xoves, 17 de xullo de 2025

Traducións. Microrrelatos

  

A guerra de Nico de Josan Hatero é premio Edebé de literatura infantil, está traducido por Isabel Soto e ilustrado por Inma Almansa.

 De Un abrazo Lector: "En tempos de guerra os necios son máis tolos e o resto da xente perde o sentido común pola culpa do medo.” di o autor. Moi boa novela infantil que se le rapidamente. O absurdo do tema atrápache e a agilidade da escritura non che deixa parar ata chegar ao desenlace.A trama iníciase cando un grupo de tres militares chega a unha aldea perdida e levan ao fronte a un neno de once anos. Ninguén o entende, nin o neno nin a súa nai nin os seus veciños, pero os militares teñen ordens de levar a Nicolás Franz e como a Nico chámase así, lévano. O que realmente buscan é ao seu pai, pero como se foi do fogar hai moitos anos, de nada valeron os argumentos da nai e dos seus veciños. O neno marchou coa ilusión de regresar en canto chegase ao cuartel e se aclarase o malentendido. Pero ninguén parecía darse conta. Desde o soldado ata o xeneral pensaban que se os superiores o levaron ao fronte sería o correcto e eles non ían corrixir a un superior. Con esta lóxica absurda Nico ve como reclutaban a un pai de familia que saltou do tren en marcha para volver cos seus. Coñece a outros reclutas especiais  coma unha moza que se fai  pasar por mozo para ir ao fronte onde estaba o seu namorado… O pobre Nico non sae do seu asombro e, dende a súa óptica infantil, cóntanos as peripecias, o absurdo das guerras, a obediencia debida a un superior, o mal que se pasa na fronte, os perigos que se corren e demais desgracias que traen os conflitos bélicos. O libro é un canto pacifista dende o seu inicio sen lección de moralina. Non fai ningún alegato directo en contra da guerra, aínda que todo o que pensa o seu protagonista vai nesa dirección. Se algo é absurdo, é a guerra; pero máis o é involucrar aos nenos nelas e querer convertelos en seres obedientes que non cuestionen ningunha orde por disparatada que sexa. Ao final do libro hai unhas actividades para que os pequenos lectores compartan a experiencia do protagonista". 

Pode que, no medio de toda esa barbaridade, o que nos reconforte sexa o principio e o final no que Nico está con Minerva, a amiga divertida á que nada lle dá medo e se ri del porque non sabe mentir, ou acaso aprendeu na guerra?  

 

Microrrelatos premiados no V e VI Certame de Vilalba, publicado por Alvarellos editora, recolle as obras ganadoras no 2023 nas modalidades de Infantil (tres), Xuvenil (tres) e Persoas Adultas (tres) así como as ganadoras do 2024 con só dúas na modalidade de infantil. Un bo termómetro para coñecer a calidade do microrrelato entre nós. Nalgún caso podemos observar un resultado irregular pero maioritariamente son uns traballos ben interesantes que logran conectar coas caraterísticas deste xénero. Este volume súmase aos outros dous editados ata agora, que recollen os Microrrelatos do I e II Certame, e Micrrorrelatos do III e IVº Certame.

Ningún comentario:

Publicar un comentario