Amosando publicacións coa etiqueta Polo correo do vento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Polo correo do vento. Amosar todas as publicacións

mércores, 24 de xuño de 2026

A marquesa vermella: María Vinyals

Dúas publicacións. Dúas biografías. 

Unha delas é Marquesa Vermella. Pequena biografía de María Vinyals publicado por Polo Correo do Vento con ilustracións de Tania Solla, na colección Mulleres Galegas. Naceu nun castelo, o de Soutomaior, en 1875; dende alí dominaba o val do río Verdugo. Ela era a sobriña dos donos do castelo e tiña a mellor educación que se podía ter daquela (especialmente para unha muller). Inglés, francés, alemán e portugués eran linguas que dominaba, lía moito, tocaba o piano, pintaba. Era consciente da situación das clases que non tiñan acceso á educación e quixo cambiar isto. Casa e reside en diferentes lugares como Zaragoza, Madrid e Biarritz onde dinamiza os círculos culturais; tamén foi membro da RAG, do Ateneo de Madrid e presidenta do Centro Iberoamericano de Cultura Popular Feminina e Escola de Nais de Familia onde tenta que as mulleres se alfabeticen e aprendan oficios; reclama o dereito das mulleres a votar, imparte conferencias e reclama a igualdade de homes e mulleres; ten relacións con mulleres como Emilia Perdo Bazán, Margarita Nelken, María de Maeztu ou a pedagoga María Barbeito. Documéntase e escribe sobre a historia do castelo, unha novela titulada Rebelión co pseudónimode Jouzelle. Ao enviuvar, volve casar con Enrique Lluria, un médico cubano co que comparte ideais, crean un sanatorio na casa de hóspedes do castelo. Afíliase ao Partido Socialista e de aí lle vén o alcume así como dos convidados que pasaban polo castelo como Castelao, Benlliure, Sorolla, pero os problemas económicos lévanos a vender a propiedade para marchar a Cuba. Alí morre o home e deben volver. Ela sempre escribe en xornais e revistas, defende a igualdade da muller e a dignidade dos máis débiles.

O outro libro é María Vinyals publicado pola Deputación e o Museo de Pontevedra, dentro da colección Mulleres da nosa Terra, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento. Unha biografía con lustracións a toda cor, nun formato máis grande e con algún outro dato, por exemplo os sete nomes coa que a bautizaron como acostumaban facer coa xente da nobreza. Tamén se di o nome dos tíos propietarios do castelo: marqueses de la Vega Armijo e que dende pequena tivo relación con políticos de renome e xente da alta sociedade, que casou co nobre Juan Jordán de Urríes, marqués de Ayerbe que ocupa cargos diplomáticos que a levan por toda Europa... Remata cun glosario no que se explican as palabras que no texto aparecían en verde.

Dous libros para a marquesa que viviu en Soutomaior e defendeu os dereitos das mulleres e das clases populares, a marquesa socialista!  

sábado, 20 de setembro de 2025

E... máis variedade

Da presentación editorial: 

"Vrao é o novo poemario, publicado na colección Árbore, de Lois Alcayde Dans, un canto de amor a un dos momentos máis fermosos do ano e todo o que implica.

A través destes versos, navegamos os mares infindos, paseamos polas tardes de sol, coñecemos as amizades pasaxeiras e perdémonos polos montes poboados por animais de cores.

A infancia non revelada no camiño, as festas, a crema de praia e as brazadas na auga… unha época para conservar nos episodios máis brillantes de nenas e nenos de todas as idades. Adobiado coas ilustracións de Lucía Escrigas Rodríguez, este título é un fardo de luz, que homenaxea tamén á figura da nai. Lectura recomendada a partir de 12 anos.

Lois Alcayde Dans é un escritor, xornalista e investigador académico nado na Coruña en 1997. En Editorial Galaxia publicou o libro de relatos Os jeans de María (2019) e participou na obra colectiva O libro da música (2021). Tamén colaborou en varias antoloxías poéticas e gañou o Premio Balbino de relatos (2017), o XX Díaz Jácome de Poesía (2018), o Certame Exeria do Ateneo de Vigo (2023) e o segundo Premio Mazarelos de Poesía da USC (2018).

Lucía Escrigas naceu en Oleiros e recorda os días calorosos de nena preto do mar pero, como ten a pel moi branca e se queima con facilidade, intenta atopar sempre un equilibrio entre a costa e o interior. Esta segunda paisaxe forma parte do seu traballo como arquitecta en comunidades rurais. Interésalle o territorio e como as persoas se relacionan co medio en que viven.

Gústalle debuxar dende pequeniña e, ao longo destes anos, espallou as súas ilustracións por paredes, fanzines, contas de Instagram, revistas e, agora, neste libro.

Os trazos e cores elíxeos sempre pensando en quen mira."

... Nada máis que dicir! Agora toca que as persoas mediadoras opinen acerca deste libro de versos, que o lectorado de + de 12 anos ao que vai dirixido decida... E nós agardamos que Galaxia continúe achegando a información en cada libro. 

O poeta da Terra. Pequena biografía de Enrique Labarta Pose, elaborado (e seguramente contada por) Polo correo do vento, ilustrada por Tania Solla e publicada por Lela edicións.   

SINOPSE:
Enrique Labarta Pose
(Baio, 1863 - Barcelona, 1925)
Foi escritor, xornalista e fotógrafo. Destacou polo seu enseño e versatilidade, tanto na súa vida coma na súa obra, o que lle valeu ser laureado e respectado en todos os lugares onde lle tocou vivir.
Biografía Ilustrada."

Un traballo biográfico con abundantes citas da poesía de Labarta Pose e algún artigo. Bibliografía e webgrafía sobre o autor enriquecen a publicación que se entende como achega á reivindicación das Letras Galegas dende o concello de Zas.

luns, 4 de agosto de 2025

Varios e variopintos

 

Antonio, o pintor con texto de Sara Quintana e ilustracións de Polo correo do vento está publicado por Lela Edicións grazas á colaboración do concello de Tomiño, a A.C. Antonio Fernández e a Fundación Xavier Pousa.

A vida do pintor que nace en Tomiño e vive entre Brasil, Italia e a súa Terra. Un artista de calidade e xeneroso, que despois de entegar obra aos museos de Galicia, lega todo o que lle pertence á veciñanza. Comparte o seu tempo con Eliseo Alonso, Xoán Piñeiro, Xavier Pousa...Ben merecía este libro, a rúa e o CEIP que levan o seu nome. Benzóns!!

Historias Colexiadas. Ilustres contadas de César L. Mougán e Héctor J. Pérez Cortizo aparece publicado por Medulia en tamaño grande. As ilustracións acomapañan cada texto e esténdense ocupando dúas páxinas. Un libro de poesía... Así aparece na páxina editorial: 

"Resumo: As tradicións populares, o mundo animal e o mundo da natureza, xunto con referencias ancestrais como os mitos e as meigas, o mar e os seus tesouros conforman as páxinas dun libro dirixido ás crianzas, moi recomendable para usar como ferramenta nos colexios de apoio á lectura."

venres, 19 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (III) Tinta do mar

Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta escrito por Polo Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla aparece publicado na colección Mulleres galegas da editorial Lela. 

O violín e a cidade d´A Coruña enmarcan as gardas. Preséntase así:"Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), foi unha escritora, docente e violinista galega, homenaxeada no ano 2024 co Día das Letras Galegas. Unha intelectual poliédrica que traballou en distintos campos, e en todos ben: poesía, teatro, narrativa, ensaio, música e colaboradora habitual en xornais e revistas. Foi unha muller feminista, ecoloxista e amante da nosa lingua, comprometida cos movementos sociais e culturais como A Festa da Palabra Silenciada e Burla Negra, e formou parte da Mesa Pola Normalización Lingüistica e da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega."

Os seus versos:

"E o mar interminabel danza, borra / o nome escrito sen que o ritmo morra" 

"Nacín enfronte de min mesma  /  cando a Pescadería era un leito de sereas"

Andei por Santiago / pisando estrelas  / na noite."

Para máis información... xa sabedes nas bibliotecas e tamén, sempre, na páxina do Seminario Galán