domingo, 12 de novembro de 2023

VI Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade

O VI Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade recaeu na obra Ringo. Memorias dun coello fedello de Pablo Nogueira

Da presentación editorial: "Ringo é un coello que forma parte dun impresionante número de maxia do mago Leo. A causa dun erro na execución do truco, un día aparece nun lugar descoñecido, lonxe do circo. En compañía de Brétema, que o atopa perdido, e dos amigos Gada e Aldán, vivirá aventuras e enfrontarase a perigos mentres tenta regresar ao Circo Fantabuloso: unha comunidade de artistas onde cadaquén expresa a súa singularidade. Imaxinación, enxeño e humor intelixente mestúranse nesta aventura que aborda temas esenciais como o valor da amizade, a diversidade, a empatía e o amor."

Ringo vainos contando a súa historia, a do circo no que traballaba cunha serie de personaxes ben curiosos e tamén o presente cuns compañeiros marabillosos, capaces de salvalo das mans dun mago tolo e interesado. Ter como amigos a unha nena que o adopta, unha rapaza saharauí e un neno cego que se fai acompañar dun can que o axuda. Eles son quen de resolverlle o futuro a un antigo actor, de escribir novas no xornal de escola ou de vivir felices mentres agardan que o mago manco de nome Leo e poda volver ao circo para compartir os seus días con toda aquela troupe de extraordinarios seres.

O autor utiliza a rima para facer máis alegre a prosa ou inventa un xogo de cromos de escritores e escritoras galegas para aproximalo máis a nós, o que tamén fai co nome da nena, Brétema, ou do neno Aldán que é forte coma unha rocha, e compensa a falta de vista coa agudeza nos outros sentidos.  As ilustracións de David Pintor non defraudan, o seu estilo aparece depurado e a expresión na cara dos personaxes é magnífica.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario