Amosando publicacións coa etiqueta Olaia Sendón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Olaia Sendón. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de maio de 2025

Unha homenaxe á fotografía

A fotógrafa Perpetua de Olaia Sendón, vén sendo iso, unha homenaxe á fotografía. Está publicado por Xerais fóra de colección, en formato álbum ilustrado pero coa presentación dun vello álbum de fotos.

Así se presenta: "Perpetua sempre o tivo claro: ela ía ser fotógrafa, o mellor oficio do universo! As fotos que fai contan historias, explican o mundo e axudan a recordar as cousas e a xente que se foi deixando atrás. Ser fotógrafa é marabilloso. Este libro, que tamén é un álbum de fotos, conta a vida de Perpetua, pero tamén algo máis: en todas as súas imaxes hai un segredo agochado."

Certo, as fotos contan historias, explican o mundo e axudan a recordar o que se perdeu. E máis neste caso, no que as fotos que se supoñen da autoría de Perpetua forman un percorrido pola historia desta arte, dende os fotógrafos das pequenas vilas a Ruth Matilda Anderson visitando Galicia a principios do século XX, da Kasado a Pacheco e o seu arquivo en Vigo, de Capa a Cartier - Bresson, artistas contemporáneos que achegan arte conceptual e experiencias realmente transformadoras a fotoxornalistas, dun lado a outro do mundo. Pasear esta historia da fotografía a través de fotógrafos representativos a nivel local ou internacional ou de fotografías icónicas que nos falaban sempre das historias que hai detrás de quen apreta o clic e de quen aparece a través do obxectivo. Un libro que só podía crear unha ilustradora e escritora, unha fotógrafa que naceu inmersa nese mundo porque seu pai é un dos estudosos e artistas desta arte, un profesor de Belas Artes que imparte esta materia.

As gardas non son gratuítas, introducíndonos no mundo dos álbums de fotos, das pestanas nas que apoiamos cada imaxe, nos restos que quedan cando as retiramos e que se ve completa coa parte na que aparece un espazo para que o propietario do libro poda colocar a súa primeira foto, a da súa casa, familia e as súas cousas. Fotografías ou debuxos porque o libro está ilustrado e non con fotos. Remata a obra cun glosario de imaxes na que se achegan datos sobre cada unha das que aparecen ao longo do libro, e sobre a autora ou autor que as realizou.

A autora non é allea á LIX, pois xa ten publicado A crebeira Marabillas.

Un agasallo intelixente que colaborará no enriquecemento de quen o recibe!!!

domingo, 16 de febreiro de 2025

Ciencia ficción

 

Nave de Olaia Sendón forma parte da colección Fóra de Xogo de Xerais. Resultou finalista do premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Despois de libros tan diferentes como A crebeira Marabillas (infantil) e A fotógrafa Perpetua (ficción documental) aparece esta novela de cicncia ficción para lectorado mozo. 

Así se presenta na sinopse: "Néboa fixo dezaseis anos hai pouco e abúrrese mortalmente na clase do profesor Nogueira. Tampouco pode deixar de pensar en que lle acontecería a Noite, a súa amiga que acaba de morrer. Polo resto, a vida de Néboa é moi normal, ou todo o normal que pode ser a vida de alguén que naceu nunha nave espacial e forma parte dos últimos cen mil superviventes da raza humana.

Unha gran nave, unha orde estrita, unha ensinanza para preparar o futuro, uns colonos que terán que baixar a ocupar un planeta... Quen son os máis preparados para facelo? Que deben dominar para poder facerlle fronte a unha nova realidade? Que pasou cos enviados anteriormente? De todo isto se trata, entre máis misterio que claridade, pero tamén de amizade e amor de todo tipo, dos dirixentes que se converten en titores anodinos de novas xeracións e da escolla daqueles nos que deixan as esperanzas. 

Un futuro incerto que deriva dun presente que todos/as coñecemos e do que descoñecemos se vai poder sobrevivir. A filosofía, as castas familiares, as bibliotecas e arquivos... teñen un papel nesta historia. O mellor é esa imaxe dunha inmensa nave na que se garda a humanidade á espera de atopar o planeta no que instalarse, un planeta do que non se sabe o nome (ou si?), un planeta no que repetir a historia (ou partir de algo aprendido?). Así é a humanidade, capaz de aprender ou desaprender, capaz dos máis altos ideais e dos máis baixos instintos.