Amosando publicacións coa etiqueta Filosofía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Filosofía. Amosar todas as publicacións

xoves, 3 de outubro de 2024

Variedade: O libro secreto da Filosofía, Caderno de cores e cancións

O libro secreto da Filosofía de José Carou está ilustrado por Sara Valcárcel e publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Atréveste a pensar?  Queres morrer de risa dando unha volta pola antiga Atenas con Sócrates, o home máis feo, sabio e bondadoso da Grecia Clásica? Tes valor para correr aventuras, pasar medo e namorarte  no santuario dos animais salvaxes con Alexandre Magno e Aristóteles?  Deixas que Simone de  Beauvoir che explique por que “inventou” o feminismo…?

Se contestas que si, abre O libro secreto da Filosofía e comeza a ler. Viaxa con Eila e Breixo, os dous rapaces protagonistas, a través do tempo e doutras dimensións e vive aventuras onde coñecerás os filósofos e filósofas máis importantes da historia e poderás achegarte á orixe do coñecemento. "

Unha historia contada pola rapaza na que aparece acompañada polo rapaz, o gato e o can. Viaxes no tempo. Encontro do filósofos e contada en modo fácil. Libro adornado para facelo ameno e atraínte, xogos coas cores e as iconas, as letras e as orlas.

Caderno de cores e cancións de Magín Blanco co ilustracións de Sonia García está publicado por Galaxia na colección Sonárbore. Participación do alumnado de Primaria do CEIP da Carrasqueira e tamén das usuarias de APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral).  Un código QR lévanos ás cancións. Preséntase como "Un diálogo entre as músicas, os instrumentos, as rimas e as sonoridades. Unha invitación a participar nunha viaxe onde as emocións son as protagonistas."

Unha cata: "A simboloxía das cores": O branco da inocencia. / O negro do misterio. / O amarelo da alegría. / O vermello da paixón. / O azul dos ideais. / O laranxa (vermello + amarelo) do entusiasmo. / O anil (vermello + azul +branco) da sensibilidade. / O violeta (vermello + azul) da creatividade. / O verde ( azul + amarelo) da saudade e a natureza. 

Nas ilustracións altérnanse as que utilizan todas as cores e aquelas outras en branco e negro. Interesantes
pero coa dúbida de se son demasiado semellantes ás de outra ilustradora, ou é ela mesma? 

venres, 10 de marzo de 2023

Filosofía en 28 conversas

Miguel Vázquez Freire é filósofo, pero no só, tamén escritor de ficción, tamén crítico literario e de arte, tamén innovador educativo, tamén home de teatro... Neste caso, baseándose nun programa de radio que levou a cabo no seu Corcubión natal ao longo da pandemia, divulgando filosofía, saca a luz este libro que se sitúa na colección Seica de Xerais.

O moucho voa preséntase así: "Un libro pensado para introducir a mocidade na filosofía. Está constituído por 25 conversas, amenas e desenfadadas, organizadas nos catro temas principais dos que se ocupa a filosofía tradicionalmente: o Ser, obxecto da ontoloxía; a Verdade, obxecto da teoría do coñecemento ou epistemoloxía; o Ben, obxecto da filosofía moral ou ética; e a Xustiza, obxecto da filosofía política. A filosofía ocúpase dos asuntos que nos preocupan a todas as persoas e proporciónanos instrumentos para pensar con maior rigor, para facer das nosas vidas unhas vidas plenas. Porque as grandes ideas filosóficas tamén interesan ao común da xente. Porque calquera persoa, espontaneamente, ten preocupacións relacionadas coa filosofía".

Non hai mellor maneira de falar del... As conversas simuladas cun par de persoas: unha moza e un xubilado achegan a inxenuidade das preguntas ás que o filósofo ha de dar resposta.