luns, 7 de agosto de 2017

Oxalá estiveses aquí


Oxalá estiveses aquí, é un deses libros imprescindibles. Só o seu título, xa nos di moitas cousas, deixa un regusto de suxestións, de pensamento volátil que dá voltas arredor da vida... cantas veces lle dixemos iso a alguén, quen nolo dixo, onde deberiamos estar...
O seu ton, lémbranos os libros de Heine cando anda con tres amigos ás voltas ou os de Janosh cando xunta ao pequeno oso e pequeno tigre. Si, vai de amizade, pero non só diso. Vai da vida e dos seus retos, das dificultades e agasallos, de como debemos poñernos en marcha na busca das utopías -aínda cando vivamos no paraíso- ou botar unha man incluso a aqueles que potencialmente poderían ser inimigos. É unha obra e aprendizaxe, porque toca aprender... aprender que hai mundo máis alá da Gran Pradaira, que o camiño non remata ata facelo de todo, e aínda así... podemos continualo e repetir... e darlle unha volta máis.
Unha mensaxe chega polo río, váinola anunciando un novo son. Só poderemos sacala da botella cando colaboren todos os amigos. Unha vez lida xorde a dúbida: onde é "aquí" (ou é que "aquí" é sempre onde ti estás?"), quen a escribe, debemos ir a algún lado? Case teriamos desexado non recibir nunca ese tesouro que nos confunde, ata o momento no que Lebre se pon en marcha contra a opinión dos amigos. Vai río arriba cos agasallos que eles lle fixeron, na busca de aventuras... porque alguén escribiu "oxalá estiveses aquí".
Un libro que garda os recursos da narradora oral que é Charo Pita. E tamén as ensinanzas e a tenrura. 
Unha fábula para non esquecer!
As ilustracións de Dani Padrón, estupendas; coas liñas mínimas pero coa unidade que achega o estilo propio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario