sábado, 27 de decembro de 2025

BD para mocidade


Adelina de Sandra Lodi obtivo o premio Castelao de Banda deseñada  2024 na modalidade xeral. 

Así se presenta:"Despois de publicar Papóns, gañador do IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado e recoñecido cos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025 na categoría de Libro Ilustrado, Sandra Lodi volve con Adelina, Premio Castelao de Banda Deseñada 2024.

En Papóns, Lodi ofreceu un canto á identidade propia, ás nosas raíces e á diversidade real dos corpos e das vidas. A través da historia de Inés, unha nena que escapa das convencións e conecta coa súa esencia máis profunda, este álbum constrúe un espazo de representación onde a nosa sociedade pode sentirse reflectida.

Con Adelina, a ilustradora mantén a mesma forza narrativa. Adelina é unha muller maior que escapa da residencia na que está internada (contra a súa vontade) cun propósito tan teimoso coma ela: volver á súa casa. O resultado é unha obra que combina reivindicación, humor e crítica social cun estilo divertido e irreverente. Unha historia que defende a dignidade, a liberdade persoal e o dereito a decidir como queremos vivir, rompendo cos prexuízos e cos discursos idadistas.

Adelina chega agora ás librarías para reafirmar a voz singular dunha creadora libre e potente."

Esta Adelina ten algo que ver cos heroínas de Sálvora? Puidera ser! Por ese principio e final de barco, naufraxio e rescate por parte dunha muller moza que se atreve a todo na súa pequena dorna. Adelina é unha muller brava e non podemos entender como alguén pode crer que o seu sitio está nunha residencia da cidade. Dános pena o coidador novo ao que engana unha e outra vez pero que tamén loita pola liberdade desa muller que sabe o que quere e á que axuda aínda que perda o traballo. Afirmacións como as que ela lle fai "pois se queres axudar, préndelle lume a todo". Porque ela non cala e di sempre o que pensa, fuxe da residencia, enfróntase ao novos que pretenden rirse dela ou timala e volve ás orixes, ao lugar de onde nunca tiña que ter saído.

Dá máis pena o mozo bondadoso nun mundo que non respecta á boa xente.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario