Amosando publicacións coa etiqueta Pepe Carreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pepe Carreiro. Amosar todas as publicacións

domingo, 30 de xuño de 2024

Ao redor de Manuel María

 

 

O poeta Manuel María fala cos paxaros da Terra Cha de Pepe e Abraham Carreiro publicado pola Casa Museo MM con axuda da Deputación da Coruña.  O poeta fala cos paxaros da Terra Cha (van aparecendo anacos de poemas relaicoandos con aves). Por medio dos códigos QR pódese acceder ao canto do cuco ou á canción de Suso Vaamonde e aos poemas de Manuel Mª sobre eses paxaros.

O poeta Manuel María ten un barco de xoguete de Pepe e Abraham Carreiro publicado pola Casa Museo MM con axuda da Deputación da Coruña. A partir da situación na que o poeta está a tomar un baño cun barquiño de xoguete na bañeira, entra a información sobre a auga con todas as consecuencias na historia: o río máis longo do mundo, o máis caudaloso, vemos ao poeta navegar no barco polo mundo, naufragar e ser rescatado por Manuel de Paderne (o personaxe eterno do seu imaxinario e realidade).... igual todo foi un soño! 

Para adolescentes aparece o libro Manuel María sachando na leira común, non na de un, de Pepe Carreiro. Ao estilo dos seus libros informativos, con texto nunha páxina e ilustración na seguinte, moias veces a modo de cómic con bocadillos. Preséntase así: "Publicación divulgativa, escrita e ilustrada por Pepe Carreiro, para dar a coñecer a figura de Manuel María, en ton humorístico, e dirixido para públicos a partir de 15 en diante (incluído público adulto)."

mércores, 1 de novembro de 2023

Outro libro ao redor das Letras

Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil de Antón Mascato e Pepe Carreiro está publicado por Galaxia. Aínda que non sei ben se consideralo cómic ou un libro informativo, si, case mellor. Unha biografía contada a base de ilustracións, que comeza situando a Belle Époque con todo o que se ocultaba debaixo de tanto glamour: folgas e represión, Rexurdimento das nosas letras e nacemento de Fernández del Riego. Paso a paso imos seguindo o decorrer deste ilustre dende as súas lecturas xuvenís aos estudos en diferentes cidades, a súa situación de testemuña nos acontecementos históricos como a chegada da República, a descuberta do país en Madrid a través das lecturas, a celebración do Día de Galicia en Lourenzá con reparto de manifesto e discurso galeguista dende o balcón do concello baixo a bandeira galega en 1931. A relación con Carballo Calero, Risco, Castelao, Seoane, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal con quen aprende o oficio de editor, a súa actividade nos organizacións galeguistas, sindicato de estudantes e SEG, as colaboracións en A Nosa Terra, a participación en mitins cando a campaña do Estatuto... O horror do golpe de estado e a guerra para a que é recrutado e a represión posterior cando é inhabilitado para o seu traballo de profesor na universidade de Santiago e como se reinventa en Vigo escribindo con varios pseudónimos, realizando programas en galego na BBC, creando e dirixindo Galaxia, escribindo todo o que era preciso, dirixindo a biblioteca Penzol e a RAG...   No final do libro, mentres se vai, afirma: "O Estado concede gratuitamente o dereito a ignorar a nosa lingua. É o xeito absurdo que se ten de culturizar o noso país: forzándoo a ignorarse a si mesmo." Outra lección!!!

Así se presenta: "Un home pode valer por mil? Vexamos: Paco del Riego foi membro das Irmandades da fala, do Seminario de Estudos Galegos, da organización xuvenil Ultreia, dirixente estudantil, fundador do Partido Galeguista, profesor na Facultade de Dereito, colaborador de prensa, secretario de Actas da Comisión para o Estatuto de Autonomía, conferenciante, crítico de arte, fundador de Editorial Galaxia, preso político, secretario do Partido Socialista Galego, director de Artes Gráficas Galicia, editor, director da revista Grial, académico e presidente da Real Academia Galega, director da Fundación Penzol, escritor, divulgador, coleccionista de arte, bibliófilo… E aínda tivo tempo para gozar da vida. Pois si, semella que Francisco Fernández del Riego foi un home que valía por mil!"

Un bo traballo de dous magníficos creadores, ao servizo das Letras, da cultura do país e da memoria democrática.

xoves, 22 de decembro de 2022

A pé de rúa: Unha novidade da colección Verdemar de Alvarellos e Os Bolechas e o dano cerebral adquirido


A encantadora de serpes de Álex Mene e Blanca G. Crespán. Unha nena na India, gana os cartos sendo faquir (traga sables, camiña descalza polo lume, hipnotiza a cobra...)  e conseguirá moito éxito . Con eses cartos pensa pagar a escola de maxia de Bombai, despois viaxará por todo o mundo... Eses son os seus soños. Ilustracións moi vistosas que nos sitúan no oriente.

Os Bolechas. Mireia conta que é o dano cerebral adquirido de Pepe Carreiro. A asociación FEGADACE colabora na edición deste volume. Coa axuda destes coñecidos personaxes, a guía tenta dar a coñecer esta problemática ás crianzas.  Iniciativas interesantes para visibilizar e explicar as causas  destas situacións que deben enfrotarse con obstáculos que a sociedade non acababa de resolver e para os que fai falla a colaboración de todas as persoas e organizacións. Nel fálase dos 3 F (Fala, Forza e Faciana) para recoñecer un ictus e acudir o antes posible a urxencias.