Amosando publicacións coa etiqueta Alvarellos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alvarellos. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de agosto de 2025

 

Que haberá na barriga de mamá? de Ana López Quintela publicado por Alvarellos na colección Verdemar.

Da presentación editorial: Álbum ilustrado creado pola educadora infantil Ana López Quintela, despois de Na busca de Antón. Nesta historia coñeceremos unha familia. A protagonista, June, ten dúas mamás, e terá que descubrir que nace dentro da barriga da súa nai máis cantareira…

TEXTO CONTRACAPA

Eu teño dúas mamás, ben distintas por dentro e por fóra.
Hoxe veño contarvos unha historia moi divertida, sobre o que tiña miña nai dentro da súa barriga.

ARGUMENTO

June, a protagonista deste marabilloso conto, ten dúas mamás. Ben diferentes entre elas. Un día foron ao hospital e agora algo está a medrar no ventre da nai máis cantareira, pero June non sabe o que é. Escoita ás mamás falar da semente que está a medrar dentro, e ela entón pensa se será un arando… unha cereixa… unha ameixa… un limón… un aguacate… ou unha manga. Ata que un día descobre que é o seu irmán Teo a quen gardaba a súa mamá na barriga, e con quen axiña poderá xogar. 

CLAVES PARA A LECTURA

As familias son diversas. Son núcleos de afecto profundo e non teñen por que seguir modelos predeterminados. Nesta familia, dúas son as mamás da protagonista. Unha historia verdadeira que nace con June, a propia sobriña de autora.

Un conto que nos mostra o desbordante que pode chegar a ser a imaxinación na infancia.

Contaxia a alegría na descuberta da vida.

O álbum, escrito en verso, seduce tamén pola sinxeleza e inspiración das súas orixinais ilustracións". 

Unha historia que xira ao redor da pregunta que xorde cando as cousas cambian aínda que sexa pouco a pouco, nunha evolución constante...

venres, 1 de agosto de 2025

Álbums que falan de ecoloxía sen nomeala (I)

 

A pés descalzos de Katarzyna Samosisi está traducido por Ana Garrido e revisado por María Reimóndez. Publicado por Alvarellos na colección Verdemar de literatura infantil.

Da presentación editorial: "Un álbum ilustrado que axuda a comprender ás persoas que senten todo con alta intensidade. A autora é a artista e terapeuta polaca." 

As cores envolven o libro, as verdes predominan pero tamén se fan multicores (para falar das emociçons que embargan ás persoas moi sensibles), por veces o azul, o gris ou o laranxa ocupan enteiramente o papel. Detrás dunha cita situándote como unha criatura do universo, vai adentrando a lectura no que sentes, a través dos pés, cando vas descalza e a diferenza que percibes cando vas con calcetíns ou con zapatos; estes, protéxenche pero tamén impiden que sintas, pero ademais, sepr edebes coidar o que pisas para non lastimalo (aí o verso de M. Rivas "pisar suavemente sobre a terra" ten moito que dicir). Di, que as peresoas sensibles son como a planta "mimosa sensitiva" que se retira cando a tocamos.

Remata cun apartado "Sentir é existir" no que a autora fala da sensibilidade, o que fai que nos sintamos parte do mundo e que reaccionemos ante el, dos sentidos ou antenas coa que percibimos o que nos  rodea, de recibir e emitir mensaxes participando da vida, de como un sentido compensa a falta noutro, do contacto coa natureza e cos demais, de como mostrar os afectos, de como hai persoas con moita máis sensibilidade que outras polo que teñen máis imaxinación, son creativas e teñen soños fascinantes, son empáticas, atentas, presocupadas polas demais e recoñecen con facilidade as empcións alleas; tamén é certo que de vez en cando precisan desconectar e descansar, sobre todo a soas. Un libro para esas persoas, para que se comprendan mellor e podan coidarse sen sentirse diferentes porque a sensibilidade é un agasallo. Un libro, tamén para as demais, para que podan avanzar na sensibillidade e comprender a quen xa a ten ben desenvolta.   

xoves, 17 de xullo de 2025

Traducións. Microrrelatos

  

A guerra de Nico de Josan Hatero é premio Edebé de literatura infantil, está traducido por Isabel Soto e ilustrado por Inma Almansa.

 De Un abrazo Lector: "En tempos de guerra os necios son máis tolos e o resto da xente perde o sentido común pola culpa do medo.” di o autor. Moi boa novela infantil que se le rapidamente. O absurdo do tema atrápache e a agilidade da escritura non che deixa parar ata chegar ao desenlace.A trama iníciase cando un grupo de tres militares chega a unha aldea perdida e levan ao fronte a un neno de once anos. Ninguén o entende, nin o neno nin a súa nai nin os seus veciños, pero os militares teñen ordens de levar a Nicolás Franz e como a Nico chámase así, lévano. O que realmente buscan é ao seu pai, pero como se foi do fogar hai moitos anos, de nada valeron os argumentos da nai e dos seus veciños. O neno marchou coa ilusión de regresar en canto chegase ao cuartel e se aclarase o malentendido. Pero ninguén parecía darse conta. Desde o soldado ata o xeneral pensaban que se os superiores o levaron ao fronte sería o correcto e eles non ían corrixir a un superior. Con esta lóxica absurda Nico ve como reclutaban a un pai de familia que saltou do tren en marcha para volver cos seus. Coñece a outros reclutas especiais  coma unha moza que se fai  pasar por mozo para ir ao fronte onde estaba o seu namorado… O pobre Nico non sae do seu asombro e, dende a súa óptica infantil, cóntanos as peripecias, o absurdo das guerras, a obediencia debida a un superior, o mal que se pasa na fronte, os perigos que se corren e demais desgracias que traen os conflitos bélicos. O libro é un canto pacifista dende o seu inicio sen lección de moralina. Non fai ningún alegato directo en contra da guerra, aínda que todo o que pensa o seu protagonista vai nesa dirección. Se algo é absurdo, é a guerra; pero máis o é involucrar aos nenos nelas e querer convertelos en seres obedientes que non cuestionen ningunha orde por disparatada que sexa. Ao final do libro hai unhas actividades para que os pequenos lectores compartan a experiencia do protagonista". 

Pode que, no medio de toda esa barbaridade, o que nos reconforte sexa o principio e o final no que Nico está con Minerva, a amiga divertida á que nada lle dá medo e se ri del porque non sabe mentir, ou acaso aprendeu na guerra?  

 

Microrrelatos premiados no V e VI Certame de Vilalba, publicado por Alvarellos editora, recolle as obras ganadoras no 2023 nas modalidades de Infantil (tres), Xuvenil (tres) e Persoas Adultas (tres) así como as ganadoras do 2024 con só dúas na modalidade de infantil. Un bo termómetro para coñecer a calidade do microrrelato entre nós. Nalgún caso podemos observar un resultado irregular pero maioritariamente son uns traballos ben interesantes que logran conectar coas caraterísticas deste xénero. Este volume súmase aos outros dous editados ata agora, que recollen os Microrrelatos do I e II Certame, e Micrrorrelatos do III e IVº Certame.

xoves, 14 de marzo de 2024

Novidades na colección Verdemar de Alvarellos

Traducións dende o polaco, da man de Ana Garrido con revisión do texto por parte de María Reimóndez.

Mamás e papás, Avoas e avós e Irmás e irmáns de Malgorzata Swedrowska e Joanna Bartosik

Preséntanse así:"Outra mirada sobre as familias nun conto para primeiras lecturas. O primeiro deles mostra, dun xeito divertido e vistos desde os ollos das fillas e fillos, o papel de mamás e papás nos fogares, rachando cos clixés tradicionais. A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando, ilustrando, o día a día de pais e nais nas súas vidas cotiás e o seu papel nos fogares. Ollados desde o punto de vista da xente máis nova da casa, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas." Ás veces hai dous papás ou dúas mamás, ás veces un de cada, o importante é que "mamás e papás crean un mundo para nós habitar" 

Texto da contracapa: "Mamá dálle a todo. Ás veces, crava puntas. / Papá dálle a todo. Ás veces, prepara o caldo. / Mamá faime rir. Papá é agarimoso. / Mamá compón. Papá canta./ Papá lembra. Mamá soña..."

Avoas e avós. O conto para primeiras lecturas que pousa outra mirada sobre os maiores da casa. Mostra, dun xeito divertido e rachando cos clixés tradicionais, o día a día de avós e avoas nos fogares, vistos desde os ollos dos seus netos e netas. A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando o día a día de avoas e avós nas súas vidas cotiás e o seu papel nos fogares. Ollados desde o punto de vista da xente máis nova da casa, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas.

TEXTO CONTRACAPA:  COA AVOA TODO É POSIBLE. / CO AVÓ TODO É POSIBLE. / ELA ATOPA TESOUROS NOS SEUS PETOS. / EL ADIVIÑA OS MEUS SOÑOS. / O AVÓ FALA CON TENRURA. / A AVOA ABRAZA CON DOZURA. / NA TERRA OU NAS ALTURAS / O SEU CARIÑO PERDURA

Irmás e irmáns. A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando o día a día entre irmáns e irmás. Ollados desde o seu propio punto de vista, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas.

TEXTO CONTRACAPA: O meu irmán parécese a min. / Entendémonos de marabilla. / A miña irmá é distinta a min. / Complementámonos perfectamente. / Co meu irmán salto sobre nubes. / Coa miña irmá sobrevoo montañas. / Tanto teñen as nosas diferenzas / A unión é a nosa forza.

xoves, 22 de decembro de 2022

A pé de rúa: Unha novidade da colección Verdemar de Alvarellos e Os Bolechas e o dano cerebral adquirido


A encantadora de serpes de Álex Mene e Blanca G. Crespán. Unha nena na India, gana os cartos sendo faquir (traga sables, camiña descalza polo lume, hipnotiza a cobra...)  e conseguirá moito éxito . Con eses cartos pensa pagar a escola de maxia de Bombai, despois viaxará por todo o mundo... Eses son os seus soños. Ilustracións moi vistosas que nos sitúan no oriente.

Os Bolechas. Mireia conta que é o dano cerebral adquirido de Pepe Carreiro. A asociación FEGADACE colabora na edición deste volume. Coa axuda destes coñecidos personaxes, a guía tenta dar a coñecer esta problemática ás crianzas.  Iniciativas interesantes para visibilizar e explicar as causas  destas situacións que deben enfrotarse con obstáculos que a sociedade non acababa de resolver e para os que fai falla a colaboración de todas as persoas e organizacións. Nel fálase dos 3 F (Fala, Forza e Faciana) para recoñecer un ictus e acudir o antes posible a urxencias.