Vigo pequeno de Ramón D. Veiga e Rubén González preséntanos Vigo nunha publicación para rapazada, atendendo aos seus intereses e ao máis representativo da cidade. Tamén o formato é pequeno, case de peto para poder viaxar con el polas rúas e percorrer o lugar.
Publicada por Xerais, preséntase así: "Unha guía literaria única que convida aos lectores máis novos a descubrir os recantos máis fascinantes da cidade de Vigo. Vigo é unha cidade incrible: ten un ascensor que parece unha nave espacial, un campo de fútbol feito con ondas de mar e un sereo empoleirado no alto de dúas columnas. Apetécevos acompañar a Oliva a dar unha voltiña polos seus lugares favoritos?"
Pois si, é Oliva quen pon a voz para falarnos da ponte de Rande (esa entrada á cidade), o monte da Guía, o teatro García Barbón, o farol que estivo na intersección das tres vías principais e hoxe se recolle en Bouzas, os vitrasas, o cárcere feito MARCO, o sereo e os dinos, a orixe da oliveira, a escultura da fada e o dragón, as Cíes no horizonte, a panificadora, o castelo de San Sebastián, a casa do concello, o monte do Castro, a escultura dos cabalos cabalgando, as prazas de España e América, a porta do Atlántico de Silverio Rivas, o museo Quiñones de León, Balaídos, Samil, o Museo do Mar, o Berbés, a igrexa de Santa María, as ostreiras da Pedra, o peirao de trasatlánticos, a estatua de Xulio Verne, o ascensor parnorámico Halo e moitos máis lugares que podenmos ver no paseo pola cidade.
As imaxes esquemáticas acompañan moi ben ese percorrido de palabras que nos falan do mellor da cidade, daquilo que a fai propia, que lle dá identidade, que a sitúa no mundo máis alá das luces. Unha revindicación do lugar onde vives. Unha mostra do que podes ver se a vas visitar. Coa linguaxe clara e poética de Veiga imos dende o plano da cidade (nas gardas) ata todos os detalles que a fan única. Orgullo de Vigo e fachen de Galicia representada na máis grande das súas cidades.

Ningún comentario:
Publicar un comentario