Amosando publicacións coa etiqueta violencia de xénero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta violencia de xénero. Amosar todas as publicacións

sábado, 7 de xaneiro de 2023

De mulleres e néboas

As mulleres que cultivaban néboas de Bea Gregores

Un álbum sobre a violencia de xénero. Mamá e papá: a representación de cada un deles, ela amáñao todo (pega os anacos dun prato roto), el fai que caian os mobles ou que as portas se batan, de feito, a nai di que o amor de papá está cheo de negróns, que as quere nunha gaiola, por iso ela vai tecendo unha manta azul e a noite na que o pai agarra a nena, ela e nai e ela saen voando ata un lugar onde outras nais viven nunha casa que flota sobre un mar de néboa. Daquela volve o sorriso que as levará a que xuntas sexan as mulleres máis fortes do mundo. 

Un álbum cheo de metáforas e simbolismo, no que se xoga con nubes, néboas e chuvia, con mantas e mulleres que tecen, con dedos afilados e sombras enormes, con bolboretas que percorren as páxinas saíndo de vermes e crisálidas. 

Porque hai presenzas que impoñen, presenzas constantes como as dos ditadores nas fotos de cada estancia. Bea traballa coas cores que lle son propias: vermello, ocre, gris, negro, branco e amarelo, creando esa atmosfera que fprma parte da súa identidade  e pola que a recoñecemos.

martes, 2 de marzo de 2021

Novelas. Autoaxuda. Temas candentes: violencia de xénero, acoso ou bullying. Mestura de xéneros: novela e banda deseñada

Temas candentes: violencia de xénero, acoso ou bullying. Mestura de xéneros: novela e banda deseñada; narrativa transmedia. Todo ese armazón (Novelas. Autoaxuda. Temas candentes: violencia de xénero, acoso ou bullying. Mestura de xéneros: novela e banda deseñada) e algo máis. Dous libros, dúas historias noveladas que se acompañan de banda deseñada a modo de ilustración, de forma que lembran aqueles obras populares xuvenís de hai un tempo e que hoxe situaríamos no transmedia. As dúas están escritas por X. Antonio Perozo e publicadas por Auga editora

A primeira delas, cun título marabilloso, Amor amargo, acompáñase das ilustracións limpas e cun estilo xuvenil de Victoria Riveiro Currais. Unha moza vai sufrir violencia de xénero por parte do seu mozo, ela está rematando bacharelato, el xa está na universidade e é o típico “guaperas” con cartos. A historia vai ser un completo inventario de formas de violencia, de acoso e derribo, de percorrido por todos os niveis e etapas deste maltrato coa separación do seu grupo e familia, de illamento e negación, de celos e esixencias desmesuradas fronte ás infidelidades manifestas del, de facerlle perder todos os dereitos a cambio de nada... de facela sentir mal perdendo toda a seguridade e autoestima que podía ter... Un xoguete roto nas mans dun machista. É grazas ao seu grupo de amizades e á súa irmá que pode rachar os fíos nos que está enredada e conseguir liberarse desa mala relación. A obra remata cun texto que busca a reflexión acerca desta temática.

Contigo na nube ilustrada por Zaida Novoa, achega imaxes algo máis infantís porque vai dirixida a un lectorado algo menor. Os personaxes tamén son máis novos. Aquí, trátase do tema do acoso escolar. Como sempre, os acosados son os máis débiles, neste caso un rapaz ao que seu pai abandonou e vive coa nai e os avós nunha situación de escaseza.  O bullying é tan cruel que os someta ao illamento e insolidariedade máis absolutos porque aqueles que queren apoialos tamén serán perseguidos e acosados, sen perdón. O que comeza sendo presencial remata na nube, coas fotos, insultos e calumnias a través do móbil. Cando a situación é continua e non se ve saída, o suicidio aparece como solución, unha ave negra pairando polo ceo. Non se fala coa familia por evitarlle problemas e desgustos, o profesorado non se enteira ou non se quere enteirar chegando ao extremo de castigar as vítimas. Ao acoso a un rapaz con problemas por parte dunha banda de “malotes” engádese o acoso a unha rapaza por racismo e non se perdoa que se faga moza dun dos “malotes” senón que se pasa a acosalo tamén a el. A solución, no primeiro caso, vén da man dun tío que chega de América (coma nos soños de xeracións anteriores) e lle ofrece ao neno toda a axuda que precisa para recuperarse; na superación do segundo terá moito que ver a obra de teatro que crean entre todos e todas e na que representan todo o sucedido.