Amosando publicacións coa etiqueta Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de decembro de 2024

Unha novela que se ergue dende o TDAH e o bullying

 
Unha novela que se ergue dende o TDAH e o bullying para construírse como literatura xuvenil que doe pero cura, que podería ser un bodrio de "problemática actual" pero resulta crible e dá na diana. O último premio Jules Verne de Literatura Xuvenil está escrito por unha muller que traballa como chef pero ama a escrita. 

I´m Obelix de Raquel Fernández Fernández está publicado na colección Fora de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Isma, un mozo de 13 anos, afronta un novo curso do instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que en principio semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas -e mesmo de certo alivio-, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade dun sector do profesorado e do alumnado. Con certos toques de humor e unha chea de referencias ao mundo adolescente actual, «I'm Obélix« achéganos á crúa realidade do día a día nun instituto calquera, onde ser diferente é un desafío e, demasiadas veces, constitúe unha traxedia para a vítima e a súa familia. XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil"

O título de cada capítulo leva o nome do personaxe que o narra e nalgún caso unha frase significativa como Caramelos de pau (que Isma lle dá ao abusón Alex pensando que así o deixará tranquilo), Unha pedra no zapato (algo molesto que debes quitar pero non o das feito) ou Xeado de doce de leite (que van tomar ao final para celebrar que todo rematou, polo meos por agora). Porque o abuso é algo que continúa e continuará presente sempre que haxa quen se sinta necesitado de mancar aos demais pe¡ara sentirse máis, porque na banalidade do mal está incluído ese personaxe que fai mal, os que os secundan  e os que calan, tanto dende o grupo de alumnado como de profesorado (ai! dos que queren fuxir de problemas e din que non ven ou incluso entenden que o ensino é como a mili e aí deben facerse homes e mulleres, dos que ven claramente pero non actúan porque non é a súa titoría u porque van cheos de traballo). Mentres tanto, do outro lado os machacados para os que non existe razón nin física nin psíquica, poden facerlle bullying por listos ou por torpes, por altos ou por baixos... é cuestión case de azar e eles/elas sábeno por iso buscan a sombra dos ganadores porque se non hai un "estado" que os defenda están ao dispor do peor da sociedade.

Resistir sen contar para non disgustar ou porque dubidan de que os crean, chegar a facerse daño a si mesmos de mil maneiras, sentir ganas de desaparecer (o suicidio como unha nube negra sobre a cabeza). Non atreverse a acusar (están ameazados), non querer acusar (son compañeiros, sempre tes a esperanza de que mañá amañeza doutra maneira e non queres facerllles mal). Denunciar é imprescindible por el pero tamén polos demais, para que non continúen facéndollo a ninguén máis, por iso quen o fai é un superheroe (Obelix ou non). As familias, ese retrato da nai que cre que a súa filla nunca fai mal, que sempre son os demais os que van a por ela. Os que pensan que son rapazadas, boberías que hai que superar... Todos está descrito, paseniñamente e ben vemos cal é o que pode salvar: o afecto e a comprensión da familia, os apoios que busca, o profesorado comprometido, as asociacións... e, sobre todo, que existan estruturas de seguridade coma os equipos directivos ou consellos escolares, a cosellería de educación (o Estado) que coida da xustiza social, que evita que o mundo sexa unha selva na que os fortes atacan aos débiles e os dereitos non están á man de todos e todas.

xoves, 23 de maio de 2024

Un Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

Cicuta para dous de Rocío Leira acadou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil na última convocatoria.

Así se presenta: "«Búscase persoa curiosa para resolver crime que aínda non se cometeu.» A aparición desta mensaxe na sección de anuncios por palabras dun xornal esperta a atención de Erundino Terrón, un filósofo solitario e rosmón. Xunto coa súa secretaria Irma, verase inmerso nunha investigación contra o reloxo que o levará a desentrañar as mensaxes cifradas que chegan cada mañá nas páxinas do diario.Unha investigación chea de humor e intriga que che descubrirá a cara máis sorprendente da filosofía e na que, buscando respostas, tan só atoparás preguntas."

Resultoume sorprendente porque a pesar da presentación agardaba o libro dunha matemática e atopei o dunha filósofa. Esas liñas invisibles que van das ciencias ás letras, da filosofía á matemática crúzanse pola vía da abstracción por medio de paradoxos que xogan co absurdo pero, sobre todo, co pensamento. A curiosidade, a busca da verdade e do coñecemento. Un percorrido polos filósofos antigos e polas anécdotas nas que se viron envoltos, para aterrar na actualidade. A relación entre un home solitario e "artista contemporáneo" nesa obsesión polo saber que só pode traer consigo o xogo con conceptos, seguramente sen resolución ou realización plástica na práctica. Un home ao que non podemos chamar ocioso porque vai á oficina coma un burócrata calquera a traballar "no seu", que conta cunha secretaria da que non se entende moi ben o papel (máis alá de xestionar as conferencias que lle aparecen ao Erundino) ou darlle o contrapunto ao xefe. Pois el, gris, está fronte a unha muller que se preocupa polo físico (como corresponde a unha secretaria, pode comentar alguén? pero ninguén a ve máis ca el...), a unha muller que le revistas do corazón e semella non poder darlle nivel á súa conversa, nin ideas (máis alá de ver o seu mundo dende fóra), unha muller que segundo imos lendo nos primeiros capítulos é menosprezada por el... pero o final vai resultar sorprendente, porque as cousas non sempre son como parecen e, por veces, o destino xoga contra nós.

Gustosa de ler. Unha novela que achega a filosofía ao lectorado novo e que pode dar moito que falar porque nas esquinas, nas dobreces hai moito que descubrir. 

sábado, 28 de xaneiro de 2023

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

O XIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021 foi para Berta Dávila por Un elefante na sala de estar

Un suicidio. As voces da familia e amigos dan achegando a súa visión sobre Rosa. "Diferentes xeitos de afrontar a dor, a culpa e o estigma social durante o proceso de loito". A problemática do suicidio "que é xa a primeira causa de morte non natural entre a poboación adulta e moza" colócase sobre a mesa para diseccionala ou como  nun calidoscopio o retrato da muller para que sexamos conscientes de que nunca coñecemos de todo, nunca temos todos os datos e poucas veces coinciden.

A imaxe da cuberta con ese calidoscopio no que as imaxes se multiplican, esa parábola hindú na que catro sabios cegos queren saber como é verdadeiramente un elefante ao que o rei lles contesta "o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefantes é a suma de todo iso (unha corda se tocas a cola, un tambor se tocas o bandullo, un abano se tocas unha orella, o tronco dunha árbore se tocas unha pata) e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería."

Porque un elefante na sala de estar é tamén iso que está á vista de todos pero ninguén nomea...

Aproveitemos para darlle voltas a algunhas frases..."É coma se as nais gardasen unha parte de nós e coma se quedar orfa fose unha amputación", "Cadaquén ten unha febra de distinta cor, que se vai combinando para facer un debuxo deste tempo."