xoves, 8 de setembro de 2022

Novos libros de poesía

Dous libros de poesía e os dous do mesmo autor: Antonio García Teijeiro.

No xardín do poeta cunhas magníficas ilustracións de Víctor Rivas na colección Merlín de Xerais e De poemas e bolboretas con ilustracións de María Lires en Embora. O primeiro deles preséntase así: "As páxinas deste libro son a porta de entrada a un xardín de versos onde o autor, Antonio García Teijeiro, dialoga coa poesía do gran Federido García Lorca. Nese xardín marabilloso que é a obra de Lorca agroman estes poemas de formas varias e medidas diversas; poemas musicais, rítmicos, cheos de luz, lúdicos, críticos, brillantes e sobre todo vitais, pois son froito da conversa íntima entre dous poetas que aman a vida." Rivas crea, arredor desa poesía, un imaxinario propio que dá para unha exposición na que seres alados e acuáticos dialogan coas olas que lembran a arte xaponesa ou as nubes formadas dese mesmo material, debuxos case naturalistas e representación desa xente que non é xente, un surrealismo que crea elementos vexetais con conchas, peixes voadores.... Cando o ar e o auga se unen, cando as plumas e as escamas se saúdan, cando o artista recolle os e o mundo textual e icónico de Lorca estamos ante unha obra maior.

O segundo libro, é suma de dous temas queridos do poeta: as bolboretas e as pombas, a paz e a delicadeza, a tenrura e a beleza.  Un libro de formato grande e pastas duras con ilustracións a base de colaxes e estampacións. O poeta, de novo, homanaxea a outros poetas: Antonio Machado, Edward Lear, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Federico García Lorca, Aquilino Iglesia Alvariño no apartado "As bolboretas visitan algúns poetas.

martes, 6 de setembro de 2022

Un libro de bocados matemáticos e un libro de emocións?

Bocados matemáticos de Paulo González Ogando publicado por Xerais en Básicos Ciencia. Leamos: "Unha mirada adestrada consegue identificar elementos xeométricos, numéricos, lóxicos ou estatísticos ao seu arredor en multitude de situacións. Desde a forma do balón de fútbol ata o número que nos asignaron no noso DNI, nestas páxinas explícanse exemplos variados de aplicacións das matemáticas. O autor, profesor de secundaria, nesta obra dá respostas, fomenta a curiosidade e persegue que se perda o medo a facer uso das matemáticas. No seu blog http://compaseregra.blogspot.com leva compartidas máis de duascentas construcións dinámicas elaboradas seguindo as normas clásicas da xeometría con regra e compás.

A divulgación científica faise cada dçia máis imprescindible, por iso agradecemos cada un dos libros que aparecen en galego. Achegar a ciencia a todos os públicos e facelo en galego é algo realmente marabilloso. 

Defectos monstruosos de Alberto Hontoria Maceín, ilustrado por Nuria Díaz e traducido por Blanca Ana Roig está publicado por Hércules Edicións na colección Nova Lecturas de Hércules

Así se presenta: "Milo odia case todo. É desobediente, irrespectuoso e está sempre enfadado. Un día, tras sufrir un accidente, comeza a percibir un fenómeno extraordinario: o mundo está repleto de monstros que seguen aos humanos alá onde van. Pero a xente non o sabe, pois só Milo os pode ver. Aos poucos, Milo irá dándose conta de que cada monstro se parece sospeitosamente á persoa á que acompaña…" Cada monstro representa un defecto: a ira, a envexa, a soberbia, a timidez... e todo o que se agacha detrás de cada un deles. Milo aprende moito, cambia e tenta axudar aos demais. Pode ser este un libro para o traballo coas emocións, un libro dun psicólogo, haberá que pensalo...

domingo, 4 de setembro de 2022

Banda deseñada para peques

Capitán Lentella. Aventura a todo gas de Jorge Campos aparece publicado en Merlín Cómics de Xerais.

Así se presenta: "Dende o planeta Lentellón, Lalo e Rufino, dous valentes viaxeiros espaciais, queren dar a volta ao universo. A súa primeira parada é a Terra, onde atoparán aventuras, amigos e unha malvada mosca que está a facer das súas agochada baixo a superficie. Como poderán vencela? Parece que o único xeito é espertando o gran poder que todo lentellón leva dentro." Confesa o autor que 25 anos máis tarde de comezar a debuxar e escribir esta historia decidiu publicala, porque é o seu cómic de vida. Contanolo o autor de Alter - nativo un libro sen texto que obtivo varios premios e moito recoñecemento.

Xa imaxinades que falando dun planeta no que só se cultivan lentella os gases están á orde do día, ata o pungto de ser o combustible máis usado, de utilizalo na defensa fronta a calquera perigo. Esta é a historia da vixe de Lalo Lentella e o gato Rufino Lentellón, dous personaxes con personalidades ben definidas que os converten en divertidos e sorprendentes. Tede que lelo!

Un produto imprescindible, pois a banda deseñada para a infancia segue a ser minoritaria.

venres, 2 de setembro de 2022

Un libro con premio

Por mor de cinco pizzas aos catro queixos de Xosé A. Neira Cruz obtivo o premio Carlos Mosteiro 2021. O libro aparece con ilustracións de Víctor Rivas, uns debuxos sinxelos, a dúas cores, e con todas as propiedades  correspondentes. Unha historia de ratos que viven ao lado dun restaurante humano do que aproveitan todo o que precisan, por iso, cando toca defender ao dono, fano con todas as da lei. Unha historia que semella un divertimento, porque no comezo dous ratiños primos propóñense un reto... de aí sae que un deles que é moi comillón ha de papar esas cinco pizzas, pero algo sucede... que vai dar lugar a toda unha trama que ocorre maioritariamente no mundo dos ratos. A verdade é que os humanos non saen moi ben parados (ata o di o autor). 

Este mesmo autor xa ganou este mesmo premio hai un par de anos, con O enigma do baúl pechado.

mércores, 31 de agosto de 2022

Falemos dalgunha editorial

Hoxe toca Baía e a súa colección Meiga Moura. O resultado dun premio ou áis ben, unha colección que ten o apoio dun premio. Ao final de cada un dos libros podemos ver o listado de títulos: premios (O lume dos soños, Lóbez, Os globos de andar, Violeta Tamurana, Bandeiras negras, Miña querida  Sherezade, Denébola a Roxa, As voces da auga, Auga e lume), finalistas (Un marciano neste mundo, O son da buguina, Unha cabana na lúa) e outros que chegan á editorial polos camiños acostumados. Aínda que na convocatoria non di nada acerca do xénero no que ten que estar escrita a obra, pasa o que acostuma: a maioría das obras e premios son de narrativa, hai algunha excepción, o libro de Carlos Labraña finalista do ano 2016,  Tres mulleres do seu tempo de Heidi Kühn-Bode (onde temos a referencia a Brigantia, Xoana de Vega e María Casares), Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) de Roberto Salgueiro. E como primicia, o último premio convocado (correspondente ao 2022) foi conseguido por Ánxela Gracián e unha obra de teatro (a primeira vez que unha obra deste xénero resulta ganadora), o seu título é Donas de nós. Esta é a opinión do xurado: "A súa proposta de revisión e reescrita da mellor tradición literaria ao incorporar como protagonistas personaxes como o Mago Merlín, a Fada Morgana, o Príncipe Azul ou os Reis Provenzais, creando un artefacto dramático metaliteraturizado non exento de humor e ironía, onde se visitan e actualizan temas importantes do noso tempo e de todo tempo dando unha ollada claramente identificada e feminista. Tamén si, coa súa decisión quixo apostar pola escrita teatral como xénero idóneo para achegar os valores da creación literaria e como vehículo para convidar á mocidade a coñecer e recoñecer o mundo que nos rodea, as súas problemáticas e os seus retos e os camiños aínda por andar, así como unha ferramenta para o desenvolvemento persoal."

domingo, 28 de agosto de 2022

Unha nova banda deseñada: Miquits

 

Unha nova banda deseñada: Miquits de Alba de Evan e Xabier Domínguez nos textos con Paula Cheshire nas ilustracións, publicado por Aira.

Así o presenta: "Miquits é un gato, mais non un calquera, é o familiar dunha bruxa! Xunto ela vive aventuras perigosas e emocionantes para se esmendrellar  coa risa. Atréveste a acompañalo Con esta banda deseñada para cativos, queremos achegar a historia do gatiño Miquits, o gato dunha bruxa. Xunto con ela vivirá mil e unha aventuras, aprendendo o valor da amizade e do compañerismo."

Unha bruxiña boa, reboa. Vive cun gato que é amigo e o protagonista da historia. Polo medio vai aparecer un rato que medra sen xeito ao caer na pota da bruxa, un can que tamén acaba sendo amigo e un grupo de gnomos que andan sempre a crear problemas. Unhas historietas para divertirse e ver o amorosos que poden ser todos os seres. Cómic para a infancia, produtos necesarios.

venres, 26 de agosto de 2022

Unha serie de Pere Tobaruela: FORMIG4S

Pere Tobaruela (aos textos) e Andrés Meixide (nas imaxes) xa levan publicadas varias entregas destes Formig4s: Misión París, Misión Nova York, Misión Tokyo, Misión Barcelona, Misión Camiño de Santiago e agora aparece Misión Rosalía. Deixamos as cidades e os percorridos para adentrarnos na literatura, seguimos co malo (Paumao) e cos catro valentes que o enfrontan, neste caso para recuperar á poeta e conseguir que os seus textos volvan ter todas as palabras que cómpren. Cultura e aventura. Imaxe, maquetación, tipografías diversas e presentación ao estilo das grandes obras comerciais polas que semellan devecer as nosas criaturas... Un bo intento de xente que traballa a favor do noso e que debemos ter en conta. A inbtrodución de textos informativos, poéticos e de banda deseñada ao lado da narración enriquecen a obra.

Tobaruela, ese escritor catalán e galego que tan ben nos coñece e sabe de nós pode dar fe de moitas cousas e por todas elas agardamos, na confianza de que non nos vai defraudar.