Sempre temos algo do que queixarnos, e si, eu queixaríame de que sexa, de novo, un premio de narrativa cando os de teatro son ben poucos e os de poesía houbo que agardar a que unha Fundación tan humilde como a Neira Vilas (xunto con GALIX) o convocara despois de varios anos nos que desaparecera o Arume. Como non nos imos queixar se as irmás Pura e Dora Vázquez escribiron tamén teatro e poesía!
A outra pega, é que a distribución dos libros publicados pola Deputación, seguramente se distribúen moi ben na provincia de Ourense pero son inaccesibles noutras provincias, o que provoca que normalmente sexa editados con varios anos de retraso por editoriais comerciais. Acaba de suceder con O nariz de Fiz de Miro Villar que acaba de sacar á luz Galaxia con ilustracións de Emanuel Lomeña. Unha historia contada á maneira rica e antiga, con titulares de capítulos ben rimados e explicativos: "Unha vez dous labradores / da aldea de Santa Uxía / tiveron grande alegría / cando a muller dou a luz / un neno por vez primeira / coa axuda da parteira." Un pequerrecho que semella Garbanciño, que se cría ao lado dos pais e do Marelo (o can da casa) que o coida igual que mira polo gando (o que non é malo). Fálase da aldea, ben arredada, de como vai medrando e se descobre que é miope, de como vai á escola unitaria da aldea ata que desaparece e os envían á concentración da vila onde os aldeáns son mal mirados (como sempre), como coñeza a unha boa amiga e como se desenvolve a súa amizade con outro neno da aldea, cales son os sentidos que ten moi desenrolados e como lle axudarán a levar a boa fin unha aventura final.
Unha historia que vai entre as dos nosos pais e as nosas, por algo o ilustrador o fai en branco e negro e as figuras adquiren unha forma algo xeométrica. Unha chiscadela interesante ten lugar cando o pai lle conta (ou le) a historia da marmota Carlota, a primeira das obras deste autor para a infancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario