luns, 18 de maio de 2026

Un novo título de... María Canosa

Un novo título de... María Canosa: Dipnoi, está publicado na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Así se presenta: "Sabela, Manu, Claudia, Fabio e Lois conforman un grupo en que a amizade convive coa sospeita, os prexuízos e o que nunca se di en voz alta. Sen pretendelo, Manu destaca por diferente. Coida o seu aspecto con esmero, fala pouco do seu pasado e non sempre encaixa nos moldes. Algúns admírano. Outros desconfían. Nin sequera quen o defende se atreve a preguntarlle o que todos calan. Mentres tanto, no territorio paralelo e anónimo da Rede, Dipnoi e LadyFolerpa manteñen unha relación intensa e profunda. Agochados tras a pantalla si son capaces de abrir a alma. O que non sospeitan é que, ao outro lado, se agocha alguén moito máis próximo do que imaxinan. Unha historia sobre o que se cala, o medo á tenrura e ao diferente; sobre o valor de ser un mesmo e das palabras que nos salvan, ou nos poden salvar." 

Dipnoi ten un significado propio na novela, pero tamén son dipnois unha especie de peixes. 

Unha entrevista á autora pode aclarar algo máis o contido da narración. As grandes contradicións de poder ser máis sinceros cando partimos da mentira dunha identidade diferente ou de como podemos asumir teoricamente o visto nos demais pero nos resulta moi difícil recoñecer en nós mesmos, de confusións tan complexas como que un mozo pode sentirse traizoado por un amigo cando o descobre homosexual (sen terlle informado, como se todos os homes puidesen atraelo, como se todo o mundo fose definindo con declaracións a súa homosexualidade ou heterosexualidade, como se as relacións de amizade e de parella fosen as mesmas...). 

Capítulos co título do personaxe no que se centra a narración mesturados con outros nos que se recollen as intervencións na rede baixo identidades ficticias, iconas e conversas directas nas redes ou de whp. A historia dun grupo de amigos que se reúnen no parque antes de ir de copas no fin de semana. A percepción de saberse unidos, as dúbidas de ata onde chega esa amizade, ata onde se poden sentir apoiados ou fican sós ao dispor do mundo. A inmigración coa carga de soidade que conleva ao moverse sen toda a familia, deixando atrás moitas veces os membros que eran a súa referencia. A personalidade de cada adolescente que os vai levando por un camiño, ás veces sen retorno. Esas decisións de Manu na vestimenta e no pelo que algúns non lle perdoan, eses sinais que fan saltar polo aire o grupo de colegas que van mostran os seus prexuízos, as filias e fobias de cada un deles, as dúbidas da adolescencia, 

O relato mantén a indefinición da tendencia sexual dos personaxes e iso é algo ao seu favor, porque o importante non é o que atrae a cada un deles senón o dereito á liberdade que nos debe acompañar sempre. Esas escenas finais coa violencia atravesándoas, violencias que viñan anunciadas por determinados xestos e complicidades nos capítulos anteriores, levan a historia ata unha situación dramática que se fai máis forte cando isto sucede nun lugar afastado da patria, do paraíso ao que fuxiron para atopar o inesperado.    

Co dedo posto na actualidade pois o nó lembra sucedidos non tan afastados, a autora sitúanos ante o problema da soidade e das preguntas, dos verdadeiros problemas e da adolescencia sempre problemática: esa etapa de desacougo, de emocións fortes, da intensidade da amizade... que nos enfronta ás grandes preguntas. Pero tamén nos coloca fronte á responsabilidade de cada un de nós ante a sociedade, da importancia do que dicimos ou facemos, de poñer o noso gran de area na construción dun mundo mellor, de como non é posible a imparcialidade e como esa se asimila a unha determinada postura.  

O tempos son difíciles e as respostas han de ser claras. Cando no vida real, un rapaz de catorce anos dirixe unha banda neonazi que sae de caza nunha comunidade autónoma como Asturias, todas as alarmas saltan polo aire. Igual que nos fan saltar o número de suicidios xuvenís (case infantís). Por iso é tan necesario ler novelas como esta de María Canosa e facernos preguntas acerca do mundo que estamos creando, das contradicións entre o que dicimos e pensamos, do respecto a todas as opcións máis alá de pequenos grupos e comunidades escolares, da necesidade de dar pasos seguros para que a rapazada poda entender o sentido ético e político das sociedades democráticas que non o son para permitir que alguén as rache senón para que todo o mundo ocupe o seu lugar de maneira responsable. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario