luns, 24 de xuño de 2024

Froitos variados

Froitos e verduras é un libro divulgativo con fiestras. Nel preséntansenos dous rapaces (Marga e Antón) que andan plantando sementes de tomate, asistimos a todo o percorrido do trasplante dos tomates dende a maceta ou semilleiro ata a horta. Con eles asistimos á descuberta de todo o que hai no horto, vexetais, verduras, legumes e os animais que andan ao redor: dende os que se moven polo subsolo aos insectos e aves, roedores e calquera animal de granxa. As fiestras fan que nos fixemos en determinadas imaxes, en cada páxina hai un xogo a modo de pasatempo: Busca e atopa que nos obriga a mirar con moita atención cada unha das partes da ilustración que abarca toda a plana.

Preséntase así:"Nesta historia podes aprender os segredos do cultivo de froitas e verduras con
Marga e Antón e poñelos en práctica. As ilustracións achegan moita información importante. Tamén hai que encontrar cousas agochadas en cada páxina, mentres recordas as cores e os números. Atréveste a plantar tomates na túa casa? Se non tes unha horta a man podes transpantalos a testos máis grandes. A
divertirse !.."  

De  Joli Hannah o texto e de Malgorzata Detner as ilustracións, publicado por Baía na colección Leo e aprendo.

Hermelindo esbirra poemas de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero Pereira está publicado na colección Árbore de Galaxia.

Da presentación editorial:"Pronunciar palabras bonitas está totalmente prohibido no mundo mecánico. Por iso Hermilindo ten un grave problema: debe ocultar que esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Un día próelle tanto o nariz que esbirra un poema enteiro diante de todos! Pobre Hermilindo, bótano do seu país por este delito! Pero o que non sabe é que, no seu desterro, descubrirá seres fantásticos que lle axudarán a saber por que lle saen palabras fermosas."

Cando es un reloxo, vives nun mundo absolutamente dirixido no que non se permite ningunha desviación da norma, nada fóra do tic tac se pode articular e se esbirras e che saen outras palabras... que digo palabras? incluso versos e estrofas vas ter que converterte nun prófugo e percorrer outros mundos nos que vas atopando (coma o principiño) con personaxes ben orixinais pro que ademais demostran que as prohibicións son arbitrarias coma o flamengo ao que non lle deixan pousar as dúas patas, a muller forzuda que aguanta o indecible e vai camiño de conseguir unha medalla olímpica ou o cosmonauta que lle diagnostica unha alma de poeta, o lobo e os seus medos, o luceiro que o quere convencer de que o que el ten non é unha enfermidade senón un trazo de quen é, unha cualidade única,.. Volveu Hermelindo ao seu mundo e conseguiu crear unha célula de personaxes que defendían outras palabras e as colgaban a unha hora, un dúa da semana no tendal... e cando se sentía moi triste lembraba o luceiro que lle dera un pouco da súa luz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario