martes, 26 de decembro de 2017

Coleccións de mulleres galegas



Lela edicións pon a disposición do público unha colección de biografías de mulleres galegas que busca facelas visibles a través duns libriños de pequeno formato pero de gran importancia.
O primeiro deles titúlase Un Ronsel de Ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, que se presenta desta maneira: "Mª de los Ángeles Alvariño (Serantes, Ferrol 1916-San Diego 2005) foi unha científica galega de recoñecemento internacional. Os seus traballos tiveron especial relevancia e aplicación na oceanografía e na bioloxía mariña. Descubriu 22 especies novas de organismos mariños, participou en diversas expedicións científicas e escribiu case un cento de artigos sobre diferentes materias relacionadas co mundo oceánico que a apaixoaba. Nas súas palabras, hai que: "levar aos nenos e nenas á magnífica catedral natural, con paseos polo campo, praia e forestas..." 
Da mesma autoría (de Enrique Mauricio os textos e de Carlos Taboada as ilustracións) é a entrega Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de Ernestina Otero. Unha mestra, que foi directora da escola de Maxisterio, unha muller da Institución Libre de Ensinanza, compañeira e amiga de Castelao e participante nas Misión Pedagóxicas que houbo de sufrir o horror da guerra e a posterior noite da posguerra ata recobrar de novo o seu traballo. Defensora das mulleres e dunha educación de calidade para todos e todas. Destes autores é tamén Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, na que dunha maneira moi atinada se enfrontan á vida e obra desta artista surrealista que superou con fartura as fronteiras e foi unha gran defensora da liberdade das mulleres; a súa arte nas mellores coleccións do mundo e os seus feitos no Madrid da Residencia de Estudiantes na época da República fálanos cunha compañeira da xeración do 27 que abandeira o movemento das sen sombreiro. 
Unha historia de amor. Pequena biografía de Mª Victoria Moreno, está escrita por Joanna Lorenzo Montero e ilustrada por Tania Solla. A biografía da autora homenaxeada nas Letras Galegas do 2018 fálanos dunha muller solidaria que cando traballa na ONCE coñece ao home co que se casa, a apertura con outros amigos da libraría Xuntanza, dos seus cans (Alma e Nico, que coñeciamos polas súas obras), de Teresita (o seu coche) ou de como coñece ao seu segundo compañeiro Pedro (un cubano que se namora dela a través do libro Leonardo e os fontaneiros), coñecemos todo o que sabe de idiomas e da existencia da súa novela en castelán Donde el aire no era brisa que traducirá ao galego o seu amigo Xavier Senín ou que foi homenaxeada no Salón do Libro de Pontevedra.   
Todos estes libros teñen o mesmo formato pero tamén coinciden na distribución e esquema xeral (citas nas capas intereriores, unhas veces de outros autores sobre elas e outra veces da autoría destas mulleres, unha biografía sintética e ao final unha serie de actividades, así como un glosario -en moitos deles- ao que acompañan tamén as actividades respectivas).   
Un empeño que se agradece. Unha necesidade que se está a cubrir. Iluminar a vida das mulleres que ata agora permaneceron ocultas. Ofrecer modelos nosque mirarse ás novas xeracións de rapazas. Devolver o ugar que corresponde a esa metade da humanidade que é imprescindible mostrar.
Grazas!



Ningún comentario:

Publicar un comentario