domingo, 23 de outubro de 2022

DÍA DA BIBLIOTECA, 24 de outubro

 

Sempre se celebra o Día da Biblioteca, sempre. Tal vez porque se precisa seguir facendo fincapé nese espazo común e solidario, espazo de cultura e aprendizaxe, espazo para todos e todas.

Dalgún sitio recollo que se celebra dende 1997, da man da Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil e do Ministerio de Cultura que apoiou a celebración. Así o presentan: "A edición deste ano, baixo o lema “BiblioTEcuida”, céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, preocúpanse por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen." A biblioteca cóidache, non podía ser doutra maneira, ese faro e refuxio, esa casa de saúde...

Dende bibliotecas escolares galegas dise: 

"As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.  " Moi certo!

Normalmente, as bibliotecas escolares asumen todos os días do mes como Mes da biblioteca, porque as festas hai que alongalas e van durando dende que se pon en marcha e se abren as portas ata reatar co Samaín, o Magosto, os Defuntos e os Santos.  

E para máis celebración, este ano, temos cartel galego, de  Xulia Vicente, a moza que realizou para o Consello da XCultura Galega o cómic de Elisa e Marcela para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI+ 2020




 

venres, 21 de outubro de 2022

Un novo libro de Paula Carballeira. Vai de avisos

Trece avisos. Contos para ler pola noite, de Paula Carballeira, iliustrado por Iria Fafián e publicado na colección Sopa de Libros de Xerais. Así se presentan estes trece contos: "O medo avisa cando chega. Un sopro de aire frío. Un arrepío polas costas. Un corazón que latexa. Algo que non vemos, pero sabemos que está. Algo que sentimos, ou que presentimos. Estes contos son para ler de noite, se te atreves".  Un libro sobre os medos, que presenta a autora explicando que vive a poucos pasos de onde nace a néboa que sobe dende o río e envolve a casa. Non ver os contornos das cousas nin das persoas que atopa polos camiños (e poden ser pantasmas) é vivir entre o misterio. Tamén nos conta que empezou a ler relatos de terror (e a escribilos) para poñerlle nome aos medos que cada noite acudían a visitala, cando era pequena. Agora, recolle os seus e os dos demais, incluso en centros de ensino onde a rapazada acode a contarlle.

Hai moito de tradición oral nestes contos, porque daquela cando non había luz eléctrica, polas noites o medo campaba ás súas anchas, de feito, pensouse que na cidade e coa electricidade desaparecerían... pero non foi así, porque "cando petan na porta pola noite" estremecémonos.

Os faiados, eses lugares onde se atopan as cousas abandonadas e os monstros que ninguén quere ver; neles escóitanse ruídos, son eles. Seres de pesadelos que aparecen para anunciar o máis malo de todos os males, a morte. O cheiro a cera é un clásico; a compaña que chamamos santa para dulcificar pero seguimos vendo a percorrer os camiños; as maldicións que se botan ás fillas e acaban cumpríndose (por iso cómpre ter man das palabras), aí están as lobas; os seres que quedan entre un e outro mundo sen avanzar, os nenos e as nenas aí, a medio camiño, perdidos; os pesadelos adiantándose ao que vai suceder, as casas abandonadas ou tomadas onde se escoita falar ou chorar... elas están pedindo que entres e non volvas saír ou saír moi diferente a como entrastes. O pranto do bebé como reclamo, ese terror que ninguén resite porque é a supervivencia da especie e reaccionamos por instinto. Das lendas urbanas véñennos os bonecos maléficos que nos vixían, eles non estaban nos vellos contos, nas aldeas non había porque a ausencia de xoguetes era total... éramos tan pobres!, o vudú tamén veu de lonxe para quedar, eses meigallos que facemos sobre un obxecto que representa a persoa e acaban lastimándoa a ela, as mandas de xoves que atacan aos trasnoitadores ou aos que pasan por lugares pouco axeitados, os cuartos prohibidos, pechados baixo chave, as vinganzas daqueles aos que lles fixemos mal; o vaso que se move contestando as preguntas, a sombra e os xemelgos, o número trece... de todo hai neses trece contos  para ler pola noite.

Unha cita (da persoa que lle achega a idea) dá pé ao relato que vén a continuación para continuar co aviso que se extrae de cada un dos contos. Si, o misterio, ese xénero que tanto gusta á mocidade, vese así incrementado por este volume que se incorpora aos de Miranda, AFP, Carlos Negro (que se anda a estrear...)

domingo, 16 de outubro de 2022

Árbores e relato

O bosque do duque ´s - Hertogendosch de Fran Fernández Dávila, que comeza a escribir no 2016 e xa leva máis de vinte premios que vou recoller porque é a primeira vez que accedo a algo así:       

  • IX Premio de Poesía Victoriano Taibo no 2016, finalista, por Capetón.
  • X Certame Literario Terras de Chamoso no 2016, segundo premio, por Princesa de Fukushima.
  • I Certame de Enxeñería Sen Fronteiras no 2016, primeiro premio, por Capetón.
  • XLIX Concurso Literario Casino Ateneo de Béjar no 2016, segundo premio, por Aliento de Bronce.
  • Concurso de Relato Curto “A Cividade” de Mos no 2017, primeiro premio, por O Premio.
  • V Concurso Microcatrorelato no 2017, premio do xurado, por As balas de Koch[8].
  • V Certame de Relatos Vigo Histórico, 2017, accésit, por A pel do corazón.
  • XIV Concurso “Dillo a quen maltrata” do concello de Lalín no 2017, primeiro premio, por Radiografía da Parroquia[1].
  • XVII Certame de Novela por Entregas de La Voz de Galicia no 2017, por A senda de sal, publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Literaria[9].
  • XXIII Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, 2018, no 2018, mención de honra, por O Faro, conto de mar espeso.
  • Certame de Relato Curto da Universidade de Vigo no 2018, primeiro premio, por K.A.R.M.A.[10].
  • Certame de Poesía da Universidade de Vigo no 2018, primeiro accésit, por Dama de Auga[10].
  • VI Certame de Relato Curto da FANPA, no 2018, finalista destacado, por O faro.
  • XVII Certame Antón Avilés de Taramancos do Concello de Noia no 2018, por Alana.
  • VI Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María da Casa de Galicia en Guipúscoa no 2018, primeiro premio, por Trashumántica.
  • XVII Certame de Relato Curto Concello de Mugardos no 2019, primeiro premio, por O Mendigo.
  • XII Premio de Poesía Victoriano Taibo no 2019, por Mover os Marcos.
  • VII Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María da Casa de Galicia en Guipúscoa no 2019, terceiro premio, por A miña pel en tatuaxes.
  • XXXIII Certame de poesía en lingua galega Rosalía de Castro de Cornellà no 2019, primeiro premio, por Poemas d Aeroporto.
  • XXXIV Certame de poesía en lingua galega Rosalía de Castro de Cornellà no 2020, accésit, por O matrimonio é unha nasa.
  • IX Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro de Negreira no 2020, finalista, por mICROrREtRaTOs.
  • XI Concurso de relatos de inspiración científica -Inspiraciencia- do Ministerio de Ciencia e Innovación no 2021, primeiro premio, por Lúa Negra.
  • XV Certame Literario Terras de Chamoso no 2021, segundo premio, por Rexina.
  • XIX Certame Literario Concello de Ames de narrativa no 2022, segundo premio, por A extinción dos homes.
  • VIII Certame de Poesía María Mariño de Teo no 2022, primeiro premio, por The walking verses ou o ataque dos poemas zombis.
  • VI Certame Vilarinhas no 2022, segundo premio.

Cada capítulo comeza coa presentación naturalista dunha árbore que, por veces, se completa con lendas e curiosidades. A presentación editorial conta "Sabine é unha rapaza galega dos Países Baixos que bota de menos Galicia, sobre todo as súas avoas. Todo comeza o día do seu décimo aniversario cando recibe un agasallo misterioso que lle abre as portas dunha grande aventura. Axudada polos seus amigos Wilko, Jeroen e Anja, Sabine loitará non só pola súa identidade, senón tamén pola vida, cun conxunto de fortalezas que non sabía que tiña dentro." Sabine, xa naceu nos Países Baixos máis ten as avoas en Galicia, aínda que non lle falan galego. Os seus amigos máis amigos son ben especiais: Anja, a amorosa e futura astrónoma con pais demasiado ocupados; Wilko, o cowboi gordecho que vive cas súas nais que traballan no exército; Jeroen, un rapaz xenio que sabe moito e expresa pouco. Eles son os únicos da escola que non teñen móbil. Cando a nena cumpre dez anos, os amigos regálanlle un boli linterna, un arco e un compás, pero ademais aparece un estraño libro caderno ao que lle desaparecen e aparecen palabras e debuxos. Nesa investigación tropezan co profesor de matemáticas, un verdadeiro corvo, pero tamén coa de plástica que sempre os axuda; na casa de Anja sofren un terremoto e entran por varias portas despois de dicir un esconxuro (han de presentarse); detrás desas portas hai un bosque en chamas; nel, cada árbore ten inscrita unha verba galega, unha palabra que desaparecerá con el, alí están os seres coidadores coma Quercus (o rinoceronte), unha rapaza peixe, o koala, a aguia... pero tamén os contrarios: os rozadores (son especros que rouban a vida á fraga e á xente), porvisos, o corvo... Coñecerán á raíña e a protagonista descubrirá que é unha das avoas que morre (co bosque e a lingua). Interesante revisar a páxina 100 para entender como os rozadores lle rouban a vida á fraga acabando coas árbores e ao tempo (ou mediante unha metáfora) á lingua "Disque é cousa do progreso. Que as vellas árbores xa non son útiles, que xa ninguén as usa, nin lles come os froitos, nin se deita á súa sombra. (...) Córtanas e plantan outras no seu lugar. Outras con nomes raros e que medran máis rápido. (...) Todo en función do mercado. (...) Supoño que será algo así como o rei dos rozadores.". Eles, os rozadores traballan de noite, co primeiro raio da mañá fan o seu esconxuro recitando os nomes das novas árbores que agroman conforman van soando as palabras que levarán gravadas, medran rápico chuchando a esencia da terra e secando os ríos. A raíña é unha das súas avoas, precisa que alguén a reemprace. Os seres defensores salvaron outro tempo Islandia e o islandés, pero non sempre poden conseguilo, agora vanse a outro bosque. Son amigos, os catro, poden verse por debaixo da pel: apartando as pencas, ignorando a graxa, os xestos de extrema timidez e o acento estranxerio; de non ser así, todos serían como illas nunha escola chea de uniformes.

Unha chiscadela, o narrador vai dicindo como se pronuncian os nomes neerlandeses pero cando ten moito apuro di "pronunciado como sexa". 

Ela vai ser a próxima raíña, un herdo de responsabilidade e compromiso coa natureza e a lingua ou identidade. Será comprensiva como demostra cando acompaña a agonía do corvo: "un animal que quería cambiar un bosque por outro, as palabras dun idioma feble por outro coñecido, o galego polo castelán, ou polo inglés, ou polo chinés. Un corazón que esqueceu a súa lingua de corvo e quixo falar no idioma dos rozadores, da eficiencia, da igualdade... Unha árbore que ignorou as súas raíces para tentar ser aeroplano."


xoves, 13 de outubro de 2022

De bruxas e outros oficios

Non sempre fun unha bruxa de José Carlos Román e Blanca Millán, na colección Mini - Cumio, vén sendo un destes libros que nos achegan aos que atopamos en todos os idiomas e nas librarías dos aeroportos. Libros que dende as cubertas ao papel, as ilustracións, paratextos, deseño... nos colocan nunha parte do comercio máis doada. Pastas duras, papel groso, imaxes moi coloristas e do gusto da rapazada, gardas chamativas (dun lado diferentes tipoloxías de botas acaídas para bruxas e da outra retratos de diferentes bruxas dos contos), o índice coa presentación dos capítulos en plan cartel (imaxe, título...) e a historia dunha nena que nace cunha verruga na cara, que é de familia de bruxas pero que non ten marcado o destino, de feito tenta ir a unha escola de fadas pero acaba nunha de bruxas, aí -como en todas partes hai amigas e inimigas-, proba en diferentes traballos e non resultan e remata no cine, unha famosa!!!!

martes, 11 de outubro de 2022

Dous libros para primeiros lectores

O paraugas de Cebra de David Hernández Sevillano e Anuska Allepuz, traducido por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho.

"O paraugas de cores de Cebra é máis grande do que parece. Cando empeza a chover, Cebra abre o seu paraugas de cores. Convida a Gacela, Rinoceronte e Lebre para que non se mollen. León tampouco quiere mollarse. Haberá sitio para todos?" Cado escampa, danse conta de que o paraugas ten moitas cores para que todos o podan atopar canndo chove, si, hai espazo para todos porque compartir é o que ten, amplía a capacidade e os sentimentos, a amizade fai que todo funcione mellor e baixo a chuvia tamén se pode ser feliz.

Planeta. Un lugar onde vivir de Susana Peix e Marta Montaná, traducido por Iolanda Mato e publicado por Cumio. O planeta Q é pequeniño, xira arredor de tres soles e sempre é día. Nel vive Zeta que se cre o único habitante (pero hai máis quemianos). Zeta non pode durmir e anda malhumorado e protestando, busca tesouros para construír unha nave e fuxir de Q a outro planeta. Un día aparece unha nave, e nela Delta (unha nena), que ten problemas coa nave, anda na busca de repostos para amañala. Daquela aparecen o resto dos quemianos e lévano á montaña dos tesouros de Zeta. El xa se dou conta de que non está só neste planeta e cando Delta amaña a nave e o convida a marchar, é el quen a convence para que quede. Unha aprendizaxe: porque non sempre vemos o que temos diante, porque o humor é algo a traballar, porque a compañía pode ser agradable, porque a felicidade está no que tes... Moi boas ilustracións!