mércores, 7 de xuño de 2023

Novela para lectorado autónomo que xira ao redor do cine

Unha veciña de película de Iria Misa, ilustrada por Laura Suárez (co estilo que lle é propio e que retrata a eses personaxes que xa imos recoñecer sempre) está publicado na colección Merlín de Xerais. 

Semella que volveron os temas de Agustín Fernández Paz. O cine facéndose dono das historias, traendo a súa maxia á vida cotiá.

Semella que tamén volveron as personaxes que parecen sacadas doutros tempos e outras realidades como esa muller, Alice, de idade indeterminada e envolta no misterio. 

E semella que as familias diversas son contadas con toda naturalidade: Mami e Mamá non teñen necesidade de reivindicarse ou defenderse ante ninguén. 

Dous xemelgos: Elsie e Simón (van desaparecendo os nomes galegos para quedar no do rapaz unicamente) que viven as súas aventuras de verán grazas á veciña que os mete nas proxeccións de vellas películas: O mago de Oz, Tiburón, Sherlock Holmes e a perla maldita, O gran ditador, Viaxe á Lúa, Frankenstein e Indiana Jones e a última cruzada. Na volta ás clases van ser a sensación de todos os recreos pois non son comparables as súas peripecias coas dos xemelgos por moi lonxe que viaxasen (nunca chegarían á Lúa), por moito que lesen (nunca entrarían na profundidade da historia de Frankenstein), por moito que realizasen expedicións (nada comparable á de Indiana Jones), por moito que investigasen (non o terían feito como Sherlock Holmes), por moito perigos que pasasen (nunca tantos como nun mar de quenllas)... 

Os guións vanse intercalando coa narración e achegan unha diversidade e riqueza ao relato.

Ningún comentario:

Publicar un comentario