Un novo libro para a colección Pequena Memoria: Alicia e a mestra de Oza de Paula Carballeira con ilustracións de Iván R. está publicado por Xerais. Un álbum ilustrado coas características de todos os anteriores: gardas con documentos e fotografías que demostran a autenticidade da historia, un texto mecanografado ao final que contextualiza o que se conta, neste caso situándoa no maxistertio, no papel das mestras republicanas seguidoras da Institución Libre de Enseñanza que foron represaliadas despois do Golpe de Estado.
Así se presernta: "Agora as mestras non baten nas alumnas, pero daquela... canto máis duras eran as mestras, máis ríxidas e estritas, mellor sona tiñan. Pero tamén estaban as tolas, as que cantaban, as que tiñan unha maneira diferente de aprenderlles a vida." Esas eran as que desaparecían, tiñan que deixar as escolas ou incluso eran asasinadas. O papel de mestres e bibliotecarias era fundamental na República, eles achegan a cultura ao pobo, alfabetizaban, dábanlle valor á lectura e con el a todo o que significaba pensar e ser crítico, xustamente o máis deostado pola ditadura, por iso había que sacalos do medio. Por iso foron substituídos por xente do Réxime aínda sen formación, para adoctrinar a rapazada.
Alicia, unha na rapaza vainos falando dos diarios (que xa non se escriben), de recoñecer o valor das mulleres, dos arquivos, das placas que lembran o valor de alguén, as preguntas á veciñanza, a importancia dos nomes ("son poderosos, fan que existas"), das cartas (que tampouco se escriben xa), as mestras e os problemas coa ditadura, os fuxidos, a recuperación da memoria, a xente que ten placa e aquela outra que nunca a vai ter...
Afirmacións como estas, póñennos a pensar: As mestras que piden palabras e aquelas outras que piden silencio. O silencio non deixa que curen as feridas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario