venres, 23 de agosto de 2024

Novela xuvenil coa Coruña como orixe

Ningunha estrela levará o meu nome de Antonio Manuel Fraga aparece en oqueleo de Obradoiro.

Así se presenta: "Rodri parece abocado a pasar só as vacacións de Nadal. Seu irmán Robinson cancelou a visita anual desde Mallorca e súa nai deberá traballar varios días fóra da cidade. Entón, o seu amigo Mario proponlle un disparatado plan.

Mario é un compañeiro da clase obsesionado cos pasteis de merengue, a música de Frank Ocean e o videoxogo Serenity´s Edge. Os dous rapaces son moi diferentes entre si, mais comparten o feito de ser uns marxinados no instituto.

Cando marchan xuntos da cidade, comezan unha viaxe chea de aventuras a través de estacións de tren, estradas xeadas e cidades descoñecidas nas que Rodri descubrirá o valor da amizade.

Ningunha estrela levará o meu nome é unha homenaxe aos heroes e ás heroínas que viven entre nós."

Rodri vaille contando a alguén o relato da súa vida, tardaremos en saber quen é o receptor desas palabras que lemos nós, pero todo chega e tamén ese momento. Nun continuo flash back de ida e volta o mozo vai desamalloando a historia: a súa (unha vida entre a nai e o irmán que lembran Brasil e ao pai),  a da escola no grupo dos marxinais que semellan recollidos dun inventario de pezas raras entre as que destaca Mario cunha chea de cualidades e a viaxe dende A Coruña ás Baleares, chea de dificultades pero tamén estraños encontros. 

Unha voz persoal mantén a nosa atención mentres retumba esa frase que sitúa a quen a di no anonimato dos non vencedores, a pesar de que as estrelas son moitas e non sabemos cal é definitivamente o criterio para nomealas. Sentirse fracasado, saberse distinto, atopar un amigo disposto a facelo todo por ti ou polo que sexa, un ser especial que entende o que che pasa e pode embarcar nos xogos que lle propoñas. O mundo do cómic e os videoxogos, da rapazada á que todo lle vai resultar menos doado e das viaxes que non só se fan pola xeografía. Ata onde é mellor desconfiar como fai Rodri ou ser inocente como Mario? A valentía de defender ao amigo, o positivismo de dicir algo agradable a quen nunca recibiu un afago, a intelixencia natural, esa capacidade para entenderse cos bebés, a xenerosidade ampla e gratuíta... fan do rapaz xitano un personaxe moi atraínte. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario