domingo, 21 de novembro de 2021

Darío Xohán Cabana: O milagre das estrelas.

O milagre das estrelas. Aventuras do mago Antón no Camiño de Santiago foi escrito por Darío Xohán Cabana.  Del, dise que recolle o argumento que dá base a un espectáculo máxico-teatral do Mago Antón, chamado Vía Láctea, co que percorreu o camiño de Santiago, de París a Compostela. O Mago Antón monta a súa carpa en París e chega en moto ó escenario, acompañado de Güendoline. Alí, logo dalgunha mostra de maxia, fai aparecer a Carlomagno, Don Roldán e Guilhem de Aquitania (o que coñecemos co nome de Gaiferos de Mormaltán). Despois únese a eles o Apóstoto Sant-Iago, que baixa ó escenario nunha barca de pedra para poder resucitar ó Mago Antón, morto por unha demostración de ingravidez sobre a grande espada de Carlomagno. O Apóstolo sobe ó ceo na procura da Vía Láctea (concentrada nunha estrela) para poder salvar o mago. Todos eles emprenden logo o Camiño cara a Compostela. Nese percorrido, mentres Roldán lle fai as beiras a  Güendoline (porque os cabaleiros, e máis se son novos, é o que teén), ocórrenlles cousas que van sendo solucionadas pola maxia do Mago Antón. Ata que chegan á catedral. Alí, o Mago converte ó demo nun bloque de xeo, e, tras deixar aos tres personaxes históricos gravados para sempre nunha columna da catedral, desaparece Sant-Iago, de novo na barca de pedra. Só queda ó final a estrela na que se concentra a Vía Láctea. 

Unha historia con personaxes históricos ou de lenda ao lado dun real como é o mago Antón e arredor do que ten lugar toda a trama. O epectáculo Vía Láctea levouse a cabo con motivo do Xacobeo 93, un espectáculo multimedia (teatro, cine, maxia, música...) que se representa durante meses en Santiago e despois nas cidade máis importantes de Galicia, rematando a súa xira en Pamplona e Madrid.

Remata o libro cun apartado que normalmente leva o título "Cando o autor fala de si" pero que neste caso titúlase "Onde o Darío fala do Antón".

Está ilustrado por Liliana Vázquez a modo de colaxe nas que recolle fotografías, especialmente do mago Antón, que completa con debuxos. Foi publicado na colección de Merlín de Xerais, en 1993.

Ningún comentario:

Publicar un comentario