Pode ser cousa dos xornalistas que recollen frases descontextualizadas, ou poden ser outras as razóns, incluso a miña sensibilidade polo tema.
Queremos crer que non se trata de identificarse co moderno a secas, e moito menos deixarse levar pola demagoxia de defender aquilo que nos semella que pensan os máis novos e acusar a aqueles aos que os adolescentes lles toca enfrontarse por estar na idade que están, pode ser descoñecemento... pero a miña reacción responde a un certo cansazo, por escoitar en relación aos adultos e á escola, opinións que non recoñezo no profesorado co que trato: o das bibliotecas escolares de Galicia.
Di Care Santos que o problema dese momento crítico no que se perden lectores, coa chegada da adolescencia "ten moito que ver co adulto pesado e censor que se interpón entre o mozo e o libro", e defende os booktubers e redes sociais que recomendan e socializan. Todos e todas apoiamos as redes e booktubers, por algo as bibliotecas escolares galegas foron as primeiras que contaron con bitácora na rede, por algo Javier Celaya pasou por Galicia no principio dos tempos e comentou que ese día se dou conta de que había futuro para a industria do libro na rede. Pero, non podemos ler declaracións que acusan aos adultos da perda de lectores cando eses adultos son maioritariamente os que fan que eses adolescentes lean, pasen pola biblioteca, teñan os libros a man, lles entreguen recomendacións lectoras (que quen lles dera a algún que outro escritor coñecer...). Cómo se pode ser tan demagogo para pensar que a rapazada que le o fai por xeración instantánea, que nacen os lectores coma as setas... sen o apoio dunha serie de adultos que lles esperta o gusto pola lectura, que os acompaña mentres adquiren o hábito lector, que traballa con eles para que teñan a competencia lectora que precisan para amar a lectura e non fuxir dela?
Como se pode ser tan desagradecido e, sobre todo, como se pode xuzgar a todos por uns poucos que igual non recomendan o que a esa autora lle gustaría?
O dito, desculpas se alguén lle entendeu mal, pero antes de criticar o mal que se faga... hai que recoñecer o ben, porque se non fora por esas forzas brancas xa me gustaría saber quen lería e como.
Ningún comentario:
Publicar un comentario