luns, 13 de outubro de 2025

VIII Premio Agustin Fernández Paz pola igualdade

VIII Premio Agustin Fernández Paz pola igualdade recaeu no libro Queco e Kika de Eva Mejuto que aparece ilustrado por Paula Cheshire na colección Merlín de Xerais, para rapazada a partir de nove anos.  

Así se presenta:"Queco é un can vello e roñón que vive desde hai tempo na casa de Sara e Lara. Kika é unha cadela alegre e rebuldeira que acaba de ser adoptada pola parella. Queco está aborrecido coa chegada da nova inquilina. Kika está encantada coa nova vida e fai o posible por agradar para que non a abandonen, como xa lle sucedera no pasado. Mais as boas intencións non sempre son suficientes para evitar meter a pata ante o señor Ramón, o veciño rosmón que está empeñado en botar do edificio a familia diversa que formaron Sara e Lara. Unha novela chea de humor sobre a convivencia e o amor aos animais, que mereceu o VIII Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil pola igualdade". 

Dúas voces, a dun e outro can. Dúas maneiras de ver a relación e de entender os sinais como se pode observar nos comentarios de Kika que se empeña en crer que Queco aacepta cando non é asi ao principio. O undo visto por un can vello e outra nnova, por quen está tranquilo e seguro nun fogar e quen o estrea despois de pasar por malas experiencias. A parella que comparte piso con eses dous cans e unha gata que vai ao seu. Os celos, o reparto de afectos, o medo a perder o que teñen, a ter que repartir... O veciño rosmón que está empeñado en botar fóra esa parella non convencional cos seus animais, perortodo vai tendo amaño, ás veces grazas a accidentes e outras porque o tepo vai facendo o seu labor. 

Un libro sobre a convivencia, o amor aos animais, o coidado dos seres vivos, o respecto a todas as opcións e a necesidade de poñer remedio en cada conflito, deficiencia ou problema. Case todo ten solución se estamos dispostas a realizar cambios e non poñer obstáculos.

Unha historia escrita cos fíos da naturalidade na que van entrando diferentes personaxes que poden non estar ben integrados nunha sociedade que busca a uniformidade. Personaxes que achegan a súa diferenza para enriquecer a trama dende o neno coas uñas de cores e aprendiz de violinista ao repartidor de pizzas, o vello que se pode dicir que os expulsa do edificio para acabar facéndose amigo e pasar moito tempo na casa á que van vivir; unha casa na que han de caber máis pois se ben a gata morre e ha de ser enterrada baixo a árbore, unha nova michiña chega para substituíla e unha criatura humana que anda a medrar na barriga de Lara.

Menuda familia... Cagonomundo (como diría Queco).

Ningún comentario:

Publicar un comentario