martes, 28 de setembro de 2021

Douche a miña palabra de Fran Alonso

Douche a miña palabra de Fran Alonso, un libro de reflexións arredor da lectura. Un título que fai pensar nunha promesa pero tamén na entrega que supón a escrita. Un discurso que nace da experiencia coa rapazada nos encontros ou en Espazo Lectura esa asociación de promoción da lectura para a que miramos dende calquera esquina de Galicia. Un pequeno ensaio dirixido pequenos lectores e lectoras,  que Brea Gregores define como un escrito con alma de poema, se reflexión nostálxica, de didáctica amiga.

Vai o escritor percorrendo camiños nos que fala das razóns polas que se escribe, das lecturas e da literatura, das bibliotecas e da poesía, da lingua na que escribe e falamos, esa lingua que nos enfronta a unha realidade fermosa e acosada.

Podemos recoller algún fragmento:

Sobre a lectura. Se estás na terraza dun edificio, podes ver moitas máis cousas que dende a rúa, podes ver case o plano da cidade e ata a paisaxe “Cando es unha persoa que le, é coma si vivises nunha terraza:

porque tamén podes ver con ollos que non son teus, son dos personaxes dos libros;

porque tamén podes escoitar con oídos que non son teus, so dos personaxes dos libros;

porque tamén podes experimentar sentimentos que no son teus; son dos personaxes dos libros.

En definitiva, podes ver moitas máis cousas das que es capaz de ver por ti mesma ou por ti mesmo.

Por iso, a lectura é unha terraza inmensa” (...)

As ilustracións, de Bea Gregores, achegan esas metáforas visuais que complementan as imaxes verbais do autor, nesas cores con predominancia de verdes e granates e referencias que nos traen evocacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario