Amosando publicacións coa etiqueta Elena Andrés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Elena Andrés. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de xullo de 2025

Un álbum e unha nova entrega de BD

Un monstro en apuros de Guadalupe Acedo e Paula Jerez traducido por Vanessa López e publicado por Miau.

Da presentación editorial: "Mocallo é un monstro que vive na casa dunha familia onde se pasaba o día asustando aos medorentos xemelgos. Pero cando naceu Tecla todo cambiou. Como vai asustar a Tecla se lle encantan as historias de medo? Xa non sabe que máis facer para dar un bo susto á nena, se mesmo foi a clases particulares para mellorar. Terá que buscarse outra casa?" 

Realmente, é a nena a que acaba asustando ao monstro de forma que remata o libro cunha pregunta: "Hai quen aínda pensa que as nenas son medrosas?" e na imaxe o monstro e a nena xogan a asustar aos irmáns maiores, ese xemelgos aos que tan doado resulta meter medo.

A brigada Iridiscente en O fantasma do vestiario das rapazas de Elena Andrés publicado por Galaxia

Así se presenta:"É o primeiro día de clase para a Brigada Iridescente, xa van en 6º de primaria e están moi emocionados. Todo parece ir ben na escola, pero axiña comezan a pasar cousas raras. Luces que se apagan, portas que se pechan soas, obxectos que rompen… Ten que ser un fantasma; entón, a lenda da escola é certa! 

Acompañade a Vale, Eloi, Gaeul, Cristian, Nina e Paulo nesta nova aventura! Só as nenas e nenos máis valentes serán quen de facerlle fronte ao fantasma!..."

Un grupo de rapazas e rapaces ben distintos, cada un coa súa personalidade, totalmente diferentes tamén fisicamente que se embarcan na titpica historia de lendas urbanas, misterio e medo. O último ano en Primaria cando son os maiores co CEIP antes de ser os menores no IES, así que se terá que notar

martes, 10 de setembro de 2024

Unha nova serie de cómics comeza...

A Brigada Iridescente de Elena Andrés presenta a súa primeira entrega "O labirinto dos inchables" na editorial Galaxia dentro da colección Banda Deseñada. 

Certamente estamos de sorte. Unha das eivas que tiñamos dentro do sistema editorial galego, no que respecta ao lectorado infantil en relación á banda deseñada, estase a cubrir por parte de varias editoriais. Faino Xerais cos máis pequenos e faino Galaxia. Certamente non todos os produtos son de calidade, pero non nos queda outra máis que darlle a benvida a todos eles para que sexan as persoas mediadoras e a rapazada quen escolla.

Neste caso, temos un cómic clariño no que as elipses son as que corresponden de maneira que non nos perdemos e podemos seguir a historia sen perder detalle. Por outra banda o debuxo é claro, os personaxes están moi ben definidos (aínda que o deseño dalgún deles poda lembrar outros anteriores), as familias da rapazada son case recoñecibles e con valores de igualdade e diversidade e a historia ten a súa dose de orixinalidade, misterio e medo. Non nos imos aburrir con esta brigada!  

Preséntase así: "A Brigada Iridescente é un grupo de amigos que cada día procura unha nova aventura. Nas festas de verán da súa vila, e tras visitar moitos postos e atraccións, acaban nos inchables. Un momento, onde está a saída? E quen é ese home tan raro?  Serán capaces de saír ilesos do labirinto dos inchables os nosos cinco amigos? Todo isto e máis nesta aloucada historia!"

luns, 1 de xullo de 2024

De amizades

Vou! de Elena Andrés publicado por Galaxia. Da presentación editorial:"Xan e os seus amigos quedan todas as tardes no parque. Hoxe van xogar aos agochos e tócalle a el poñerse a buscar.
“Sempre me toca contar a min…” Tarde piaches, Xan! Conseguirá dar co agocho de cada un dos seus amigos? A ver se desta atopas a alguén!"

Moi interesante. Conforme el vai buscando ti vas vendo onde están agachados os demais (nunha árbore, no castelo de area, no estanque, na papeleira, no conxelador, detrás do trombón, no anaquel da libraría, na caixa do violín, entre os balóns do polideportivo, entre os gatos no recuncho do parque... Con el imos percorrendo os diferentes lugares do barrio, buscando a cada un deles e a cada unha delas nas posturas máis difíciles, pero ademais dese xogo de busca emos aquel outro de descubrir máis detalles divertidos como esa moza que le un libro do revés. O certoé que cando o protagonista volve á árbore do principio alí están todos, perdeu unha vez máis, pero aí non acaba o xogo, pois cando vai camiño da casa coa irmá esta dille que algún día se van decatar de que se fai o parvo e el contesta: 

-"Cala que te van oír! E que queres que faga co contentos que se poñen! Ademais fanme moita graza os recunchos nos que se meten. Bótanlle moitas ganas, he, he. 

- Estás feito un pillabán... -contesta ela, finalmente"

Certamente, el chega de último ao campo de xogo xustamente para que lle toque apandar porque o pasa ben buscándoos e facendo que non os ve, ao tempo que escoita jazz ou toma un xeado.

Un bo libro!

luns, 14 de agosto de 2023

Unha novela de temática transexual acada o XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez"

Unha novela de temática transexual acada o XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez" da Deputación de Ourense.

Un premio que se caracteriza por unha mala distribución de forma que non sempre damos accedido ás obras ganadoras pero que conta cunha característica moi especial: premiase a obra e máis tarde premiase á ilustradora ou ilustrador que mellores imaxes lle pon. Pois ben, na letra Francisco Castro Veloso e nas ilustracións Elena Andrés. O seu título Xoán, Xoana

Na nova de prensa recóllese, a respecto do libro, que defende valores a ter en conta como a reafirmación da identidade na adolescencia, o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo ou o a visibilidade dos aspectos de xénero que trata con naturalidade nun contexto educativo, a maneira na que aborda situacións de conflito como é o acoso, ou o tratamento do fútbol e a distribución dos patios de recreo e como reflicte un problema que se presenta tanto entre a rapazada como entre as persoas adultas (no colexio, e na familia), pon sobre a mesa a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade, co cal provoca que o lector sinta empatía polas persoas que son diferentes e ponnos -a nós- diante do espello. 

Xoán séntese Xoana, quere que lle chamen así, porque se percibe nena, quere vestirse como unha rapaza e actuar como tal. Faino dunha maneira moi natural e ten a sorte de contar cunha amiga que a acompaña neste proceso de cambio. A nai tamén o fai e un profesor que está disposto a colocarse na diana vindo ao centro en saia para obrigar a enfrontar o problema... pero son moitos os que non poden admitilo: ao pai cústalle traballo, os avós non dan reaccionado, os compañeiros acósano, a directora do centro reacciona da peor maneira posible, as familias no whp, o ciberacoso... e como detonante unha liga de fútbol. Os de Atrás sempre dispostos a atacar e fronte a eles só pode resistirse, ademais, da súa posición clara e valente, pode contar co apoio de xente que decide actuar e non gardar silencio ante o asoballamento, os prexuízos e a inercia de querer que todo continúe igual. Realmente, só cando se provocan iniciativas de respecto e igualdade son posibles os cambios.

Sexto de primaria, dez días cara ao final de curso, días que se contan cara atrás (quedan 12 /9 7/ 8 /...)  días para o comezo da liga), a violencia vai en aumento e pode estallar en calquera momento, van necesitar axuda... e conseguirana (hai xente disposta a pintar a bandeira multicolor na patio unha noite, a roubar as porterías de fútbol outro e incluso e levar os balóns para que nons e poda xogar). A voz protagonista, resulta por veces algo infantil e outras moi madura, seguramente son así cando teñen once ou doce anos, sempre decidido e con argumentacións fronte á violencia, disposto a recibir golpes e insultos antes de volverse atrás, a pesares das dúbidas que por veces a asaltan. A pesar de tantas bágoas, de tantos malos momentos, Xoana resiste e o mundo vai ser algo mellor.