domingo, 7 de xaneiro de 2024

Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil

O Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil recaeu en Lois Pérez pola obra A tribo do mar. A historia de varios rapaces africanos que soñan con fuxir dunhas situacións demasiado duras para poder resistilas, dunha moza caboverdiana en Burela e outra do primeiro mundo: unha influencer que acaba crendo a sofisticación e artificiosidade que a rodea. Varios mundos coincidentes no tempo que nos falan das necesidades máis básicas ao lado das tonterías máis absolutas, da manipulación á que nos sometemos polo propio gusto ou daqueles pequenos que continúan sendo esclavos nas mans de diferentes tipos de poder. O mundo dos africanos que queren pasar a Europa e para iso se ven envoltos en mafias, rodeados de mala xente sen sentimentos, á que unicamente lle importan os cartos, de situacións máis levadeiras como a desta rapaza que xoga a fútbol sala e se vai facendo cunha parcela de éxito (por fin alguén gana!) ou da que non pode vivir sen o seu can que está sendo sometido a unha residencia cura con psicólogos e coidadores. 

A tribo do mar é a daqueles que soñan con atravesalo, a da que o mira para calmarse e soñar, porque o mar está sempre aí separando pero tamén como presenza inconmensurable, imposible de medir e contar, salvando e matando, dando a benvida ou despedindo. 

Na presentación editorial dise que o mar pode ser infranqueable pero o deserto tamén "é unha boca que ten sede nun mundo que ten fame" e fálase de "Unha aventura que mira as feridas do mundo e navega polas súas historias invisíbeis." 

A novela xuvenil que toca ler, agora publicada na colección Forá de xogo de Xerais. As historias que toca chorar (ou rir). As persoas que salvan, que sempre as hai coma eses avós que contan ou cociñan, que cosen os fíos familiares e de relación co mundo que foi; ou eses referentes que salvan sen dicir ren, tentando rescatar o que de bo hai no mundo. E a crueldade rodeando as vidas inocentes coma rapiñas ou carroñeiros atentos ao desfallecer das criaturas para acabar con elas e engordar algo máis os seus petos. Todo vale nun mundo inxusto no que a rapazada tamén é mercancía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario