historia creada cuns personaxes estraños, tanto que case case nos resulta surreal por un lado, pero polo outro, temos un relato como moitos outros de dous de dous pequerrechos que se fan amigos e cando un deles desaparece a outra vaino buscar dando as voltas que sexan necesarias. Polo camiño atopa outros personaxes que lle van axudar nesa busca y todo remata ben.
Un Punto, un Borrón, unha Raia, as xemelgas Comiñas, o Corrector, Cadernos de diferentes cursos, cadernos de música con pentagramas ou de solfexo, cadernos de raias ou de cadradiños ou en branco, cadernos de distintas cores, Vector, os Interrogantes, o señor X, o señor Bemol, o señor Sostido, Rima, Clave de Fa, o A maiúsculo, o señor B, a señora D... que personaxes! Non é doado faceflos actuar con coherencia pero aí está a historia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario