Amosando publicacións coa etiqueta Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de marzo de 2025

Un novo premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade


Quen precisa unha avoa?
de Andrea Barreira Freije está ilustrada por María Montes e publicada por Xerais.

Da sinopse:"Este curso non pinta ben para Marta. O mestre quere traballar nun proxecto para o que van ter que falar coas súas avoas... Pero ela non ten avoas! E iso que, se mira ao redor, ve unha chea. Se hai tantas, por que ela non pode ter unha? Non lle queda outra: terá que secuestrar unha avoa, e nada mellor que involucrar as súas amigas para levalo a cabo. A conciliación familiar, as necesidades das persoas maiores, os afectos e a sororidade entre as personaxes son algúns dos temas desta novela fresca e divertida que, a través do humor, transmite de xeito maxistral a complicidade entre as diferentes xeracións e unha ollada novidosa sobre a vellez."

As ilustracións de María Montes sempre son unha garantía de calidade, a publicación conta cun deseño que busca atraer ao lectorado contemporáneo cunha serie de achegas que traen imitacións a cadernos, notas caligráficas con diferentes tipos de textos dende definición de personaxes ata anotacións, receitas... tipoloxías diversas que interrompen a narración presentando informacións.

A estrutura, en pequenos capítulos, distribuídos en sete partes pode animar a lectura:  Grandes males; Observar, escoitar; O meu espazo, o seu espazo; Actuar; Coidar, protexer; Ás veces as cousas saen ben; e Devolver as cousas ao seu lugar. Ou os finais felices.  Grandes acertos coma o tratamento dos coidados ou a relacións entre as avoas, esa recuperación doutro tempo no que a amizade tiña un gran valor, a reivindicación do papel das mulleres maiores e a necesidade de exercer a súa autononía, a presentación dunha familia monoparental dun xeito tan natural que nin nos preguntamos como se chegou aí...

Moi adecuado para rapazada infantil moi lectora, porque se trata dun volume moi extenso para os intereses destas idades, é dicir, que o contido pode estar algo desaxustado co tamaño. É unha opinión...

venres, 26 de abril de 2024

Unha novela traducida e outra escrita en galego

Como lágrimas na chuvia de Jordi Sierra i Fabra foi premio Lazarillo 2019 e aparece publicada por Galaxia en tradución de Xesús Domínguez Dono.

Da presentación editorial:"Grace é unha adolescente que coida da tumba do seu pai, Leo Calvert, unha lenda da música falecido nun estraño accidente uns anos antes, e á que acoden en peregrinación fans de todo tipo. Un deles, Norman, crúzase no camiño da moza e desata nela un remuíño de preguntas sen resposta ao redor da morte do pai e das cancións que deixou gravadas, gardadas no soto da súa casa, e que a súa nai, Rebecca, se nega a publicar. Pero a solución a estes enigmas tena unha única e insospeitada persoa.(...) A través dunha linguaxe moi próxima á mocidade, e coa outra paixón do autor como marco, a música, retrata o fracaso, o éxito, a traizón, a fama e a amizade; en definitiva, a condición humana"

A cita que dá comezo á novela:"Vin cousas que non creriades. Atacar noves en chamas máis alá de Orión, cin raios C brillar na escuridade, preto da porta de Tannhauser. Todos estes momentos perderanse no tempo, como lñagrimas na chuvia. É hora de morrer." (Blade Runner). 

Dubidas acerca do dereito ou non a facer público ou ocultar a obra do músico morto por parte da familia e dos siareiros, acerca da causa dunha morteen accidente, quen trae ao outro a estar contigo, a razón pola que rematan as relacións, os intereses económicos coqueteando coas relacións de amizade, as drogas e o alcohol como vía de escape a unha violencia extrema, a arte e as súas inseguridades, a familia e o éxito... e no medio de todo isto, unha escena chea de meirande violencia resolta por quen menos esperammos.

Unha boa novela, que camiña soa dende o primeiro parágrafo e construída cos fíos da narración xuvenil.  

A gruta  da torre de Lois Pérez acadou o premio Agustín Fernández Paz pola igualdade. Está publicada por Xerais e da presentación editorial: "Rematado o curso, Lois viaxa coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo. Quique, Greta e o resto da cuadrilla agardan por el, e ese ano hai tamén unha nena nova. Non a coñece, mais morre por falar con ela... Na vella biblioteca da Torre dos Moreno, Quique encontra un libro e, no interior, un misterioso documento que fala dun pasadizo. Onde estará? Deciden que teñen que atopalo. A investigación vese sacudida pola aparición dunha foca, Cuquita, e tamén por uns estraños sucesos no faro da Illa Pancha. Quen os persegue? Por que un home lles amosou unha pistola? Quirina e Estrela tamén procuran a resposta. Namentres, Marquiños escoitou a voz de seu pai no mar... Unha aventura trepidante, atravesada pola forza da amizade, os primeiros amores e o valor dos libros, no Ribadeo de 1990." Os primeiros namoros, a aventura na que se mestura o perigo porque o mundo da corrupción irrumpe (ex policía e narcos, fareiro vendido, planadoras...), o racismo (xitana e moreno), a escritora coa súa carga cultural e de memoria, a defensa da lectura, a lembranza da represión do 36 para diante, ecoloxía con esa foca que lle transmite unha ensinanza (Non perdas a túa luz, poñerante en situacións complicadas unha e outra vez. A ti e a todos. Pero debedes conservar o voso lume, por pequeno que sexa)...

Un bocado:"descubrira que existían dúas vidas. E existían dúas vidas porque existían dous mundos, feitos de mundos moito máis pequenos, inmensos e marabillosos ao mesmo tempo (...) unha era a vida normal, aque se vía, respiraba e sentía no día  día -as persoas, os lugares, os traballos e as rutinas que poboaban de obrigas e de horarios a pequena existencia- e outra era a que estaba alí dentro, en silencio, na biblioteca: mundos e vidas que agardaban a ser vividas (...) fora descubrindo que un fío de luz se coara aos poucos no seu pensamento, inzando de claridade os confíns máis remotos. Nada do que acontecía en ningún deses libros era escravo desoutra vida "real". En cada libroo que acontecía abondaba por si mesmo e no respondía a máis regras ca ás daquel mundo oculto. (...) Por eses mundos aprendera que o máis importante eraa valentía e a amizade; a lealdade aos amigos, o amor pola vida e polas demais persoas. Non renderse nunca e pelexar unha e outra vez contra "os malos". E aprender a distinguilos, poisos libros amosaban tamén os lados escuros do mundo real,  súa dobre cara. Así fora como aprendera a fundir realidade e fantasía na súa vida, facendo que o mundo reale o undo en que vivía se parecesen o máis posible aoundo dos libros e das hsitorias. (...) Os libros están entre eses dous mundos. Son portas. Se os miramos pechados, estamos vendo o lugar que ocupan neste mundo noso, o real. Pero se os abrimos, estamos estamos mirando o seu reverso, o mundo deles. Un mundo non tan real, pero só aparentemente. Ou non son reais o medo, a excitación, o temor, a angustia que destilan certas palabras se se len colocadas na orde axeitada? E o que acontece ou se conta nos libros infflúe enormenmente no que sucede no mundo real. Agora ben, só lles cambian a vida a quen os abren. A ninguén máis.(...)No fondo, a chave de todo son as palabras. Con elas cobraba forma e podía quedar na memoria todo o que nos rodeaba, o visible e o invisible" 

En relación á memoria histórica pódense recoller algúns fragmentos e un par de cartas que a nai lles deixa escritas: "Gardara para sempre na súa memoria o so dos disparos, os berros e os choros, as carreiras e as fuxidas, as desaparicions e os encontros furtivos no monte, os anos da posguerra e as estreiteces". As cartas que a nai escribe para deixarlles de forma que as xeracións futuras podan saber o que pasou."

domingo, 12 de novembro de 2023

VI Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade

O VI Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade recaeu na obra Ringo. Memorias dun coello fedello de Pablo Nogueira

Da presentación editorial: "Ringo é un coello que forma parte dun impresionante número de maxia do mago Leo. A causa dun erro na execución do truco, un día aparece nun lugar descoñecido, lonxe do circo. En compañía de Brétema, que o atopa perdido, e dos amigos Gada e Aldán, vivirá aventuras e enfrontarase a perigos mentres tenta regresar ao Circo Fantabuloso: unha comunidade de artistas onde cadaquén expresa a súa singularidade. Imaxinación, enxeño e humor intelixente mestúranse nesta aventura que aborda temas esenciais como o valor da amizade, a diversidade, a empatía e o amor."

Ringo vainos contando a súa historia, a do circo no que traballaba cunha serie de personaxes ben curiosos e tamén o presente cuns compañeiros marabillosos, capaces de salvalo das mans dun mago tolo e interesado. Ter como amigos a unha nena que o adopta, unha rapaza saharauí e un neno cego que se fai acompañar dun can que o axuda. Eles son quen de resolverlle o futuro a un antigo actor, de escribir novas no xornal de escola ou de vivir felices mentres agardan que o mago manco de nome Leo e poda volver ao circo para compartir os seus días con toda aquela troupe de extraordinarios seres.

O autor utiliza a rima para facer máis alegre a prosa ou inventa un xogo de cromos de escritores e escritoras galegas para aproximalo máis a nós, o que tamén fai co nome da nena, Brétema, ou do neno Aldán que é forte coma unha rocha, e compensa a falta de vista coa agudeza nos outros sentidos.  As ilustracións de David Pintor non defraudan, o seu estilo aparece depurado e a expresión na cara dos personaxes é magnífica.