A Pequena Compaña é unha obra de Carlos Labraña que ten ganado o VIII premio Estornela de Teatro da Fundación Neira Vilas (ese premio que tanto botamos de menos ao lado do Arume de poesía).
Unha edición impresionante, de gran tamaño, en tapa dura e con ilustracións de Óscar Villán.
A presentación: "No chan, achegados á lareira, xogan tres nenos. Pedichón, un rapaz fraco coma unha espiña, a quen o floco case lle tapa os ollos. Medusquiñas, un bulebule que sempre lle anda a escapar a todo e que, para protexerse, leva colgado do pescozo un colar de zonchos a modo de amuleto. E Soldadiño, un cativo tolleito que se apoia nunha escopeta enferruxada para camiñar. Dinlle así, porque viste cun pixama vello que lembra un uniforme e leva cuberta a cabeza cun pote de cobre a xeito de casco."
Tres personaxes principais que veñen do mundo dos desherdados, uns diálogos moi áxiles, uns malos moi malos que os perseguen e uns bos moi bos que lles axudan... e así chegarán ao Cabo do Mundo e ás Illas do Alén mentres ven as Rochas Faladeiras. E as ilustracións de Villán facéndonos afondar nese mundo hiperbólico que toca no noso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario