domingo, 15 de novembro de 2020

LIBRARÍAS... DENDE 1880

Dende 1880 de Pietro Gottuso é o XIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. 

Un libro silencioso que nos mostra un anaco de rúa ao longo de 140 anos. Daquela, en 1880, ábrese a libraría que permanecerá vixiante ata a última década. O tempo representado, por un Cronos impasible, mira dende o alto do portal aos humanos e os seus aconteceres. A libraría é familiar así que nos vai mostrando toda a árbore xenealóxica que se vai facendo cargo do negocio. Do outro lado do portal, un café que posteriormente pasa a ser galería de arte que nos mostra, a través do seu escaparate, as correntes de cada momento; máis tarde, pasará a ser unha tenda de electrodomésticos ou un lugar de acceso a internet... A rúa vai sendo ocupada polas modas e os movementos históricos, os autos e as roupas de cada momento. Todo vai seguindo o seu curso e nós podemos ver o avance histórico observando esas imaxes que o din todo.  Rematamos vendo as caras cubertas cos tapabicos por segunda vez porque xa a principios do XX estiveran aí. A imaxe final vainos dar para pensar e teremos que escoller se nos apropiamos da esperanza ou desistimos, se decidimos actuar cando estamos a tempo ou nos deixamos levar. 

O futuro está nas nosas mans! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario