xoves, 11 de agosto de 2022

Un novo libro de Xoán Babarro

Carliños, capitán! é o novo libro de Xoán Babarro, ilustrado poe Lidia Nokonoko e publicado por Galaxia na colección Árbore para lectorado a partir de dez anos.

Na páxina aparece así:

"Un neno que debuxa ñus,

…ኙኙኙኙኙኙኙኙኙኙኙኙኙ…,

un papagaio con síndrome feirante,

unha avoa detective,

unha nai e un pai que se separan,

un psicólogo, un veterinario,
un locutor famoso,

unha banda de traficantes,
unha escola do Brasil…"

E nós explicámolo. Ao neno, que conta a sua historia, dáselle por colocar palabras por orde alfabética primeiro, logo por inventar alfabetos (por chamarlles dalgunha maneira)... e el, é máis teimundo que Greta Thunberg (no seu dicir). Algo vai mal, mandan recado e toca psicólogo. O seu problema é outro, ou o mesmo, sepáranse os pais e el non dá entendido por moito que lle digan que lle queren igual, que pasa nas mellores familias (pero non na súa!, gustaríalle dicir). Nesas tráenlle un papagaio (a el que lle encantan os animais, debúxaos e adóraos) que tivo un accidente, coidan del a avoa, a nai e algo o pai. Logo seguimos a historia do papagaio con mil e unha aventuras con larapetadas porque o seu falar pode volver tolo a calquera, o veterinario bota unha man (igual que o psicólogo), ata intervén un deses programas de televisión, seguindo á ave descubrirán a banda de traficantes de animais tropicais, poderán devolvelos e no medio debe ir o seu, ero dende Brasil escribe a rapazada dunha escola dando razón de Rodobico e lembrando a maneira que el tiña de chamalo: "Carliños, capitán!". A riqueza de léxico, o bo facer de Babarro con todos os xogos de lingua posibles, unha man á tradición e outra á creatividade e unha obra a ter moi en conta. Miremos o que escribe sobre a lectura na páxina 40: "Eu vivíao con moita emoción. Permitíame ser protagonista de múltiples aventuras. Acababa de ler un libro e  empezaba con outro. Os títulos semellábanme planetas habitados, con insospeitadas rutas que eu podía explorar. E, por sorte, para transportarme a eses planetas non era preciso ningún foguete espacial. Considerábao un privilexio. -E nunca te equivocaches de camiño? -Ufff! Máis dunha vez! Soíame extraviar cando se acababa unha liña e comezaba unha ilustración. Nestes casos, gustábame perderme poe entre as paisaxes. Unha vez que me cansaba de vivir aventuras ilustradas, regresaba de novo á ruta dos caracteres."

As ilustracións axudan e moito a pesar da limitación ao azul.

Ningún comentario:

Publicar un comentario