A Deputación da Coruña homenaxeou a Agustín Fernández Paz, ganador da primeira edición do premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, co libro Palabras para voar.
É agora, na XV edición cando deciden volver a vista atrás e lembrar aquel primeiro autor e libro premiado, Cos pés no aire, en 1998. Cando o Deputado de Cultura fai a laudatio de Agustín, lembra aquel momento no que en 2010 rexeitou o Premio Cultura Galega das Letras como acto de protesta pola política lingüística do Goberno galego daquel momento. Foi bonito lembrar aquel acto de valentía que non volvemos ver por parte dos nosos escritores, aqueles que traballan coa lingua como material básico, nin por parte dos ensinantes que poderían estar comprometidos coa normalización do idioma, nin por parte de ninguén.
Neste libro homenaxe, participan varios dos ganadores do Raíña Lupa: Mario Pereira (2ª edición), Antonio Reigosa (3ª), Antonio Yáñez (6ª), Carlos López (8ª), Xesús Fraga (9ª), Hécgor Cajaraville (10ª), Marilar Aleixandre (11ª), An Alfaya (12ª) e Andrea Maceiras (15ª). Mario entrégalle o capítulo dunha historia, os demais dialogan cos Agustín e a súa obra, nun caso ou noutro é un acto de amor polo Merlín que botou a andar a LIXG e que a situou nos lugares máis altos. Con el fóisenos a posibilidade dun premio Ándersen para Galicia, para o galego. Con el fóronsenos moitas cousas.
As imaxes de Cobas acompañan as historias cuns brancos de papel, uns fondos ricos en propiedades, raiaduras de metal, obxectos case surreais, lúas redondas, castelos no precipicio... o imaxinario dun pintor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario