Amosando publicacións coa etiqueta Aira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aira. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de setembro de 2025

Libro informativo, libro de divulgación

A historia de Galicia en 30 obxectos é un libro informativo, un libro de divulgación que nos lembra a exposición temporal itinerante 100 Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura do Consello da Cultura Galega comisariada por Manuel Gago. Estaba inspirada en A History of the World in 100 Objects do British Museum, estivo comisariada por Manuel Gago Mariño.

O autor do libro, publicado pola editorial Aira,  é David Gesteira e o ilustrador Miguel Robledo. Así se presenta:"Disque os obxectos son quen de gardar o pasado e mantelo vivo para nós. Con este libro vas coñecer como elementos tan cotiáns coma unha campá, un carro, unha moeda ou un reloxo nos comunican coa historia de Galicia.  Polas páxinas desta obra do historiador David Gesteira pasan libros prodixiosos, ferramentas do pasado, edificacións senlleiras e multitude de historias do noso pobo."

Cada obxecto ligado a unha época: biface,  ofrenda de Cavaladre e petróglifo da Pedra da Auga dos Cebros á Prehistoria, estatuíña de Mercurio aos romanos, o xadrez de Ilduara e Rosendo (mundo islámico), o Códice Calixtino ou o alquerque (medievo),  o muíño, a dorna, o hórreo, o lagar, o cruceiro, o carro, o reloxo de sol, o tear, a monteira... á cultura popular ao longo dos séculos. E así van pasando un a un os 30 obxectos nos que o autor se detén sen esquecer adiantos tecnolóxicos como a pila Bunsen, obxectos tan comúns coma o almanaque agrícola ZZ ou tan reivindicativos como a bandeira de Nunca Máis. Remata o libro cunha estensa bibliografía para continuarinvestigando,  

domingo, 29 de xuño de 2025

O campionato de wáter - polo do río Mara


O campionato de wáter - polo do río Mara de Agustín Agra está ilustrado por Fon e publicado por Aira editora.

Así se anuncia: "Cada ano, o equipo dos crocodilos gaña o campionato de wáter-polo do río Mara. Nin rinocerontes nin flamengos nin ñus poden con eles. Mais desta volta un equipo de rapazas e rapaces está a piques de dar a sorpresa.  Un conto cheo de suspense e humor que nunca cansarás de ler e reler."

Se buscas información sobre o río Mara atopas que "A gran migración é un fenómeno natural que se produce entre Masai Mara en Quenia e Serengeti en Tanzania de forma cíclica cada ano. Miles de ñus, cebras, algúns antílopes e carroñeros, móvense entre os dous parques buscando pasto fresco. Ver a gran migración é un dos acontecementos máis singulares e impresionantes que se poden contemplar especialmente se a vemos cruzar o río Mara".  

Un pai tenta que o seu fillo coma pero o rapaz está instalado no NON!, e o pai vaille contando a historia dese campionato no que os crocodilos son imbatibles, nin ñus con cornamenta nin flamengos con zancas, nin xirafas nin antílopes, rinocerontes, leóns ou cebras, non perden cos crocodilos os que non xogan coma os elefantes, os chimpancés que venden golosinas nos encontros ou os gorilas que se ocupan da seguridade, pero hai un novo equipo que leva as de ganar, o dos humanos, iso sempre que o repelente de réptiles dure o suficiente,que pasará? iso é o que pregunta a criatura que deixamos na primeira páxina sen apetito. As ilustracións engaden información a ese partido que vai máis alá dun acontecemento deportivo enchendo de humor e terror as planas.  

Unha historia dentro doutra, unha realidade contada nun xogo. Un libro que conta coa intelixencia do lectorado.