Amosando publicacións coa etiqueta Ala Delta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ala Delta. Amosar todas as publicacións

venres, 5 de decembro de 2025

Novelas infantís, escritas en galego e traducidas

Benita e Malva e o crime do crítico gastronómico de Érica Esmorís con ilustracións de Ignacio Hernández está publicado en Ala Delta (Edelvives) para maiores de dez anos.

Da presentación editorial: "A Benita e Malva —dúas xemelgas idénticas só na aparencia— acaban de abandonalas os pais. Unha auxiliar de policía encárgase de levalas cun suposto tío, Eustache Chaillot, que rexenta un restaurante en París. Pero Chaillot foi acusado de asasinar un crítico que falou mal das súas célebres croquetas. As irmás, con Guillou (o pinche do restaurante) e Gioconda (a súa rata), vivirán múltiples peripecias para esclarecer o crime e coñecer o paradoiro dos pais." 


Pódese comezar a ler a historia neste enlace. Unha novla que seguramente teña continuidade porque nos deixa agardándoa, porque dous personaxes como esas xemelgas tan diferentes a nivel de personalidade ben o merecen e porque acaban de subri a un tren que debe levalas ao encontro dos seus pais, sempre coa axudante de policía que viaxa cunha enorme maleta un paso por diante.

Xertrudis busca traballo de Ana Meilán, ilustrado por Agustina Mattar, traducido por Xesús B. Tellado e publicado por Entrenubesycuentos para lectorado a partir de 7 ou 8 anos. Outra historia de bruxas, esta arruinada e chea de débedas que debe atopar un traballo o antes posible para poder facerlles fronte. Vive cun cobrador de morosos fronte á súa porta de tal maneira que chegarán a establecer unha relación. Ao longo do relato imos vendo como pasa de neneira a modista, de veterinaria a traballar nun parque de atraccións con Bradislavo xa co seu carné de maquinista e, por fin, poderá deixar de buscar traballo nos xornais e repetir desesperadamente "Necesito este traballo máis ca nunca". 

Así se presenta: "Desde que Gertrudis perdeu o seu emprego, as débedas non fan máis ca crecer. Cada mañá Bladislavo grítalle que acabará na fogueira se non paga o que debe. É hora de buscar traballo! Coidado con reírte ao tararear os conxuros, xa sabes que as bruxas e os nenos nunca se levan ben. Se queres acompañala, súbete á súa escoba e agárrate forte porque chega tarde ao primeiro traballo. Canto cres que lle durará?"

martes, 10 de xuño de 2025

Varios

Unha boa amiga de Laura Suárez está publicado por Tambre na colección Ala Delta.

Da presentación editorial: "Era unha vez unha nena que un día coñeceu unha raposa. Ou era unha vez unha raposa que un día coñeceu unha nena. Si, se cadra eran moi distintas. E, aínda así, decidiron achegarse unha á outra.Pasaron semanas e meses enteiros xuntas. Debuxaron, leron e xogaron. Mais un día certas cousas entre elas empezaron a mudar." Porque é difícil que unha ceda todo o tempo para que a outra sexa feliz no seu medio, hai que chegar a un acordo, despois de pasar semanas enteiras facendo cousas de raposas, pasaron meses enteiros facendo cousas de nena, cabreáronse e ao cabo do tempo volveron buscarse e desculparse porque son coma a noite e o día pero boas amigas. 

Unha historia curta, unhas imaxes nas que o ocre protagoniza o mundo de nena e raposa. Pouco texto, moi escollido. Unha historia simbólica acerca da amizade entre diferentes, difícil pero posible.

Mica, Cuarzo e Feldespato de Antonio M. Fraga está ilustrado por Bea Gregores e publicado por Triqueta Verde na colección Petos.

Da presentación editorial: "Que agradable é ser unha ratiña de vertedoiro! Agás se unha bandada de gaivotas decide roubar a comida que cada anochecer trae un camión desde o supermercado. Isto é o que lles ocorre ás ratiñas desta historia que, desesperadas, deciden pedirlle axuda a Mica, Cuarzo e Feldespato, tres gatos que viven na canteira próxima ao vertedoiro. Gatos e ratiñas unen as súas forzas para defenderse das gaivotas, pero necesitarán a axuda doutras criaturas. Atreveraste a ser unha delas?"

Ben, vai de ratos de vertedoiro, dun problema cas gavotas que lle comen a comida, de como van en comitiva buscar o conselllo da Honorable Rata do Cumio, de como esta lles anima a que falen con tres gatos que viven felices alimentados pola velliña da casa escangallada a carón da canteira, polo medio dous ratos exploradores que van ter un pepel importante). Que, quen son os tres gatos? Pois os dos nomes dos compoñentes do granito: Cuarzo (branco, vello e sabio), Feldespato (laranxa e preguiceiro) e Mica (nova e intrépida); trespersonalidades ben distintas. Despois varios animais que tamén van ter o seu papel, pero o mellor é a forma de contarnos a historia que ten Fraga, ese entrar e saír da historia para falarnbos, esa maneira de presentarnos o escenario e cada un dos personaxes e ese final "E aquí acaba esta historia, que aconteceu no lugar máis feo do mundo. Mais vouche contar un segredo: tras coñecer os seus habitantes, este lugar xa non me parece tan horriblemente feo. E ti que pensas?" Certamente, cada é horrible cando te aproximas e o comprendes, todo ten o seu aquel...

As ilustracións de Bea Gregores mostra outro marabilloso mundo do seu imaxinario. Esta muller que é quen de renacer unha e outra vez, que non se preocupa por demostrar un estilo propio porque pode ter varios e todos eles levados con moita dignidade. Esta é un deles: delicado, con pequenas imaxes, xogando a impoñelas no deseño... Un luxo!  

xoves, 25 de xullo de 2024

Libros para dar a coñecer unha enfermidade ou para non esquecer a Historia

Libros para... dar a coñecer unha enfermidade, normalizala

Son Mariña! A historia dunha nena celíaca de R.J. Peralta e Blanca Millán publicada por ACEGA (Asociación de Celíacos de Galicia) e Gadis.

Cada unha ten as súas condicións e circunstancias, ser celíaca para Mariña vén sendo unha pequena parte da nena feliz que é. Vainos explicando en que consiste a enfermidade e o que ten que facer para poder vivir con saúde. Explica que alimentos non pode comer e como privarse diso lle evita dores e molestias. Sintético, claro e positivo, cunhas ilustracións que achegan esa normalización e relativización do problema.

Se non lembras a Historia estarás condenado a repetila, semella dicir o libro Un frautista en Nilemah de Xabier López López con ilustracións de Santi Gutiérrez e publicado por Edelvives na colección Ala Delta. Nilemah (con hache tras do a) é unha vila que sofre a peste das ratas, unha vez máis se repite a historia, o caso é saber como reaccionar se xa sabemos o que pasou en Hamelín. Cando aparece o frautista, e leva as ratas sabemos o que vai pasar pero non como rematará... Será cuestión de ver esta nova versión ou este novo suceso. Unha nova volta á torca, a volta aos contos de sempre.

Cada vez que aparece "Nilemah (con hache tras do a)" fainos lembrar X (antes twitter), ou non?

venres, 1 de decembro de 2023

Dous libros de Carlos López

Dous libros de Carlos López, o Chinto de Pinto&Chinto:

O frac do pingüín (e outros contos de animais) e Contos que caben nunha man

O primeiro deles, O frac do pingüín (e outros contos de animais), está ilustrado por Christian Inaraja e publicado en Tambre, na colección Ala Delta. En cada mini conto vai dando razón do animal, por que é así, a que se deben as súas caraterísticas... sempre dende un punto de vista humorístico, non debemos esquecer que o autor forma parte do dúo Pinto & Chinto de humor gráfico. Así se presenta: "Como conseguiu a súa luz o vagalume? Por que a cebra ten raias? ¿Cal é a razón de que voe o peixe voador? En que momento empezou o can a enterrar os ósos? Como se orixinou a crista do galo? De que maneira logrou o caracol a súa casa? Se tes curiosidade, abre este libro cheo de animais, entra nel (con tino de non pisar os bechos máis pequenos) e axiña o descubrirás."

Especializado nos formatos pequenos, os seus contos infantís buscan sorprender e conseguir o sorriso co mínimo de palabras

O segundo dos libros, Contos que caben nunha man, está  ilustrado por Uxía Pin, publicado en oqueleo na colección +6 e podemos ler un adianto no seguinte enlace. Dise:"Estes contos son tan pequenos que caben nunha man. Unha man que di coa man adeus ao aburrimento e ola ao humor, que te leva da man a un mundo de sorpresas. Unha man que cos cotenos chama á túa portsa e che entrega este libro que agora tes na túa man." Un puñado de historias, con diversión a mans cheas e tamén soños de primeira man.

mércores, 24 de maio de 2023

Un título ecolóxico

 

A revolta da lagoa de Rafael Laso Lorenzo, con ilustracións de Ximena Maier publicado por Tambre na colección Ala Delta.

Así se presenta: "Un día, da noite para a mañá, como por arte de meigas, os animais da lagoa descobren unha sospeitosa caravana de automóbiles. Pronto saberán que son obreiros que veñen desecar o seu País da Auga, polo que deciden organizarse para defender o seu territorio. Radicais, pacíficos, dialogantes ou escépticos, todos xuntarán esforzos para enfrontarse a un opoñente que leva todas as de gañar." 

A loita por defender o propio hábitat, os animais dándose aviso, xuntándose, planificando unha estratexia, dispostos a perecer por mantelo... os homes ao seu, facendo o traballo sen pensar nas consecuencias; non son mala xente sequera e poderían dicir "non é nada persoal, é o meu traballo". Os xabaríns atacando, os lobos metendo medo ata que lles disparan, as culebras na ponte, as aves avisando e as máquinas acabando con todo, contra elas pouco se pode facer, unha millenta de paxaros voan ao lonxe, emigran a outras terras e nos ouvidos de todos resoaban aínda con forza as palabras do vello corvo: "Nunca máis". Así remata a historia, antes de que no epílogo o autor nos conte que a historia está baseada no desecamento da lagoa de Antela en 1958. Unha lagoa desecada, un mundo desaparecido.