Sempre agradecemos a Kalandraka ese esforzo por traernos aqueles libros aos que non tiñamos acceso en galego e que forman parte xa do acervo universal de literatura infantil e xuvenil. Neste caso, tócanos darlles a benvida a algúns deles da autoría de Maurice Sendak:
Miguel. Conto exemplar en cinco capítulos e un prólogo. Un conto rimado protagonizado por un neno ao que "tanto lle dá" e "tanto lle ten" ata que o límite o leva a ser comido por un león. Menos mal que cando chegan o pais e lle preguntan el responde coma a neno e só o teñen que sacar da súa barriga. Unha moralexa coa alegría de volver a casa montados no león ao que convidan a pasar uns días con eles.
Sopa de polo con arroz. Libro dos meses. Cada mes un poema que remata co título porque esa sopa dá para todo o que se queira relacionado co mes no que se sitúa. Miguel, o neno que protagonizaba o conto anterior, continúa acompañándonos neste, e tamén fará no seguinte (aínda que sexa con outro nome): O un era Xoán. Un libro para contar. Xoán está tranquilo na casa pero un a un van entrando os demais (e ímolos contando) ata que se cabrea e os bota fóra, así que irán saíndose e contando do revés, cara atrás, ata quedar de novo só: o un co libro para ler tranquilo. Os caimáns van de paseo. Un alfabeto; de novo, coa alegría e a falta de seriedade de Sendak imos avanzando co abecedario "Do A ao Z, un simpático alfabeto cunha familia de crocodilos que pasean, xogan, cociñan e fan moitas máis ousas... Rimas e humor para gozar das letras" (dise na presentación editorial).
Libros de pequeno tamaño, como pequenas xoias, para familiarizar á rapazada cos número, coas letras, cos meses, coas boas costumes, coas rimas e o gusto polo xogo poético tanto nas palabras como nas imaxes... Todos eles adaptados por Ballesteros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario