domingo, 22 de setembro de 2024

Sae do prelo o Premio Anisia Miranda de Teatro Infantil, na segunda convocatoria

Despois de Travesía Unicornio de María Canosa (I Premio Anisia Miranda de Teatro Infantil) aparece agora o premiado na II convocatoria: Medo me dá! de Ramón D. Veiga.

Segundo o xurado e especialistas, este Medo me dá! conta cunha excelente construción dramatúrxica, realizada con gran axilidade nos diálogos e dotada dun sentido do humor que, en todo momento fixa o
desenvolvemento da trama teatral. Unha peza que engancha ao lectorado polo ritmo e a acción, así como por unha estrutura ben definida.
Na temática, tráenos unha festa do ciclo anual, e colócanos ante o tema dos medos e a súa superación. Personaxes relacionados cos temores infantís han de facerlle fronte ás súas angustias demostrando así que non hai ninguén alleo a este tipo de ameazas e, polo tanto, todo o que existe ten o seu punto débil.
Un fato de monstros van aparecendo en escena na antesala do samaín. Han de prepararse para a mellor festa do ano e iso significa poñer a punto a súa presenza física, co que isto implica de facer visible aquilo ao que máis medo lle teñen.
A presenza do coro coas cancións, serve de resumo da escena e de paso á seguinte, resaltando a identidade e o xogo con cada personaxe que nos sitúa ante o medo ao medo e o disfrace como
xogo de suplantación.
Nas suxestións para a representación explicita o autor, a posibilidade de reducir o número de actores e actrices ao poder representar cada un varios papeis, pero tamén a posibilidade de amplialo ao contar cun coro que pode ter o número de participantes que se consideren. Desta maneira, facilitarase a súa posta en  escena por parte dunha compañía teatral ou dun grupo de teatro escolar no que poda actuar todo o alumnado dunha aula. A sinxeleza escénica da obra fai posible este tipo de representación.
Da mesma maneira, achega suxestións en relación ao decorado e utilería que facilita a plasmación no espazo. Incluso, para o caso de ser representado por un grupo de teatro escolar propón aproveitar a
escena final para que o público se sume á festa e poder realizar un magosto. Unha obra que, ten o seu tempo óptimo no outono e vai dar moito xogo para ler, interpretar e asistir á súa representación
como público.
A rima é un dos recursos que utiliza o autor para darlle un aire lúdico. O humor espanta o medo, así que na obra acode para converter aos monstros en personaxes cheos de comicidade porque as preguntas van xurdindo: imaxinas un vampiro con dentadura postiza? A que hora pasan os vampiros pola consulta do dentista?
Cal é o colmo dun barbeiro? A quen lle teñen medo os monstros? A repetición do título (ese “medomedá” que pasa a funcionar como a expresión do temor que se reitera en cada escena), así como as onomatopeas e os malentendidos, o xogo de palabras, o uso de frases feitas e refráns, o léxico actual utilizado para personaxes lendarios a modo de anacronismo ou a actualización de cada un destes monstros... son recursos que levan ao lectorado / público a acompañar as escenas con risas e acción completando os diálogos.

A utilización dos coñecementos que temos ao redor de cada un dos monstros vai provocar unha brincadeira continua. Tamén vai resultar divertido chamarlle mexericas a un vampiro ou repugnantiño a un home lobo e falarlles utilizando o diminutivo como compadecéndoos.
Por outra banda, a obra mantén un misterio ata a escena final pois cando cada un deles responde á pregunta acerca do disfrace que van levar ao samaín nunca se chega a escoitar; desta maneira a escena final é unha marabillosa sorpresa que non deixa a ninguén indiferente.
A obra dá pé a estes comentarios e a todas as interpretacións que irán aparecendo na lectura que desexamos convenza ao lectorado infantil, así como fixo co xurado do premio.

sábado, 21 de setembro de 2024

Xe

Xe de Lara Boubeta Bamio esta ilustrado por Sara Valcárcel e publicado por Galaxia.

Preséntase así: "Esta é a historia dun neno ou dunha nena, quen sabe? XE é un misterio para todo o mundo. Anímaste a descubrilo?"

Un álbum en cores moi vivas, letras maiúsculas, barroco na presentación ocupando toda a páxina con horror vacuo. Unha estética case punk. A historia: "Xe nace unha fría mañá de outono nunha vila mariñeira. Seu pai sempre quixo ter un fillo futbolista. Súa nai en cambio, soñaba con ter unha nena loura á que poder poñerlle elegantes vestidos de flores. Pero Xe non era nada diso, nin neno nin nena, ou iso foi o que dixo o médico cando naceu..." O pai e a nai lévana a canto especialista hai ata rematar cun menciñeiro e ata que Xe lle dá a lección que este lles anunciara: "E por que non esperades a que sexa o bebé quen decida cando medre?" Pois si, nas súas mans, no seu sentir ha estar a solución. Porque,  que pode importar o xénero se é feliz?

Un booktrailer para facerse idea.

venres, 20 de setembro de 2024

Banda deseñada: Sentinelas da lúa carmesí

Sentinelas da lúa carmesí de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande está publicado na colección Banda deseñada de Galaxia.

A volta á aldea, o pai traballando na farmacia e o farmacéutico un tipo raro, a familia con segredos, a panda de rapaces correndo destrás do misterio. Unha alternancia de viñetas realistas con outras en cores vermellos e amarelos que falan de terror e un "continuará" que nos deixa en suspenso.  Porque "Desde os albores dos tempos, seres míticos e humanos coexistían en paz e harmonía. Pero un día, os homes comezaron a perseguir o que non comprendían. Tres mouras foron confundidas con bruxas e condenadas á fogueira. Unha delas fuxiu, propagando unha maldición que case acaba coa humanidade enteira. As criaturas mitolóxicas acordaron entón manter a moura encerrada mediante un conxuro ligado á non intervención do humano devir. A lenda di que unha cría humana será quen volverá unir ambos os mundos..."

domingo, 15 de setembro de 2024

XVII Premio Castelao de Banda Deseñada Modalidade Infantil e Xuvenil

Contando estrelas de Quico acadou o XVII Premio Castelao de Banda Deseñada na Modalidade Infantil e Xuvenil. 

O xurado menciona “a súa delicadeza e coidada ilustración”, así como o interese por “tratar temas cos que todas podemos sentirnos identificadas, a través das metáforas coas estrelas e por traballar con elementos do imaxinario colectivo”. A obra está composta por relatos curtos, todos eles protagonizados por estrelas, que van tratando temáticas contemporáneas e comúns da sociedade actual como a soidade e a perda.

Francisco Pérez Villanueva (Noia, 1975). Asina os seus traballos coma Quico e estudou o curso de Gravado e Técnicas de Estampación na Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón de Lugo. Ten traballado para distintas editoriais con traballos de ilustración e portadas.

Delicadeza é a palabra que me nace vendo Contando estrelas.  Esmero no deseño, na presentación, na dedicatoria: "A ti (e, aínda así, seguro que me olvido de alguén)." Tenrura en cada figura, en cada historia, en cada inocencia e inxenuidade do protagonista. Coidado no minimalismo co que asume cada relato, na síntese perfecta, na dúbida tan galega que deixa no aire (eu non sei). Lírica nese unión das estrelas do ceo e da terra, na personalización da noite, nese empeño por amañar con agulla e fío as perdas do universo. Consideración, reflexión... porque non é o mesmo a estrela no ceo que domesticada, porque cando subes buscar a estrela perdes o da terra e estás só.

Narrativa con protagoista xitana

Como escorrentar un lobo de Antonio M. Fraga está publicado en Cuarto de inverno con ilustracións de María Brenn.

Preséntase así: "Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara. 

Como escorrentar un lobo é unha aventura chea de misterios co arrecendo das lendas contadas baixo a luz dunha candea."

No medio do horror hai que facerlle fronte ao medo, pode ser aos nazis ou aos lobos, sempre está aí. E como di Nuncia: o medo pode axudarnos a sobrevivir, pero non podemos deixarlle que nos trabe, haino que irar aos ollos coma se fose un lobo que quixeses escorrentar, porque lle podes ter medo a algo que está no medio da xente ou ao que está no máis profundo do bosque. Diso vai a historia, de fuxir do medo aos fascistas contando unha historia que nos sitúa ante o misterio, os pobos descoñecidos, as nenaspaxaro, os lobishomes que poden comernos, os meigos que poden transformarnos en árbores e o poder da amizade, a solidariedade entre as vellas e as nenas, o amor polo outro e a necesidade de atopar a alguén que nos axude a levar a soidade. Dúas nenas que se axudan, uns pais aos que perden os seus intereses, o perigo de quedar sós no medio do bosque, unha vella disposta a sacrificarse para axudar. Seres que teñen parte vexetal ou animal. Unha historia na que o mundo xitano sae ao encontro.    

sábado, 14 de setembro de 2024

Banda deseñada. Premios da Deputación da Coruña

O bico da Serea de Uxía Larrosa e Siqi Luis Yang é a obra ganadora do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada na modalidade Xeral.

Preséntase así: "A obra narra a historia da relación entre unha rapaza preadolescente e unha serea no que se van entrelazando a vida cotiá coa súa rutina diaria con aspectos fantásticos e mitolóxicos." O xurado destacou a poética e a gráfica da proposta, cun guión que toca diversas e interesantes temáticas cunha gran carga literaria deleitando os ollos e estimulando a imaxinación.

Pais separados, avoa na casa, serea que se vai facendo presente na auga e os cristais, historias ao redor da temática da auga (a balea varada que dá lugar a un acuapark, a das dúas mulleres que leva o mar en Galicia e Irlanda e aparecen na costa contraria, a da serpe e o polbo, a illa dos plásticos, a razón pola que as buguinas saben cantar coa voz do vento...). Unha das historias acaba facéndose real no personaxe da avoa, outra contaraa a nena protagonista: a das sereas e Ulises

Un mito africano conta que o mundo comezou pola auga e a partir de aí foi evolucionando. Tal vez por iso temos esa querenza polo mar e as correntes de auga.

Cos cadrados iguais (seis por páxina), sen a utilización de cores... cos mínimos recursos e unha boa historia!

xoves, 12 de setembro de 2024

Banda deseñada: A adaptación dun relato de Stefan Zweig

A adaptación do relato de Stefan Zweig, Os ollos do irmán eterno, é de Borja Dierez e está publicada por Galaxia na colección Novela gráfica.

Así se presenta:"Esta é a primeira novela gráfica de Borja Dierez, unha adaptación da novela homónima Die augen des ewigen Bruders. Eine Legende, de Stefan Zweig (Austria, 1881-1942, Brasil). Os ollos do irmán eterno é unha alfaia rescatada das cinzas dun século, escrita en forma de lenda, narra a vida do seu protagonista, Virata. Deixando unha poderosa mensaxe entre liñas: “As decisións acertadas nacen de sintonizarnos co noso corazón. Escoitar o seu silencio como un mandato fronte ás mil voces do mundo, denota a presenza dunha intelixencia que  nos conducirá inevitablemente, de ser mantida coa forza da vontade, á sabedoría. A unha paz cimentada no valor da coherencia entre pensamentos e actos”.

Cores fortes, ambiente oriental, debuxo dixital... moi diferente a maneira de mostrarse nas cubertas a facelo no interior. As gardas representan un ollo e axudan a dar esa impresión de obra pop.

Antes de Buda, un rei (Rajouta), un nobre guerreiro (Virata) que o salva da maior das traizóns, pero este home que é o máis xusto descobre que na loita contra os inimigos do rei matou ao seu propio irmán, a partir de aí buscará a xustiza máis absoluta pasando por diferentes probas e atopando en todas elas grandes dúbidas e dificultades a pesares de facelo da mellor maneira posible: administrando xustiza, converténdose en ermitán... pero sen atopar nunca a paz pois faga o que faga sempre hai alguén que sente que lle fixo mal. Remata pedíndolle ao rei que o deixe ser o gardián dos cans de palacio e así morre sen que a súa historia permaneza nas crónicas.