Amosando publicacións coa etiqueta Ignacio Hernández. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ignacio Hernández. Amosar todas as publicacións

venres, 5 de decembro de 2025

Novelas infantís, escritas en galego e traducidas

Benita e Malva e o crime do crítico gastronómico de Érica Esmorís con ilustracións de Ignacio Hernández está publicado en Ala Delta (Edelvives) para maiores de dez anos.

Da presentación editorial: "A Benita e Malva —dúas xemelgas idénticas só na aparencia— acaban de abandonalas os pais. Unha auxiliar de policía encárgase de levalas cun suposto tío, Eustache Chaillot, que rexenta un restaurante en París. Pero Chaillot foi acusado de asasinar un crítico que falou mal das súas célebres croquetas. As irmás, con Guillou (o pinche do restaurante) e Gioconda (a súa rata), vivirán múltiples peripecias para esclarecer o crime e coñecer o paradoiro dos pais." 


Pódese comezar a ler a historia neste enlace. Unha novla que seguramente teña continuidade porque nos deixa agardándoa, porque dous personaxes como esas xemelgas tan diferentes a nivel de personalidade ben o merecen e porque acaban de subri a un tren que debe levalas ao encontro dos seus pais, sempre coa axudante de policía que viaxa cunha enorme maleta un paso por diante.

Xertrudis busca traballo de Ana Meilán, ilustrado por Agustina Mattar, traducido por Xesús B. Tellado e publicado por Entrenubesycuentos para lectorado a partir de 7 ou 8 anos. Outra historia de bruxas, esta arruinada e chea de débedas que debe atopar un traballo o antes posible para poder facerlles fronte. Vive cun cobrador de morosos fronte á súa porta de tal maneira que chegarán a establecer unha relación. Ao longo do relato imos vendo como pasa de neneira a modista, de veterinaria a traballar nun parque de atraccións con Bradislavo xa co seu carné de maquinista e, por fin, poderá deixar de buscar traballo nos xornais e repetir desesperadamente "Necesito este traballo máis ca nunca". 

Así se presenta: "Desde que Gertrudis perdeu o seu emprego, as débedas non fan máis ca crecer. Cada mañá Bladislavo grítalle que acabará na fogueira se non paga o que debe. É hora de buscar traballo! Coidado con reírte ao tararear os conxuros, xa sabes que as bruxas e os nenos nunca se levan ben. Se queres acompañala, súbete á súa escoba e agárrate forte porque chega tarde ao primeiro traballo. Canto cres que lle durará?"

sábado, 11 de outubro de 2025

Novidades de serie

 

Fani e Super Dani, unha serie protagonizada por un unha nena que quere ser reporteira e un neno que se declara superheroe. Cada entrega trae dúas historias. Neste caso Fani & Super Dani. Están tolos estes marcianos e Fani & Super Dani. Aventura no centro comercial. Anteriormente saíron Fani & Super Dani. Dani quere ser superheoe con Fani & Super Dani. Contra o caracol mutante. Dous rapaces que se levan tan ben tan ben que xa non se sabe se son máis que amigos. Quen conta as historias é ela (con vocación de xornalista) que ademais achega gran cantidade der léxico en plan sinónimos ou a explicación das frases feitas e tamén información. De vez en cando, aproveitando as ilustracións vai dando certas recomendacións que teén que ver coa educación ou os valores. Ten o seu punto escatolóxico (o neno pode voar cando bota peidos ou garda a comida nos petos) que lle dá certa graza... Un libro reversible co dúas historias, unha de cada lado. Unha serie que é oito mellor que a maioría das traducidas. Un libro infantil con todos os alicientes para ser agasallado (incluso con brilli brilli nalgunha cuberta) e con valores democráticos e de identidade (como demostra ese empeño en que coñezamos e utilicemos a fraseoloxía galega). De Ramón D. Veiga e Ignacio Hernández, dous bos creadores para unha produción en serie publicados por Triqueta Verde que continúa discriminando a lingua galega na páxina web.

Da presentación: "Presentámosche a nosa nova súper colección de narrativa infantil: Fani & Superdani. Un libro reversible no que poderás gozar dos volumes 3 e 4 “Están tolos estes marcianos!“ e “Aventura no centro comercial”. No volume 3 Vilamán amence cuberta por unha ernome nave con forma de prato voador. Que quererán eses seres de nós? Dominar a Terra? Acabar coa raza humana? Ou, simplemente, ser os mellores cociñeiros de tortillas da Galaxia? No volume 4 Cando parecía que a inauguración do novo centro comercial ía ser o acontecemento máis importante en Vilamán, un vilán escapa da pantalla do cine co propósito de impedir a celebración. Poderán Fani e Super Dani poñer fin ás súas malas intencións."

luns, 7 de xullo de 2025

Manual de instrucións para sobrevivir no ensino

 

Profes. Guía básica de supervivencia de José Carlos Román e Ignacio Hernández está traducido por Vanessa López e publicado por Jaguar.

Da presentación editorial: "A ti tamén che seguen coma se foses Mamá Pato? Tes todo o necesario para sobrevivir á hora do recreo? Que tipo de profe es? Nesta guía seguimos a diferentes profes nun divertido repaso sobre a variedade de alumnos e alumnas que che atoparás no cole. Sorprenderémonos coas súas variadas preguntas e travesuras en clase, no patio e de excursión. Sen esquecer a diversidade das familias e, o resto de profes!"

"Comecemos polo máis importante: apaña un grupo de nenos e nenas. Hai de carácter diverso. De feito, podes atopar moitos tipos: a bohemia, o aplicado, o animalista, a túa sombra, a defensora dos preitos pobres, o megadecibelios (...) As familias tamén son importantes. Por sorte, hai moita variedade: papá e mamá, papá e papá, mamá e mamá, só mamá, só papá, e máis (e cada unha coas súas preguntas e pareceres). Así comtinúa, cos tipos de profes (nos que é doado identificarse e identificar aos que coñeces), seguen aconsellando como preparar as clases, informando sobre os virus e a súa contaminación escolar, que sucede na hora de ir ao baño, os tipos de cacas que as crianzas poden distinguir, que tipo de profes atopamos na hora do recreo, os consellos para sobre vivir no patio ou nas excursións... E anucian próximas entregas "Como funciona un profe. Manual de instrucións.

Para rir e para reflexionar. 

domingo, 3 de marzo de 2024

Dúas novidades ben distintas: unha novela infantil e unha bd que comeza serie

Refugallo o espantallo de Irene Alonso Gasalla con ilustracións de Ignacio Hernández está publicado na colección Merlín de Xerais

Sérvelle de pórtico á historia un poema de William Henry Davies, traducido pola autora, no que se fala da présa e a falta de tempo fronte á necesidade da contemplación. Comba é unha nena realmente peculiar que se serve de todo o que atopa, dende o gato abandonado a unha bicicleta escangallada, sempre disposta a dar un novo uso a calquera cousa que forme parte do refugallo, sempre aproveitándoo todo, vendo beleza no lixo. Os Bocapodres ou acosadores alcumábana Nena Lixo ou Composteira pero a ela non lle importaba, enfrontábaos igual que facía coas persoas convencionais que a miraban mal ou non a tiñan en consideración. Onde os demais vían vergoña Comba sentía orgullo. Ela ten unha amiga da alma, das que nunca fallan e sempre a defende e concorda con ela en que sentirse mal por pobre non ten sentido. Comba vive co pai, co está no paro e ten na horta un espantallo que xa non serve, ela promételle facer un novo e niso anda cando nunha xcursión atopa xusto o que lle falta: unha pedra con forma de corazón pero os rapaces de novo se divirten meténdose con ela e cando lle tiran a pedra á calzada ela bótase a collela sen mirala... Un accidente e unha historia que remata ben, pero sen esquecer que a vida ha seguir difícil así que cando chegue ao instituto (coa mochila feita á man, sen móbil nin roupa de marca) volverá a suceder o mesmo e ela seguirá nadando a contracorrente. Unha nana admirable!

Sentinelas da lúa carmesí de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande está publicada por Galaxia. Así se presenta: "Desde os albores dos tempos, seres míticos e humanos coexistían en paz e harmonía. Pero un día, os homes comezaron a perseguir o que non comprendían. Tres mouras foron confundidas con bruxas e condenadas á fogueira. Unha delas fuxiu, propagando unha maldición que case acaba coa humanidade enteira. As criaturas mitolóxicas acordaron entón manter a moura encerrada mediante un conxuro ligado á non intervención do humano devir. A lenda di que unha cría humana será quen volverá unir ambos os mundos..." Penso que este argumento correspóndese á serie completa, o que nós vemos é a primeira parte: a chegada da rapaza á aldea, os soños que acoden á súa cabeza, o ambiente de rexouba ao redor da familia, o traballo do pai na farmacia e a adicción que parece telo sometido... contra todas as expectativas a nena é ben recibida polo grupo de compañeiros e primo, unha excursión na que van ter un encontro co misterio e o terror. Aí acaba para poder continuar en próximas entregas. Os debuxos son claros cando reflicten a vida normal enfrontándoos a aqueles nos que fai aparición o arcano e o oculto que son escuros e vermellos con liñas duras e irregulares que representan figuras moi expresionaistas e case abstractas.  

domingo, 26 de febreiro de 2023

Cantas bruxas...

Cada día aparecen series de bruxas, unhas detrás das outras, na maior parte traducidas, como se a rapazada boa lectora no primeiro tramo de idade (prelectoras e primeiras lectoras), pero sobre todo, no segundo tramo, de lecturas autónomas, non gustase ler doutros temas... como se fose necesario Harry Potter nunha e outra versión feminina. 

Unha destas é Cleo Duflón: outra bruxa novata de Pilar Serrano con ilustracións de Ignacio Hernández, publicada por Minicumio,  que se presenta así: "Cleo é unha nena como todas, quere ir ao cole, xogar e pasar desapercibida. Pero a súa nai dille que ela é unha bruxa, unha bruxa moi especial. Deseguido terá que descubrir cales son os seus dons nunha escola de maxia un tanto particular. Polo camiño atoparase con amigas, conflitos e misterios que con enxeño, intelixencia, empatía e bastante humor terá que resolver. Ás veces dubidará, porque dubidar é bo, pero no seu afán pola verdade e a xustiza levaran a Cleo, a nosa nova bruxa novata, a acadar a solución ao redor dun conflito entre Duflós e Conxuro, as dúas mascotas máis relevantes na súa escola, con un pasado un tanto conflitivo."