sábado, 28 de setembro de 2024

Novela gráfica: "Cinza" de Manel Cráneo baseada no libro de Xavier Alcalá "A nosa cinza"

Novela gráfica: "Cinza" de Manel Cráneo baseada no libro de Xavier Alcalá "A nosa cinza". En tebeosfera: 

"Cinza é a adaptación de Manel Cráneo do long-seller A nosa cinza, de Xavier Alcalá,con máis de 80000 exemplares vendidos. Conta a vida de Xoán, un rapaz criado durante a dictadura franquista, orfo de nai, fillo de médico, de familia galeguista. Durante dez cursos escolares na cidade, con vacacións na aldea, que se vai convertendo nun lugar de moda para o veraneo, vemos a Xoán medrar no duro contexto do seu tempo. Os anos de escola e instituto marcan a transición do neno inocente ao mozo que se ha de enfrontar aos designios da vida para cortar o cordón umbilical coa súa familia.

Cinza e unha obra univesal e intemporal chea de referencias polos temas que a vertebran: a morte, o sexo, a amizade, os excesos da relixión e a dureza dun réxime totalitario. A morte asalta o protagonista desde cativo; o sexo xórdelle como premio inalcanzable; a amizade corre paralela a unha violencia que ensombrece a vida do neno e do adolescente; o fundamentalismo relixioso acosa, abafa os sentimentos; imponse a Formación do Espiríto Nacional Católico empeñado en agochar o galeguismo."

Así o conta a libraría Kómic: "Alá polo ano 2017 Cráneo recibiu unha chamada de Alcalá para converter o seu relato A nosa cinza nunha novela gráfica. Manel aceptou o reto sen ter que meditalo moito e é agora, nada máis e nada menos que seis anos despois, cando podemos gozar do magnífico resultado. Alcalá, nado en Cidade Real no ano 1947, viviu desde neno en Ferrol e sitúa a novela e ao seu protagonista, Xoán, nos mesmos lugares e no mesmo tempo que a el lle tocou vivir. É, polo tanto, un relato de experiencias persoais e cotiás que empezou a escribir con só vinte e cinco anos, tendo aínda frescos os recordos de infancia e mocidade, e que foi publicado en 1980. Foi unha novela de lectura obrigatoria nos institutos galegos durante xeracións.

A técnica de tinta chinesa e auga vaille como anel ao dedo para mostrarnos eses tempos documentados nas imaxes de televisión e cine en branco e negro e as sutilezas dos degradados transmiten certas sensacións de nostalxia ben agradables creando un contraste cos feitos tráxicos e perturbadores que vive o noso protagonista. Escribió Alcalá nos anos 70 unha obra eterna e atemporal no sentido de como trata o paso da nenez á mocidade e á idade adulta, tivo unha visión moi acertada no tratamento dos personaxes e na ambientación, e hai seis anos volveu acertar ao escoller quen tería que converter esta novela en imaxes, non podería elixir mellor porque elixiu a todo un experto: Manel Cráneo.
Na adaptación do guión de Manel Cráneo hai achegas novidosas, un coidado equilibrio entre o diálogo interior do protagonista (e narrador) e a narrativa visual, metáforas e escenas que non entraron no texto orixinal e un final diferente e quizais máis pechado que o da novela. No aspecto gráfico o estilo de Cráneo, máis solto que nunca e claramente recoñecible en todo momento, vaise aproximando cara a un realismo máis acentuado sobre todo nas arquitecturas do Ferrol máis señorial, da cidade en expansión así como nas paisaxes da contorna."

Ningún comentario:

Publicar un comentario