venres, 24 de novembro de 2023

Libros que xiran ao redor de temáticas

Xa falamos de Resúltame familiar. Un percorrido actual por diferentes formas de vivir en familia sobre diferentes familias, libros que nos resultan "familiares" porque semella que para dar resposta a certas necesidades van aparecendo uns detrás de outros, formando parte da etiqueta "Diversidade familiar" que aparecía na Guía Donas no espello da LIXG

Da mesma maneira aparece Labores do lugar de Susana Peix e Víctor Mascato con ilustracións de Jaume Mora e publicado por Cumio. Este libro ten moito que ver con O marabilloso libro das profesións publicado hai pouco tempo por Baía nunha tradución de moito interese de María Reimóndez. Así se presenta:"As persoas que vivían nos pobos emigraban ás cidades en busca de oportunidades profesionais que pensaban que a contorna rural non podía ofrecer. Co paso do tempo, démonos conta de que os espazos rurais foron quedando baleiros e, en contra do que moita xente pensaba, as oportunidades que ofrecen estes lugares son, agora, cada vez máis grandes. Actualmente hai máis xente que está a facer o contrario, volvendo aos pobos para retomar oficios tradicionais. O mundo vira cada vez máis rápido e con él nosa forma de consumir e traballar, por iso cada vez buscamos profesións de proximidade que aposten pola sustentabilidade, no económico, o social e o medioambiental. Este libro recolle nove profesións con gran futuro que poden desenvolverse na contorna rural. Neste primeiro volume achegámosche a aquelas que se dan nun pobo de costa, relacionadas co campo, o mar, os animais, a alimentación ou a artesanía local.

O seu argumentairo de venda dános idea do que imos atopar: "Un libro divulgativo para entender e facer un percorrido polos labores dun pobo. Axuda a entender como se establecen vínculos entre as distintas profesións de ámbito local. Pon en valor oficios que respectan o medioambente e xeneran un importante valor para a sociedade."  

Ningún comentario:

Publicar un comentario