Amosando publicacións coa etiqueta Edebé. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edebé. Amosar todas as publicacións

sábado, 6 de xuño de 2026

A tradución do premio Edebé de literatura infantil

O premio Edebé de literatura infantil, Tres nenos tristes e medio unicornio de Beatriz Giménez de Ory está ilustrado por Cinta Villalobos e publicado por Rodeira Edebé. 

Da presentación editorial:"Amanda (ou Xayree, como lle gusta a ela que a chamen) é unha aspirante a fada. A súa nai finou hai tres anos e seu pai, o famoso cantante de rap Diente de Garlic, pasa longas tempadas en Miami. Afortunadamente, o primeiro día de clase coñece dous nenos, Teresa e Gustavo, e semella que están dispostos a embarcaren con ela na aventura de atopar un unicornio, aprender a multiplicar o diñeiro e fabricar unha apócema de amor. Estas son as tres probas necesarias para converterse en fadas de verdade."

Tres personalidades moi diferentes que coinciden en que están tristes, Amanda por soedade despois de morrer a nai e co pai case todo o tempo fóra, Teresa porque tivo que abandonar a vila onde vivía coa avoa e virse coa nai á cidade e Gustavo porque os seus pais van camiño da ruína. Será a biblioteca e o bibliotecario quen os salve, porque alí atopan a calma que necesitan, a compañía dos libros e dos amigos e unha misión que cumprir. Gustavo é marabilloso, un destes nenos que non quere defraudar e fará o que lle pidan sempre; Amanda semella medio tola con esa manía das fadas, os cambios de imaxe e a limosina con chófer pero é toda bondade e saberá ganar aos outros; Teresa empeñada en volver á casa da avoa e recuperar todo o perdido aínda que sexa convertendo unha cabra en unicornio. O que nos gana da historia é a bondade dos tres rapaces e tamén do resto de xente que os rodea. Temos necesidade de finais felices (nunca tanto os precisamos) por iso a historia nos atrae e estamos dispostos a crer todo o que nos contan. Todo se pode solucionar se poñemos empeño en facelo, pode ser coas receitas do libro ou simplemente poñendo en contacto ás persoas para que se axuden, porque, tal como dicía aquel activista de Greenpeace "fronte a min había humanos e non debía temer", pois non temamos e poñamos a valentía a proba. Creamos nas fadas!

O libro remata con actividades para faclitar o traballo dos mediadores coa rapazada unha vez rematada a lectura. 

martes, 11 de xuño de 2024

Un novo libro da colección Tucán de Edebé

A lectora de mentes de César Mallorquí con ilustracións de Sergio García, traducido por Isabel Soto, está publicado na colección Tucán de Edebé.

Da presentación editorial: "Olivia tiña catro anos cando leu por vez primeira a mente da súa nai. A partir dese momento, o poder de Olivia foi medrando aos poucos. Daquela, a cativa descubriu algo: a mente de cada persoa ten un «olor», ou un «sabor», ou un «son», ou un «tacto» distintos. Con todo, nunca topou nada tan horrible e noxento coma cando, algúns anos despois, captou a mente do monstro."

Cando revisamos a biografía de César Mallorquí atopamos perlas como esta, é fillo do autor de El Coyote,publica o seu primeiro relato con 15 anos e con 17 faise colaborador de La Codorniz. Conta con máis de corenta libros e de trinta premios.

Hai que ler o libro para ir meténdose nesa mente que vai lendo as dos outros ata case tolear co ruído cando está ante unha multitude, observar como pode superar ese problema grazas á súa alma xemelga e como xuntos han de enfrontarse ao horror de horrores: outro lector de mentes da peor calaña ao que non se lle pode ler a súa... como farán para librarse del, quen acudirá na súa axuda? Porque ás veces, os seres que semellan máis indefensos son os que gardan as forzas máis grandes, os que poden salvar asituación por difícil que sexa.

venres, 19 de maio de 2023

Un libro ganador da colección Tucán de Rodeira

Rei de Mónica Rodríguez acadou o premio Edebé de literatura infantil. Unha historia que rezuma tristeza dende a primeira páxina pero que cara ao final nos achega a esperanza necesaria nunha narración infantil. As ilustracións son de Ángel Trigo. A tradución debe ser do equipo Edebé, pois non aparece...

Rei, o neno, é maneira coa que se recoñece porque era como a nai o chamaba cando non bebía. Garda ese nome coma a chave que o leva a unha lembranza amorosa e profunda. Rei, pasa un tempo de desamparo, sen acubillo humano ni social, ata que case reconvertido noutra raza, é recuperado... e a narración decide coller outro rumbo e devolvernos a esperanza. 

Así se presenta: "Durante o duro inverno, nunha cidade do norte, un neno foxe da súa casa a causa do maltrato do seu padrasto. Atopa acubillo debaixo dun tubo, preto das vías do tren e do descampado que conduce ao bosque. Ninguén parece ter mágoa del ata que uns ollos o miran con detemento e tenrura. Tamén con autoridade. Eses ollos pertencen a unha cadela sen dono. O neno terá que aprender a sobrevivir cabo dela e da manda de cans que lidera. Aínda que a súa presenza non será aceptada de bo grado por todos eles."