Marcopola. A illa remeira. 5 Terra a dentro de Jacobo Fernández Serrano está publicada por Xerais na colección Merlín Cómics.
Así se presenta esta nova entrega da serie de banda deseñada: "Marcopola acaba de estrear pernechas e xa está preparada para recuperar o remo roubado. Acompañada dos seus inseparables Libro e Dragoneta, deixará a Costa das Patacas e irá cara ao interior a través de fabulosas paisaxes na procura de pistas que lles axuden a dar con el. No camiño atoparán novos amiguiños, vellos e perigosos inimigos e outros seres que non se sabe que son. Calquera cousa pode pasar nesta incrible viaxe, pasiño a pasiño, TERRA A DENTRO!"
Marcopola ha de elixir pernas e faino, decídese polas dunha bailarina de ballet, estilo Degas di, seguramente polo pintor que tan ben as representou. Agora que a illa ten pernas poden camiñar pola terra; van buscar o remo que lles roubaron.Van Marcopola, Libro e Dragoneta e o primeiro que atopan é a un trampeiro cazarrecompensas, cando miran o seu arquivador atópanse que alí están algúns como Dragoneta porque ceibou a un ladrón. Continúan o camiño, chove e resgárdanse nunha cova na que atopan ao tal ladrón cos seus fillos e cóntanlle que a súa muller (e nai) está na cadea, a cambio dinlle onde está o seu remo (na cova de Tulpa). Cada grupo ponse en marcha co seu obxectivo. Unha banda deseñada para rapazada a partir dos sete anos, surrealista e co seu culturalismo pois sabedes como remata, cunha referencia aos versos de Cunqueiro:
Non coñeces o mar?
-Non.
Nin o vento do mar?
-Non.
Quén eres pois?
-Unha sombra noviña
recén nascida e núa,
terra adentro!

Ningún comentario:
Publicar un comentario