venres, 30 de abril de 2021

Novidades de Sushi Books

Amelia Fang e os Señores Unicornios de Laura Ellen Anderson (texto e ilustracións). Este volume forma parte dunha serie que xa está traducida a máis de vinte linguas (dise na lapela). Da presentación editorial: "Amelia e os seus amigos deben atreverse a saír de Nocturnia, rumbo ó Reino da Luz, para rescatar a fada Raiola. Pero hai terroríficos gatiños anxo e unicornios axexando detrás de cada arco iris. En quen poderán confiar? Serán quen de desenmascarar o verdadeiro vilán que planea dominar o mundo?" 

A tradución é de Moisés Barcia.

Os mundos da luz e da escuridade, lugares especiais como a pradería pracenteira, o bosque petrificado, o bosque encantado, o xardín dos bechos, os peiraos encantadores, o río Risa, a veciñanza dos gnomos, o val vívido, o pozo dos desexos desexables, os montes marabillosos, a cidade de Purpurinópole... Os seres que son e non son: vampiros e unicornios, un neno e seu pai na busca da nai, atravesando mundos para atopala. 

Unha serie das varias que andan a nacer arredor destes seres en plan broma ou quitándolles ferro, escritoras que tamén debuxan eses mundos, lectura doada que se estende polo lectorado autónomo con libros adornados de xoven adolescente.

Coraxe. Poemas audaces para rapazas afoutas. Edición de Karen Finneyfrock, Rachel McKibbens e Mindy Nettifee. Poemas de Patricia Smith, Dorianne Laux, Andrea Gibson, Amber Tambliyn, Sara Kay, Aracelis Girmay e máis... Tradución de Eva Almazán. 

Din as editoras que a adolescencia feminina é territorio especial, unha metafórica fraga escura que todas as rapazas teñen que atravesar. Están aí os cambios: as hormonas, o instituto, as mellores amigas, os namoriscamentos, os coches; todas as presións temidas e todas as estreas ansiadas; pero tamén é o momento do gran misterio, da maxia e a iniciación, un momento no que toca escoller destino e camiño, converterte no que te vas a converter, un momento no que toca arrostrar obstáculos angustiosos e mudanzas radicais. Un momento aterrecedor. E para iso, consideran que o mellor amuleto é a coraxe, a través do libro que lles gustaría ler a elas cando eran novas. Aí as están! Poesía, moita dela que se presta para a oralidade, para os slam poéticos nos que participan moitas das autoras.


 

martes, 27 de abril de 2021

Un novo libro de Carlos López

 

Carlos López é moitas veces parella artística de Pinto, en Pinto&Chinto, como sucede nas obras: Suca, Contos para nenos que dormen deseguida, Minimalario, Nicomedes o Pelado, As estrambóticas aventuras do barón de Münchaussen, A estrambótica illa do tesouro, O estrambótico Principiño, Os oficios de Rus, Os xogos olímpicos de Ningures, As estrambóticas viaxes de Gulliver, A maceira que daba calquera cousa menos mazás, O pequeno da familia fantasma,...

Agora non, agora, preséntanos Bichería ilustrador por Xan López Domínguez, no estilo característico deste ilustrador pero levando un pouco máis ao extremo esa estilización das figuras ata obrigar a facer un esforzo para recoñecelas. Un estilo que se vai depurando, adoptando o mínimo de cores e unha síntese de elementos e liñas en evolución constante. Os textos son breves, moi breves e concisos, nos que se lle dá unha volta  máis ao mundo animal collendo as súas características e xogando con elas, levando o relato ao absurdo... O certo é que ningunha nena ou ningún neno se vai aburrir lendo estas pequenas historias e recuperando aos seus protagonistas, porque como ben se di na presentación editorial son pequenos en palabras pero grandes en humor e tenrura e esta é unha aventura BESTIAL.