xoves, 1 de xullo de 2021

De María Canosa e de Dani Padrón, por separado

Quero saír! Quero saír de María Canosa ilustrado por Andrea Estévez e publicado por Embora ediciónsAsí se presenta: "A nena comprende. Sabe que ten que agardar pola liberdade, que é unha convidada delicada. Prepara as súas ás (lava as mans), prepara as súas plumas (roupa) e prepara o seu peteiro (máscara). E por fin pode saír".  "María Canosa crea este texto para axudar aos nenos a entender o confinamento e a gozar na casa, pero tamén a sentirse libres coma paxaros". Marabillosa a comparación cos paxariños e o niño casa, as posibilidades que se abren para xogar na casa, todos eses papeis que podemos representar e tamén ese desexo -incluso- de caer e curar as feridas. Moi boas ilustracións que acompañan o texto achegando a delicadeza deses dentes de león, silvestres e fráxiles ou aumentando a información con esas oportunidaes de xogo no interior que seguramente nos pasan pola cabeza. 

Unha comparación cos paxaros (os animais que nos semellan máis libres) e esa imaxe que se identifica entre a mascariña da nena e o pico da ave son os elementos máxicos do relato, porque todo nace dese elemento simbólico. 

Ba de Dani Padrón, publicado por Bululú. Da presentación editorial: "A curiosidade e a imaxinación son unha linguaxe universal. O protagonista deste álbum ilustrado non necesita saír da súa casa para divertirse explorando con moita creatividade mundos marabillosos poboados de criaturas fantásticas. Aventura, curiosidade, diversión e tenrura transmitidas grazas á xenialidade das ilustracións, cheas de cor e expresividade, que nos mostran o mundo interior dun pequeno que aínda apenas fala. Nin falta que fai." Unha soa palabra (ba) sérvelle ao pequeno para expresarse, para preguntar, para animarse... Con ela percorre a casa cos mobles garabateados ata unha certa altura, os xoguetes polo chan, como si estuviera buscando algo, mirando por todas partes, nunha especie de expedición que a fai pasar ao outro lado: alí onde están os dragóns e apareces na selva ou nas profundidades mariñas, cando pasas pola pechadura do cofre e atravesas estancias ou descubrir o libro no que aparece o pan (outra palabra máxica) que o fai bailar. A expresividade na cara do pequeno é impresionante, un verdadeiro exercicio minimalista!  



Ningún comentario:

Publicar un comentario