Amosando publicacións coa etiqueta Triqueta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Triqueta. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de maio de 2026

Unha tradución dende Petos

A colección Petos de Triqueta editora presenta Puntiño e Borrón de Anna Taraska, ilustrado por Daria Solk traducido por Víctor Mascato.

Da presentación editorial: "A nena Puntiño vive nun caderno con liñas. De maior gustaríalle converterse no punto do «i», pero de momento o que máis lle gusta é xogar, rubir polas liñas superiores e quedar con Borrón, o seu novo amigo que apareceu un bo día pola páxina do seu caderno. Cando Borrón desaparece sen deixar rastro, a Puntiño vénselle o mundo enriba. Onde se perdería o seu querido amigo? Para atopalo deberá emprender unha gran viaxe por outros cadernos: un libro de solfexo, outro caderno infantil e mesmo polos apuntes dunha poeta. Será quen de atopalo?" 

De todo se pode facer un conto, para demostralo este libro. Unhas ilustracións realmente interesantes, imaxinativas, cun estilo propio e unha historia creada cuns personaxes estraños, tanto que case case nos resulta surreal por un lado, pero polo outro, temos un relato como moitos outros de dous de dous pequerrechos que se fan amigos e cando un deles desaparece a outra vaino buscar dando as voltas que sexan necesarias. Polo camiño atopa outros personaxes que lle van axudar nesa busca y todo remata ben.

Un Punto, un Borrón, unha Raia, as xemelgas Comiñas, o Corrector, Cadernos de diferentes cursos, cadernos de música con pentagramas ou de solfexo, cadernos de raias ou de cadradiños ou en branco, cadernos de distintas cores, Vector, os Interrogantes, o señor X, o señor Bemol, o señor Sostido, Rima, Clave de Fa, o A maiúsculo, o señor B, a señora D... que personaxes! Non é doado faceflos actuar con coherencia pero aí está a historia.

mércores, 15 de abril de 2026

Hospitalario, un libro para acompañar


 

Hospitalario é un libro do Hematocrítico.

Así se presenta: "O humor e a tenrura do Hematocrítico sobrevoan cada páxina deste libro. Hospitalario é máis que un cómic sobre a estancia infantil en hospitais. É un acto de amor. Belén acaba de chegar á UCI Pediátrica dun hospital e está moi angustiada. Cre que o hospital é un sitio aterrador, cheo de aparellos horribles e de médicos arrepiantes que fan cousas horribles. Leva razón? Imos descubrir o que esconde o hospital nesta historia tenra, emocionante e chea de humor." "Unha historia tenra, emocionante e chea de humor para axudar aos nenos e nenas a entender por que están nun hospital. Se es unha nena, neno ou tamén un adulto e che dan medo as UCI e os hospitais: tes que ler este conto. Se os contos se puidesen receitar como os medicamentos, este sería indispensable para nenas e nenos hospitalizados."

O diálogo entre unha nena que chega ao hospital e un neno con experiencia nestas lides que lle axuda. Cando ela o supera os seus medos, el ten que marchar, xa son amigos! Pero, como nunha cadea de favores, agora é ela quen vai axudar a unha nena que está chegando chea de angustia. 

domingo, 5 de novembro de 2023

Primeiras lecturas (II)

Axúdasme a debuxar un pato? de José Carlos Andrés con ilustracións de Pupé e publicado por Triqueta.

Da presentación editorial: "Non hai nada tan bonito como debuxar, pero, é fácil debuxar un pato? Matías é un neno un pouco ansioso, para todo necesita axuda. Matías ten que debuxar un pato para o seu cole, parece unha tarefa sinxela, verdade? Pois aparentemente a pesar de poder debuxar camións de bombeiros por el mesmo, non sabe debuxar un simple pato así que constantemente necesita a axuda da súa nai. Un libro con HUMOR en letras maiúsculas no que moitísimos nenos e nenas veranse reflectidos… e tamén as mamás e papás. Novo libro de Jose Carlos Andrés, experto narrador oral moi recoñecido polo humor aplicado nas súas historias.Unha historia realista e satírica para non parar de rir."

Si, certamente chama a berros á nai para que lle axude, ela vén unha e outra vez para darlle pé a que el continúe, primeiro un círculo, despois dúas raias (patas), logo tres liñas ao final das patas para que poda andar; Matías debúxalle dúas liñas e un círculo (pescozo e cabeza) e chámaa de novo. Ela debúxalle na cabeza dous círculos con puntos para que vexa, chama de novo pois fáltalle a cola, píntalla, logo fáltanlle as ás... e logo chámaa para preguntarlle se lle gusta o pato que está a facer e di que lle falta algo, píntalle o pico, cando de novo a chama dille: "Mamááá! Debuxei un pato... Pódesme facer un pouco de caso?." Ela contesta: "Si, meu ben, si. Perdoa, é que estou un pouco... cansa." E remata dicindo que a ver se mamá lle axuda a non ter que facer el só o ornitorrinco como fai sempre. As onomatopeas abundan: uf, fu, fun, refunf, frutuf, requetefruf, finfú... Pero, sobre todo, o que nos leva á risa e o interrogante é a maneira de ver a situación o neno, quixeramos que un pequeno nos dea a súa opinión, que opine sobre se a nai lle axuda ou non, se é cansón ou non o neno demandando continuamente, se considera que o rapaz traballou tanto coma a nai, de quen é realmente o debuxo... 

Cata, a nena que quería ser avó de Signe Viska con ilustracións de Elina Braslina, traducido por María Reimóndez e publicado por La Maleta ediciones.

Da presentación editorial: "As relacións sociais, afectivas e familiares marcan esta fermosa historia na que unha nena ve reflectidas as súas pretensións de ser avó. Alguén con quen se sente identificada que quere ter como modelo." 

Iso contesta Catuxa cando lle preguntan que quere ser de maior. Porque se fose un avó podería ser mellor amiga e facer cousas de avós. Gústanlle estas cousas porque eles só fan o que lles peta, teñen nubes brancas na cabeza... iso deseguidiña se amaña poñendo la branca no gorro e tomando vitamina B12. Unha marabillosas ilustracións con ceras colocan o libro no grupo de calidade que merece.

Unhas ilustracións marabillosas, a base de ceras, nas que resulta do máis tenro a diferenza hiperbólica de tamaño entre a neta e o avó.