Amosando publicacións coa etiqueta acoso escolar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta acoso escolar. Amosar todas as publicacións

sábado, 4 de outubro de 2025

Traducións: Invisible e Reis da montaña


 Invisible
é un libro de Eloy Moreno traducido por Rosario Baleirón e publicado por Hércules. Un autor de verdadeiros best seller. Un libro gordo de capítulos moi curtos. O acoso, unha vez máis. Unha cita de Batman e outra de Superman dan entrada ao libro. Contado por un narrador en terceira persoa que se alterna coa voz do rapaz protagonista. Esta é a historia do neno que chega a crerse invisible para non deixar de crer na humanidade que o abandona na man dos monstros, un rapaz que pensa que vai desenvolver superpoderes como converterse en Hulk ou facerse invisible para pode escapar da violencia dun copañeiro, dos compañeiros e compañeiras. Unha muller, profesora,  que fala co dragón que leva nas costas lembrando o que lle pasou cando era pequena. 

Porque o acoso atravesa as idades e os anos, o acoso é un mal que só pode sobrevivir se hai monstros activos e monstros pasivos (aqueles que non actúa cando ven o mal, os que calan e ata rin ante a inxustiza e a violencia9, os seguidores dos líderes que se caracterizan xustamente por atacar aos que consideran maís débiles ou simplemente a aqueles que escolleron como presas de caza. Neste caso é porque saca boas notas pero calquera outra podería ser a razón...

Xa sabemos que o maltratado maltrata, coñecemos a teoría pola que fan dano os que están lastimados pero isto convértese nunha espiral sen fin na que as agresión van ser cada vez máis comúns porque cada vez haberá máis a infrinxilas. Pero, se nos parece de cobardes a reaccións do alumnado, que dicir da do profesorado, esas respostas de "foi unha borma", "cousas de nenos", "non vin nada", "Aquí iso non pasa"... entre todos buscan unha vítima que cargue coa agresividade (que de non facelo igual se revertía contra eles), todos son responsables, cada un debería cargar coa súa parte, dependendo sempre da parcela de poder que exercen. É que só o profesorado que sufriu acoso vai ser consciente cando este se produce?


 

Reis da montaña de Daniel Hernández Chambers, premio Edebé de Literatura Xuvenil, está traducido por Belén Rodríguez e publicado por Rodeira. A presentación resulta moi semellante aos libros de peto que publican as grandes editoras e se venden nas tendas dos aeroportos. 

Preséntase a partir dunha pregunta: "O HOME É UN LOBO PARA O HOME? Din que a convivencia crea lazos de afecto, créaos e fortaléceos, pero… sucede o mesmo nunha situación extrema? Que pasaría se un virus acabase con toda a humanidade? Ou practicamente con toda? Un grupo de dez rapaces conflitivos que cumpren condena nun Centro de Menores vese abocado a organizarse para sobrevivir. Un virus letal estendeuse"

O virus é novo pero a maneira de comportarse a humanidade é vella e permanente. É o monitor que os escolleu (aos dez) para levalos de acampada quen lles fala de que a convivencia crea lazos de afecto e son eles os que os van a destruír atacándose e levando a trama a que só queden dous, como no principio dos tempos. Aí está o paraíso, a natureza, e aí están eles, dispostos a destruír o que teñan a man. Un microcosmos que pode compararse co planeta no que estamos a vivir, observando que fan entre si (homes e mulleres) e co medio ambiente, reflexionando sobre esa marcha cara ao fin no que nos destruímos a nós mesmos acabando coas posibilidades de supervivencia sen caer na conta de que non temos a man outro mundo e que somos tremendamente vulnerables.

Si, unha novela que dá para pensar en nós, igual que Invisible. Dous problemas aos que non lle damos atopado solución.  

xoves, 1 de decembro de 2022

Sobre un acoso, un título contundente: Subnormal

 
Subnormal é a historia do que foi xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, centrada no acoso que sufriu na súa infancia e adolescencia. Para ser vítima de acoso, só é necesario que alguén o queira exercer, sempre hai algunha razón , ninguén está a salvo, pode ser por non ter moi boas notas, por ser distraído, por padecer algún tipo de diversidade funcional... incluso por ser alto. Ese é o caso que nos ocupa, un rapaz demasiado alto para a súa idade ao que acosa un grupo de compañeiros e compañeiras baixo a indiferenza dos demais e do profesorado. Incluso hai profesorado que colabora no acoso deixándoo en ridículo diante dos demais. 

O acoso pode ir dende o psicolóxico ao físico, pode ser máis suave ou máis agresivo, o que é certo é que ese rapaz que é incapaz de contar o que lle pasa para non ver sufrir, tamén, á familia, pode ir pouco a pouco ata a depresión e incluso o suicidio, porque é este o que se presenta na viñeta de inicio do cómic, as ganas de rematar con todo iso para non ter que seguir enfrontando esa situación que semella sen saída.

A banda deseñada que edita Retranca en galego, é da autoría de Fernando Llor e Miguel Porto ao redor da idea do propio retratado. Conta cunha unidade didáctica, elaborada por Uxía Meirama. Baixo o título de Ocultos a plena luz, analiza os implicados: agresor, testemuñas (as que se postulan a favor do agresor, os que o fan a favor das vítimas correndo o risco de converterse en novas vítimas, as que permanecen pasivas e as que que se se definen a favor das vítimas) e vítimas. Analiza tamén o as condutas violentas: verbais, físicas e psicolóxicas, o ciberacoso, o acoso social e o bullying sexual. Estuda o acoso no contexto escolar (convivencia versus violencia), a prevención e o plan fronte ao acoso cos pasos sucesivos e coincidentes. Presenta tamén unha entrevista con Iñaki Zubizarreta na que me chama a atención a oposición entre as palabras "acusón" e "cómplice", así como esas frases que rematan matando "é cousa de nenos" e acaban pasando, mellor non intervir. Esa covardía tamén por parte das persoas adultas, esa vagancia, ese quedar nos contidos académicos deixando ao alumnado nas mans dos viles. 

 

martes, 18 de xaneiro de 2022

Libros para seguir reflexionando sobre o acoso escolar e... botar unhas risas

Libros para seguir reflexionando sobre o acoso escolar, para gozar da boa escrita, para continuar lendo a un escritor de recoñecida valía.

Papá caníbal de Antonio M. Fraga, con ilustracións de Santi Gutiérrez, publicado na colección Merlín de Xerais, preséntase así: "Fedora está farte de que o abusón do cole se meta con ela, así que decide asustalo contándolle que o seu pai é un caníbal. O Efebeí, un policía fóra de servizo por non facer nada ao dereito, inicia unha investigación pola súa conta sobre o suposto caníbal, desa maneira pretende o prestixio perdido e poder resincorporarse ao traballo. A partir de aquí iniciase un atolado enredo que ten lugar durante a noite do Samaín. Unha novela disparatada, enxeñosa, macabra e reatadamente divertida, na que mesmo poderás escoller o final!"

Dúas voces: a de Fedora e Efebeí, declaran ante o inspector tentando aclarar os últimos acontecementos, ao modo no que se facía en Sostiene Pereira.  Cada un vai achegando a súa verdade. Chegado o final, o autor pásalle o protagonismo ao lectorado pois poderá escoller entre un final feitiño e un final macabro (con morte incluída).

Unha obra diferente, que non nos vai deixar indiferentes.

martes, 2 de marzo de 2021

Novelas. Autoaxuda. Temas candentes: violencia de xénero, acoso ou bullying. Mestura de xéneros: novela e banda deseñada

Temas candentes: violencia de xénero, acoso ou bullying. Mestura de xéneros: novela e banda deseñada; narrativa transmedia. Todo ese armazón (Novelas. Autoaxuda. Temas candentes: violencia de xénero, acoso ou bullying. Mestura de xéneros: novela e banda deseñada) e algo máis. Dous libros, dúas historias noveladas que se acompañan de banda deseñada a modo de ilustración, de forma que lembran aqueles obras populares xuvenís de hai un tempo e que hoxe situaríamos no transmedia. As dúas están escritas por X. Antonio Perozo e publicadas por Auga editora

A primeira delas, cun título marabilloso, Amor amargo, acompáñase das ilustracións limpas e cun estilo xuvenil de Victoria Riveiro Currais. Unha moza vai sufrir violencia de xénero por parte do seu mozo, ela está rematando bacharelato, el xa está na universidade e é o típico “guaperas” con cartos. A historia vai ser un completo inventario de formas de violencia, de acoso e derribo, de percorrido por todos os niveis e etapas deste maltrato coa separación do seu grupo e familia, de illamento e negación, de celos e esixencias desmesuradas fronte ás infidelidades manifestas del, de facerlle perder todos os dereitos a cambio de nada... de facela sentir mal perdendo toda a seguridade e autoestima que podía ter... Un xoguete roto nas mans dun machista. É grazas ao seu grupo de amizades e á súa irmá que pode rachar os fíos nos que está enredada e conseguir liberarse desa mala relación. A obra remata cun texto que busca a reflexión acerca desta temática.

Contigo na nube ilustrada por Zaida Novoa, achega imaxes algo máis infantís porque vai dirixida a un lectorado algo menor. Os personaxes tamén son máis novos. Aquí, trátase do tema do acoso escolar. Como sempre, os acosados son os máis débiles, neste caso un rapaz ao que seu pai abandonou e vive coa nai e os avós nunha situación de escaseza.  O bullying é tan cruel que os someta ao illamento e insolidariedade máis absolutos porque aqueles que queren apoialos tamén serán perseguidos e acosados, sen perdón. O que comeza sendo presencial remata na nube, coas fotos, insultos e calumnias a través do móbil. Cando a situación é continua e non se ve saída, o suicidio aparece como solución, unha ave negra pairando polo ceo. Non se fala coa familia por evitarlle problemas e desgustos, o profesorado non se enteira ou non se quere enteirar chegando ao extremo de castigar as vítimas. Ao acoso a un rapaz con problemas por parte dunha banda de “malotes” engádese o acoso a unha rapaza por racismo e non se perdoa que se faga moza dun dos “malotes” senón que se pasa a acosalo tamén a el. A solución, no primeiro caso, vén da man dun tío que chega de América (coma nos soños de xeracións anteriores) e lle ofrece ao neno toda a axuda que precisa para recuperarse; na superación do segundo terá moito que ver a obra de teatro que crean entre todos e todas e na que representan todo o sucedido.