Amosando publicacións coa etiqueta Merlín cómics. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Merlín cómics. Amosar todas as publicacións

mércores, 31 de xaneiro de 2024

Seguimos con Merlín cómics e as novas entregas de Formig4s

Seguimos con Merlín cómics e as novas entregas de Formig4s.

A entrega número 7 de Formig4s leva o título de Misión Entroido. Da man de Pere Tobaruela e Andrés Meixide, unha publicación chea de vitalidade e dinamismo na que se xoga co deseño e as tipografías para facer máis ameno e divertido o libro. 

Así se presenta: "FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En «Misión Entroido» as FORMIG4S enfróntanse ao doutor Paumao durante estas populares festas. Que tramará o malévolo científico? A brigada especial será capaz de poñer freo aos seus plans? Entroido, tempo de diversión e de aventuras da man das FORMIG4S entre máscaras e disfraces por Galicia adiante."E, con eles, aprendemos as máscaras do entroido galego.

Os vagalumes de Marí de Alba Míguez e Damián Gómez forma parte da colección Merlín cómics destinada á infancia para cubrir ese baleiro que ata hai pouco tempo se facía inmenso. Na actualidade, están aparecendo series (Marcopola, Lendas do recreo, Animalia...) e bandas deseñadas dunha soa entrega (O caderno de rama, Nerea. A invasión dos trastos...)

Sinopse: "Marí é unha nena de dez anos que vive feliz ata que o seu pai ten que embarcar por motivos de traballo. Cando o barco está a piques de regresar, o faro da vila estrágase. Marí nunca imaxinaría que o conto que lle contaba o pai sobre monstros e vagalumes poida ter algo que ver coa posibilidade de que o faro volva iluminarse antes de que o seu pai chegue a porto." 


venres, 1 de setembro de 2023

Un novo título en Merlín Cómics

Incoloro. A profecía dos sangues de José Malvárez Carleos publicado na colección Merlín cómics de Xerais, preséntase así:"Os sangue vermello tomaron o control das terras de Aórtica e escravizaron os sangue verde. A única esperanza deste pobo é que se cumpra a profecía segundo a cal un sangue branco conseguirá liberalos. Mentres esperan, uns rebeldes buscan a maneira de atacar o castelo dos sangue vermello, sen moito éxito. Ata que unha descoñecida rapaza chega á aldea..."

Tres sangues, coma tres aneis. O sangue branco é o que pode liberar aos sangue verde dos sangue vermello. Unha nena que non lembra nada, case nin o seu nome; ela ten sangue branco, ese que o cura todo. A historia ten interese: unha redención pendente, "a esperada" necesaria para a liberación do pobo escravizado, un personaxe que semella que axuda pero traballa para o inimigo (o home da taberna como na filla de Ryan), en realidade un traidor (que antepón os intereses da súa familia aos do seu pobo), alguén que cre o papel de liberador pero é simplemente un mártir ao que traen ao sacrificio (como en Elipse de Ferrín)

O peor: esa manía de non facer unha historia clara (o que non quere dicir transparente) pero que se entenda o que aparece no volume... Semella que vai haber un "continuará", iso está ben, pero a presentación dos personaxes e o engadido da narración só pode ter interese para poder poñer o nome de transmedia que lle pasa a moitos cómics que resultan ser produtos de autor/a pero que non dan os pasos que os vai facer tamén do lector/a? Seguiremos afondando...


xoves, 12 de xaneiro de 2023

 

Miñoca e Pega de Ramón Veiga e Iván R. na colección Merlín cómics de Xerais

Estes dous animais  fanse amigos despois de falar, Miñoca vaille axudar a Pega a buscar comida mentres observan ás gavotas roubando o alimento e... cagando. 

Historias sinxelas para lectorado inicial. Unha serie de banda deseñada.

A pantasma da illa de Cortegada de Paula Carballeira e Blanca Millán publicado en Triqueta Verde. Imos cambiar o sentido da lectura e facelo en vertical. Vaise presentar o Parque Natural das Illas Atlánticas e unha historia. 

Din (mariscadoras e pescadores) que hai unha pantasma que vai por diferentres lugares, que se volve vento entre os loureiros. Por moito que miran con prismáticos dende Carril non a ven, ata que Maruxa a brava fai a aposta: ela pasará a noite alí a cambio dunha empanada de ameixas. E alá vai, descalza, camiñando, senta no cruceiro fronte á ermida, escoita queixas (será un moucho?), pranto (será unha londra?), un sopro frío de vento (o outono?). Ela non teme as luces entre as árbores nin aos gruñidos (xabaríns?) pero a piques de volver, na amañecida, sente algo que lle roza as costas e non é unha rama... a pantasma!, unha muller moi branca que lle sorrí. Bailan e promete volver. Cando come a empanada e lle preguntan ela contesta: Sei o que sei. O misterio debe seguir. E as maneiras galegas tamén, porque nos movemos entre a dúbida.